“A recuperación das pallozas e hórreos pode ser unha vía para que se volva cultivar centeo”

A conservación de pallozas, hórreos ou sebes tradicionais é unha tarefa pendente en moitos núcleos rurais dos Ancares. A súa restauración contribúe a dinamizar aldeas e pode xerar nichos de emprego. Coñecemos algunhas destas construcións recuperadas nos últimos tempos

“A recuperación das pallozas e hórreos pode ser unha vía para que se volva cultivar centeo”

Hórreo restaurado en Castelo de Frades na parroquia do Cerexeido, en Cervantes.

Xunto coa biodiversidade dos seus montes, as pallozas e os hórreos con teitos de palla, as cabanas teitadas de lousa ou as sebes tradicionais son parte do atractivo e singularidade dos Ancares. Porén, moitas destas construcións singulares esmorecen a día de hoxe nas aldeas da montaña lucense.

No Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares teñen claro que a conservación deste patrimonio é unha vía para revitalizar os núcleos rurais e un xeito máis de contribuír a fixar poboación. Por iso, focalizaron esforzos en facer posible a recuperación destas construcións.

Nos últimos tempos arranxaron o teito de palla dun hórreo e o de lousa dun antigo muíño

Nos últimos tempos conseguiron que se restaurase o teito de palla dun dos hórreos situados na aldea de Castelo de Frades, na parroquia do Cerexeido, en Cervantes (Lugo), así como o de lousa dun antigo muíño ó que xa se lle derrubara o teito.

As dúas actuacións foron financidas coas axudas que a Consellería de Medio Ambiente destina para investimentos non produtivos con obxectivos agroambientais dentro da Rede Natura 2000, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas conservan unha liña que xestionan os concellos, pero abriuse outra liña para que poideran solicitar as axudas os propietarios particulares.

Unha oportunidade para recuperar cultivos

tellar-horreo-con-palla-de-centeo-

Colocación da palla no teito dun hórreo restaurado nos Ancares.

A restauración de construcións tradicionais como os hórreos ou pallozas, con teitos de palla,é tamén unha oportunidade para recuperar oficios tradicionais, como o de teitador,ou o cultivo do centeo, cuxa palla se emprega nas cubertas.

“Volcámonos na recuperación destas construcións porque é un xeito de crear nichos de emprego”, apunta David López, enxeñeiro forestal que colabora directamente co CDR e que se encargou de xestionar e informar sobre estas axudas ós veciños.

Teitar de novo con palla, logo de que moitas destas construcións foran teitadas de xeito provisional con chapas metálicas para evitar que se derrubasen, supón tamén un reto, xa que o cultivo do centeo foi case desaparecendo destas zonas. “Recuperar estas construcións pode ser un xeito de que se volva cultivar centeo ou outras variedades de cereal en searas abondoadas e que suporían unha discontinuidade na actual expansión do mato, reducindo a combustibilidade dos ecosistemas”, indica o enxeñeiro.

Nos Ancares o cultivo do centeo esta practicamente perdido e escasea a palla para os tellados

David tamén apunta a que se poida establecer unha colaboración con outras entidades como o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) onde levan tempo conservando no seu banco de xermoplasma diferentes variedades de cereal. “Nós estaríamos moi interesados en dispoñer de semente de centeo autóctona, e poderiamos reproducir e incrementar as reservas varietais e aproveitar a palla, que é o que precisamos para os teitos”, refire David.

A escaseza desta palla é tal que para a recuperación deste hórreo a palla veu dende Astorga. “Nos Ancares este cultivo está case practicamente perdido”, apunta o enxeñeiro. De feito, coa intención de contar con palla para restaurar os teitos, no Piornedo a Asociación ‘Teitos de Piornedo’ sementou dúas fincas de centeo. Pero a escaseza fai que para teitar se procure a palla noutros lugares. “Un teitador moi activo, que é o unico que practicamente teita neste territorio, está barallando a posibilidade de traela palla dende Polonia”, indica López.

Un oficio tradicional, con escaso relevo xeracional

Outra das dificultades que se atopan para levar a cabo a recuperación destas construcións, sobre todo daquelas como os hórreos e as pallozas, con teito de palla, é atopar quen domine este oficio. Juan González Abella, da empresa Construpiedra Burbia S.L., é un dos poucos teitadores que queda nesta zona e que gusta de recuperar este patrimonio.

Escolares dos Ancares nun taller sobre os teitos de palla.

Escolares dos Ancares nun taller sobre os teitos de palla.

O feito de que apenas se fagan teitos de palla condiciona que moitos dos que coñecían como colocar a palla optaran por dedicarse a outros traballos. Ademais, “colocar, prensar e atar a palla ó teito é un traballo duro”, apunta David.

Neste oficio tamén hai pouco relevo xeracional e coa intención de amosarlle o oficio ós máis novos, a Asociación O Teixeiro de Piornedo, coa axuda de Construpiedra Burbia S.L., organizou unha sesión con escolares dos colexios de Cervantes e Navia de Suarna para que coñeceran como se constrúen estes teitos.

Patrimonio por recuperar

Ademais de abrir a porta á recuperación do cultivo de cereais e de manter oficios tradicionais, a recuperación destas construcións está sendo un xeito de dinamizar a actividade e a vida destas aldeas, ademais de ofrecerlle melloras ós habitantes e loitar contra o abandono. “Hai que facilitarlle as cousas á xente para que non decidan marchar”, apunta David.

Conxunto de alto valor, pendente de restaurar, conformado por palloza e hórreo, en Cereixedo (Cervantes).

Conxunto de alto valor, pendente de restaurar, conformado por palloza e hórreo, en Cereixedo (Cervantes).

Xunto co hórreo de Castelo de Frades, tamén se recuperou un antigo muíño con teito de lousas e traballan nunha recompilación de construcións localizadas en distintas aldeas que poderían recuperarse.

“Historicamente centráronse os esforzos en dous núcleos, no Cebreiro e no Piornedo, agora bastante minguados, pero quedan moitas construcións por recuperar que poden ser útiles para os veciños noutras moitas aldeas”, apunta López. Boa parte dos hórreos úsanse polos veciños a modo de despensa onde conservan as colleitas: cereais, patacas, fabas ou outras legumes.

Boa parte dos hórreos úsanse polos veciños a modo de despensa onde conservan as colleitas

Un dos núcleos onde contemplan que se podería recuperar hórreos e pallozas é o de Deva, onde xa só queda un veciño, que conta cunha gandería de vacún. “O traballo que está a facer este veciño pola conservación da paisaxe e da biodiversidade é moi importante, tendo en conta que ademais aí non cabe a mecanización dos traballos pola dificil orografía do terreo con elevadas pendentes, polo que supón un gran esforzo conservar os prados. Ademais o seu gando convive co oso e o lobo sen ningún tipo de problema grazas ó esforzo de aplicar medidas preventivas ós posibles danos”, recoñece o enxeñeiro.

Recuperar sebes e soutos

A parte das restauracións do patrimonio, tamén se levaron a cabo actuacións para mellorar prados de sega. Neste caso, as actuacións centráronse en mellorar as estruturas tradicionais de rega, así como o mantemento ou mellora das sebes nas lindes das fincas e a eliminanción de mato invasor.

“Estas actuacións deberían contemplar melloras na estrutura completa da rega, senón os resultados están moi condicionados ó non poder mellorar todo o sistema e limitarse a unha finca en concreto”, explica David.

Tamén estaba prevista outra actuación para a mellora dun souto, cunha axuda que fora aprobada pero á que finalmente tiveron que renunciar, posto que os prazos da convocatoria non se axustaban ós traballos a facer. En concreto, pretendíase realizar unha poda que, para poder xustificar a axuda, debía realizarse en pleno verán, a peor época para estes traballos nos castiñeiros, existindo risco de que secasen, o que motivou que se renunciase á partida.

O tellado de palla das palloza adoita durar entre 20 e 25 anos.

O teito de palla adoita ser preciso renovalo cada 20 ou 25 anos.

A falta de información, un dos maiores atrancos

Pese a que en boa parte das aldeas hai construcións tradicionais que recuperar, a penas se están levando a cabo restauracións. Así, dende o Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares céntranse en informar ós veciños e propietarios das axudas dispoñibles para poder asumir estas actuacións de restauración e conservación, tanto do patrimonio como do hábitat.“Nós actuamos como informadores directos porque ningún organismo público se preocupa por informalos e os veciños descoñecen este tipo de oportunidades”, indica López.

A gran dispersión dos núcleos rurais, a lonxanía ós organismos públicos, a ausencia de transporte público e o envellecemento da poboación destas zonas tamén son factores que limitan que os propietarios teñan coñecemento das axudas.

A falta de información e a dispersión das aldeas dificulta que os propietarios soliciten as axudas para as restauracións

“É unha poboación moi dispersa e que non está ó tanto destas subvencións porque non poden estar desprazándose continuamente a núcleos máis grandes para informarse e aquí non lles chega este tipo de información sobre axudas das que poden beneficiarse”, explica o enxeñeiro.

Tamén a complexidade do proxecto que deben presentar ou o feito de que deban adiantar os custos da rehabilitación son outros dos obstáculos que detectaron dende a asociación. “Boa parte dos propietarios destas construcións son xente que non ten unha gran liquidez como para afrontar os pagos por adiantado que implican e que tampouco están acostumados a este tipo de xestións económicas, que lles resultan complexas”, apunta López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información