A rapa das bestas de Candaoso, en Viveiro, declarada Festa de Interese Turístico, non terá por primeira vez loita de garañóns

A Xunta enviou comunicacións aos organizadores lembrándolles que as pelexas de cabalos están prohibidas e podería obrigar a substituir a tradición de marcar os animais cun ferro quente, que polo de agora se mantén

Publicidade
O método que se usa para rapar en Candaoso, subido a cabalo, é único en Galicia

O método que se usa para rapar en Candaoso, subido a cabalo, é único en Galicia

A Lei de Benestar Animal, que permite espectáculos como as corridas de touros, ameaza a celebración de tradicións arraigadas no mundo rural galego como son as rapas das bestas. A finalidade destas celebracións que teñen lugar nos curros dos montes galegos cando chega esta época é precisamente mellorar o benestar dos poldros e cabalos que viven en liberdade durante todo o ano, cortándolles as crins, desparasitándoos, vacinándoos e colocando microchips aos animais nacidos nese ano. Pero algunha das esencias das rapas, como a loita corpo a corpo dos mozos e mozas cos cabalos ou a marcaxe dos animais a lume poderían verse obrigadas a desaparecer na maioría dos curros galegos.

Loita de garañóns en Candaoso nunha edición anterior

Loita de garañóns en Candaoso nunha edición anterior

É o caso Rapa das Bestas de Candaoso, que se celebra na parroquia de Boimente, en Viveiro, na primeira fin de semana de xullo. Declarada Festa de Interese Turístico, está organizada pola Comunidade de Montes de Buio e Lerín e cumpriu xa medio século. A primeira edición celebrouse no ano 1969, pero este ano será diferente. Por primeira vez non haberá loita de garañóns. A Lei de Benestar Animal prohíbeo e a Xunta instou á organización a eliminala.

O artigo 14 da Lei de Benestar Animal considera infracción moi grave a utilización de animais en loita, así como instigalos a pelexar

Recibiron un aviso da Consellería do Medio Rural que foi remitido tamén a outras CMVMC que organizan rapas na provincia de Lugo, como a de Santo Tomé no Valadouro, a de Santa María Maior en Mondoñedo ou a de Carballo en Friol. Na comunicación, o Servizo de Gandaría da Consellería lembra que o artigo 14 da Lei de Benestar Animal considera infracción moi grave a utilización de animais en loita, así como instigalos a pelexar.

O cartel mantén sen embargo o resto de atractivos que fan da rapa de Candaoso unha das máis concurridas da provincia de Lugo. O feito de que se celebre cada ano na primeira fin de semana de xullo, mes de lecer xa para un bo número de visitantes que escollen Viveiro e A Mariña para pasar as súas vacacións, contribúe ao éxito de público da celebración, promocionada polo Concello de Viveiro na última edición de Fitur como un dos seus eventos singulares.

O programa inclúe feira cabalar e degustación gratuita de carne de poldro

A rapa de Candaoso, nos montes de Buio e Lerín, está declarada de Interese Turístico e acolle a numeroso público

A rapa de Candaoso, nos montes de Buio e Lerín, está declarada de Interese Turístico e acolle a numeroso público

O sábado pola noite haberá unha degustación gratuita de chourizos e minihamburguesas de poldro cortesía de Puraga, a asociación de criadores de cabalos de Pura Raza Galega. Trala cea, que terá lugar a partir das 8 da tarde, haberá verbena.

O domingo a primeira hora os xinetes soben á serra para xuntar e ir baixando os cabalos até o curro, que até o ano 2015 era de madeira. Pero fai catro anos a comunidade de montes de Boimente investiu 40.000 euros dos seus propios cartos nun balado de ferro galvanizado, buscando a súa durabilidade.

O curro de Candaoso xunta uns 300 animais. O método que se usa para rapar en Candaoso, subido a cabalo, é único en Galicia

Acolle cada ano uns 300 animais para marcar e rapar. O método que se usa para rapar en Candaoso, subido a cabalo, é único en Galicia. Antigamente as crins eran moi aprezadas para fabricar cepillos ou para rechear colchóns, pero hoxe non teñen uso ningún, máis alá de servir de recordo para os numerosos curiosos e turistas que se achegan a presenciar o espectáculo. De feito, a Rapa de Candaoso está declarada Festa de Interese Turístico e desde o curro divísase a ría de Viveiro, Estaca de Bares e a Illa Coelleira.

Mentres os veciños e axudantes baixan o seu gando do monte abrirase a feira cabalar. É tamén tradición comezar o día tomando as sopas de allo. Ás 10 comezarán a entrar os cabalos no curro e arrincará a rapa. Ás doce volverá haber degustación de produtos de poldro e logo sesión vermú e comida.

1.750 euros en premios nas carreiras e concursos

A rapa remata pola mañán, pero ao longo do día teñen lugar outras actividades. Por exemplo, a feira anual de gando cabalar e as carreiras de cabalos, nas que se reparten 1.750 euros en premios. Comezarán ás 5 da tarde e haberá premios de 100, 75,50 e 25 euros para os catro primeiros clasificados nas distintas categorías: andadura serrada e andadura chapeada de menos e de máis de 1,5 metros, carreiras de cabalos pura raza, carreiras de cabalos cruzados e carreiras de burros.

cartel Rapa de Candaoso 2019

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información