Queixas pola falta de remate da parcelaria de Meavía-Quintillán, en Forcarei

Parte das explotacións gandeiras que participaron no proceso de concentración vense con dificultades para o uso das parcelas por unha suposta falta de acondicionamento. Medio Rural nega os problemas

Queixas pola falta de remate da parcelaria de Meavía-Quintillán, en Forcarei

Congostra vella nunha finca da parcelaria de Meavía - Quintillán, en Forcarei.

A parcelaria de Meavía-Quintillán, en Forcarei, está a piques de culminar tras 17 anos de proceso, pero os resultados teñen por agora descontentas a parte das explotacións que se benefician da concentración. Hai granxas ás que lle foron adxudicadas parcelas que precisan dun importante acondicionamento para ser utilizadas, polo que en tanto ese acondicionamento non se fai, a produción de forraxe queda comprometida, segundo as queixas que trasladan os afectados.

Os problemas nos novos predios céntranse en cuestións como a existencia de valados entre as parcelas vellas ou, en zonas de pendente, de desniveis entre as antigas fincas. Tamén hai presenza de buratos sen tapar, congostras sen nivelar e cordóns de terra nos laterais das fincas que non foron extendidos, detallan os gandeiros. Hai ademais cañotas de árbores cortadas que non se retiraron das fincas, cos conseguintes problemas que xera esa situación.

As labores de acondicionamento foron polo de agora escasas, aseguran os gandeiros, co engadido de que, segundo os afectados, non se priorizou nos traballos ás explotacións agrarias. “Sempre se nos dixo que o traballo de acondicionamento que non dese feito un tractor agrícola, sería asumido pola concentración e sen embargo agora vémonos na obriga de contratar unha pala se esta situación non se soluciona”, cuestionan. “Temos fincas de monte que precisan dun acondicionamento antes de transformalas en praderías, pero ese traballo non chega”, critican.

Cordón de terra con xestas e mato no lateral dunha parcela.

Cordón de terra con xestas e mato no lateral dunha parcela.

Os produtores sospeitan que as eivas no acondicionamento derivan, en parte, de interrupcións anómalas dos traballos. “Había unha pala de Seaga que estaba traballando na parcelaria e que desaparecía días soltos ou semanas enteiras para facer traballos para o Concello. Eses traballos estaban facéndose co presuposto da parcelaria?”, pregúntanse.

Por último, os afectados advirten tamén dunha falta de control sobre as masas arboradas da parcelaria. “Na concentración, determinouse que se podían cortar o 20% de frondosas caducifolias, como carballos ou castiñeiros, en tanto que as plantacións de piñeiro e eucalipto non se podían tocar. A realidade é que houbo parcelas enteiras de frondosas e de piñeiros que se cortaron, sen que houbese control sobre esta cuestión”.

Valoracións de Medio Rural

A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, subliña que nos procesos de concentración parcelaria hai que priorizar as actuacións: “No caso da parcelaria de Meavía-Quintillán, priorizáronse as ramplas de acceso ós predios -executadas case no 100% das solicitadas-, a extensión dos cordóns de terra acumulados no fronte cos camiños e o recheo das corredoiras de maiores dimensións”.

Sobre as solicitudes veciñais, a Consellería indica que se estudan todas, pero sostén que si se priorizan aquelas peticións ligadas a aproveitamentos agrarios, tal e como marca a Lei de Mobilidade de Terras de Galicia. “É difícil contentar a todas as partes, pero as actuacións prioritarias e de urxente necesidade si se acometeron”, valórase desde a Xunta.

“Houbo que priorizar as actuacións, polo que non se puideron atender todas as peticións de acondicionamento” (Medio Rural)

Sobre as queixas concretas dos gandeiros en relación á ausencia de acondicionamento das fincas, Medio Rural sinala que unicamente se prevé a retirada dos ribazos de menos dun metro. Para os de maior altitude, realízanse ramplas de acceso. Tampouco está prevista a retirada de cañotas. Nos montes, “a práctica xeral en todas as zonas é a de preparar os accesos posibles e retirar os cordóns de terra nos frontes cos camiños. Insistimos en que houbo que priorizar as actuacións, polo que non se puideron atender todas as peticións de acondicionamento, realizándose as obras que se consideraron prioritarias”.

Noutro dos aspectos que reclaman os veciños, a suposta falta de control sobre a corta de superficies arboradas, a Xunta nega a maior: “No acordo de concentración non se fai ningunha referencia sobre a porcentaxe permitida de corta de árbores. En calquera caso, sinalar que no anuncio da toma de posesión provisional dos novos predios (DOG do 9/05/2016) faise referencia no penúltimo parágrafo ás árbores existentes nas parcelas vellas. Textualmente di: En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo de seis meses, sen prexuízo das autorizacións necesarias”.

“Fixéronse uns traballos de colaboración desinteresada co Concello, sen que interrompesen o desenvolvemento das obras”

Interrupción dos traballos
Por último, sobre a interrupción dos traballos por parte da maquinaria pesada para, supostamente, executar traballos do Concello, Medio Rural sinala que as interrupcións puntuais pódense deber a múltiples causas (meteoroloxía, dispoñibilidade de recursos, avarías, etc.).

Na parcelaria de Meavía-Quintillán, non se produciron paradas significativas, segundo os datos da Consellería. “Respecto a posibles traballos realizados para o Concello de Forcarei, unicamente se realizaron uns traballos de colaboración desinteresada co Concello -sostén Medio Rural-, sen que interrompese o desenvolvemento normal das obras. Por suposto, ditos traballo non foron costeados con cargo ás obras de concentración”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información