Que sucederá co conflicto das traídas veciñais de auga?

As dificultades para renovar as concesións de comunidades de usuarios agochan outro problema de fondo, o das captacións sen regularizar e sen controis de potabilidade. En Ourense, representan o 90% do total

Que sucederá co conflicto das traídas veciñais de auga?

Captación de auga dunha traída veciñal.

Cando se crea unha rede municipal de auga no ámbito no que viña operando unha traída veciñal, a normativa impide que un mesmo usuario teña acceso ás dúas redes. Ante esa situación, a Adminitración quere eliminar aquelas captacións comunitarias que representan unha duplicidade. O asunto é polémico, pois as primeiras comunidades de augas afectadas, en concellos como Tomiño ou Tui, no Baixo Miño, están en contra.

En Galicia, hai 650.000 usuarios, arredor dun 25% da poboación, que se suministra de auga ben de pozos ou captacións privadas, ben de comunidades de augas veciñais. A dispersión de vivendas e núcleos de poboación que ten Galicia explica ese alto nivel de autoxestión, pois en amplas zonas do rural non existen ou non existían redes centralizadas de suministro.

A Administración está a denegar a renovación das concesións de traídas veciñais que estean cubertas por unha rede municipal

O número de traídas veciñais é complicado de calcular, pois unha parte significativa está sen regularizar, pero estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a arredor de 300.000 veciños. Que futuro teñen as captacións comunitarias? Como se resolverá o actual conflicto? Explicamos cal é o panorama e as perspectivas.

En que situación están as traídas veciñais cunha concesión en vigor?
A maioría das traídas veciñais regularizouse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.

Se os usuarios da captación comunitaria non teñen alternativa de suministro, é previsible que se lles renove a concesión. Se agora existe unha rede municipal no ámbito da traída veciñal, resulta probable que a Administración lles denegue a renovación da concesión. É o que xa está facendo a Confederación Hidrográfica Miño Sil con comunidades de augas de concellos como Tui ou Tomiño.

A Administración ampárase en que a normativa non permite que haxa dúas concesións de augas sobre o mesmo territorio. Ante esa situación, priorízase a permanencia da rede municipal.

Que defenden as comunidades de augas que teñen unha concesión?
Coxapo, unha asociación que representa a 164 comunidades de usuarios, cun total de 75.000 socios, defende a continuidade das captacións comunitarias de augas. Nos casos en que unha rede municipal cubra o mesmo territorio dunha traída veciñal xa existente, Coxapo pide que se lle dea ó usuario a posibilidade de elixir que suministro quere. “É o sistema que se aplica en Irlanda”- explican.- “O usuario pode escoller alí a que rede conectarse, se á veciñal ou á municipal”.

“En Irlanda, o usuario pode escoller a que rede conectarse, se á veciñal ou á municipal” (Coxapo)

“O que está sucedendo en Galicia coa negativa á renovación das concesións é inexplicable. Os usuarios senten que se lles está roubando algo que eles mesmos pagaron. É dicir, quítanselles os cartos investidos e todo o tempo adicado ó bo funcionamento da comunidade, e fáiselles gastar nalgo que xa tiñan”, critican.

Que alternativas propón a Administración para resolver o conflicto?
A Administración propón como alternativa que as traídas veciñais se transformen en comunidades de regantes, con autorización de captación de auga para usos de rego, pero non para as vivendas.

A Administración propón que as traídas veciñais se transformen en comunidades de regantes

As autoridades hidrolóxicas argumentan que non é legal que unha mesma vivenda teña dúas tomas de auga, pero nas inspeccións de campo que fan, atópanse ás veces con que usuarios de redes veciñais están conectados tamén á rede municipal.

Polo de agora, comunidades de usuarios e Administración non chegaron a un entendemento. As conversas entre ambas partes continúan. A pasada semana houbo unha reunión para abordar o caso concreto de Tui na que participaron a Confederación Hidrográfica Miño Sil, Augas de Galicia, o Consorcio do Louro, o Concello de Tui e Coxapo.

Como é en Galicia a xestión das redes municipais de auga?
En Galicia, só o 20% das redes municipais teñen xestión pública, en tanto o 80% está en concesión a unha empresa privada, segundo as estimacións de Coxapo. En España, a porcentaxe de xestión pública ronda o 50% e en Europa o 90%, segundo a asociación.

As comunidades consideran que a sustitución dunha traída veciñal por unha rede municipal é unha cuestión de negocio

Desde Coxapo están en contra da obriga de conectarse a unha rede municipal para o consumo humano. A asociación considera que a sustitución dunha traída veciñal por unha rede municipal privatizada é unha cuestión de negocio. “Os usuarios dunha traída veciñal pagan cotas de entre 40 e 80 euros ó ano para o seu mantemento. Se collemos o caso de Vigo, onde a auga é xestionada por unha concesión, a conexión á rede supón un custo mínimo de 2.700 euros e os recibos anuais por consumo mínimo ascenden a 287 euros”, comparan.

E que sucede coas traídas veciñais irregulares?
O problema non é menor. En Ourense, por exemplo, a Confederación Hidrográfica ten rexistradas 85 traídas veciñais, pero calcúlase que hai alomenos 1.000. O 90%, por tanto, estarían sen regularizar e sen axeitados controis sobre a calidade da auga.

“Só defendemos ás comunidades legais, que cumpren con todos os requisitos e que, ademais, acepten novos usuarios sen condicións” (Coxapo)

Desde Coxapo animan á regularización das traídas veciñais: “Só realizamos unha defensa férrea daquelas comunidades de usuarios legais que cumpran con todos os requisitos esixidos e que, ademais, acepten a novos usuarios sen condicións, defendendo o dereito de acceso á auga”, precisan.

O presidente de Coxapo, Rafael Carrera, recoñece, non obstante, que os novos conflictos coas concesións dificultan o proceso de regularización: “As comunidades que non están regularizadas teñen medo de que ó legalizarse e facerse visibles para a Administración, se lles negue a concesión de augas”, explica.

Cal é a situación de potabilidade das augas de captacións?
Coxapo admite que ata un 70% das captacións de augas pode presentar problemas de contaminación bacteriolóxica, o que non quere dicir que esa auga non sexa potable, pois na maioría dos casos, unha persoa san pode consumila sen problemas.

Desde Coxapo advirten da necesidade de maiores apoios das Administracións para lograr traídas veciñais que garantan a calidade da auga. “Pola nosa parte, tratamos de que as comunidades melloren as súas instalacións e teñan uns excelentes criterios sanitarios e hixiénicos. Asesorámolas sobre as actuacións que teñen que ir facendo para chegar a ter un bo sistema de captación, almacenamento e abastecemento”, explican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información