¿Que reclaman os convocantes da manifestación contra os danos da fauna salvaxe?

Publicidade
¿Que reclaman os convocantes da manifestación contra os danos da fauna salvaxe?

A Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Federación Rural Galega (Fruga) e Sindicato Labrego Galego (SLG) están ultimando os preparativos para realizar unha manifestación de protesta con cacerolada o vindeiro 8 de maio en Santiago de Compostela para esixir solucións urxentes para os danos da fauna
salvaxe.

Ese día, realizarase unha marcha dende os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano até a sede da Consellaría de Medio Ambiente, en San Lázaro.

Agora mesmo, as catro organizacións que apoian de momento esta convocatoria están preparando unha táboa reivindicativa coas seguintes demandas:

1. Control das poboacións de fauna salvaxe:
A Xunta de Galicia é a responsábel da xestión da fauna salvaxe, polo que lle esixen medidas concretas como a elaboración de censos de poboación das diversas especies silvestres por comarcas para determinar en que zonas existen desequilibrios e actuar en consecuencia.

2. Indemnizacións xustas:
Consideran que a Xunta debe ser a responsábel civil subsidiaria do 100% dos danos causados pola fauna salvaxe nos cultivos e no gando, xa que o seu mantemento e conservación é unha responsabilidade do conxunto da sociedade galega.

Por ese motivo, os convocantes esixen que se cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes e, en concreto, que se cree con carácter de urxencia o fondo de corresponsabilidade previsto xa pola Lei de Caza en
2013.

3. Control sanitario efectivo da fauna salvaxe:
Advirten de que “está a haber un incremento alarmante das enfermidades de carácter contaxioso propagadas por especies salvaxes dentro e fóra de Galiza”.

En concreto, refírense as organizacións convocantes á aparición de novos focos de peste porcina africana, tuberculose bovina ou brucelose no gando; ou a transmisión da Enfermidade de Lyme nas persoas a través da carracha do corzo (Ixodes ricinus), que pode causar graves consecuencias na saúde humana e mesmo a morte.

“Agora mesmo, non se está a facer practicamente nada ao respecto e debería haber un programa de control sanitario suficientemente dotado en orzamento e medios para evitar futuras crises sanitarias e que involucrase consellarías como Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade”, reclaman.

4. Financiamento suficiente para as medidas de prevención:
Consideran que “agora mesmo as medidas preventivas contra os ataques da fauna salvaxe son manifestamente insuficientes. Para que a prevención sexa efectiva, cómpre deseñar un plan de maneira coordinada cos diversos
axentes dos sectores agrogandeiros e dotalo con suficiente orzamento”.

5. Xestión territorial:
A medio e longo prazo reclaman que é necesaria unha ordenación do territorio,
“poñendo especial fincapé na xestión do monte e superficies boscosas en estado de abandono e na proximidade de zonas con actividade agrogandeira, así como na persecución e denuncia da forestación de terras agrarias”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información