Que posibilidades ofrece a enerxía xeotérmica en Galicia?

O Clúster Galego de Empresas de Xeotermia (Acluxega) reivindica que Galicia conta cun subsolo propicio para as instalacións de aproveitamento da calor da terra. Comezan a darse as primeiras experiencias en sectores como o gandeiro, pero é aínda unha das enerxías renovables máis descoñecidas

Que posibilidades ofrece a enerxía xeotérmica en Galicia?

A dirección de Acluxega durante un encontro co conselleiro de Economía, Francisco Conde, e con Alfonso Cabaleiro, de Galicia Calidade.

O Clúster Galego de Empresas de Xeotermia (Acluxega) reivindica que Galicia conta cun subsolo propicio para as instalacións de aproveitamento da calor da terra. Comezan a darse as primeiras experiencias en sectores como o gandeiro, pero é aínda unha das enerxías renovables máis descoñecidas

“A enerxía xeotérmica, vinculada ó aproveitamento da calor da terra, é aínda a gran descoñecida das enerxías renovables”, afirman dende o Clúster de xeotermia galega (Acluxega). Pese a iso, Galicia conta con potencial para o aproveitamento desta enerxía e ten avanzado máis na súa implantación que boa parte das rexións españolas, segundo apuntan dende o clúster.

Galicia ten potencial para o aproveitamento da xeotermia e ten avanzado máis na súa implantación que outras rexións españolas

O aproveitamento desta enerxía abrangue non só as instalacións industriais ou domésticas de climatización senón que nos últimos tempos mira tamén cara outros sectores, como o agrogandeiro, e comezan a darse as primeiras experiencias nestes campos. “Nalgunhas zonas poderíase promover máis o seu uso directo para aplicacións agroalimentarias, como xa están a facer en países como Holanda, Austria, Nova Zelandia ou Chile”, indican dende Acluxega.

De cara a ofrecerlle confianza ó consumidor, Acluxega apostou por crear unha marca de calidade no 2014, Calidade Acluxega, sometida ós estándares máis altos. Dende o 2018, a este selo sumouse o de Galicia Calidade. Este tipo de selos de calidade “é unha necesidade e unha garantía para favorecer a confianza na tecnoloxía xeotérmica, pero tamén para conseguir un nivel tecnolóxico de calidade comparable ó de outros países máis avanzados no aproveitamento desta enerxía”, reivindican dende Acluxega.

Aproveitar a calor da terra

Os Sistemas de Climatización Xeotérmica (SCX) utilizados na calefacción e refrixeración de edificios baséanse no aproveitamento da calor almacenada nos primeiros 200 metros da codia terrestre. Para aproveitar esta enerxía, empréganse intercambiadores introducidos no terreo en combinación con bombas de calor.

A diferenza con outros sistemas máis tradicionais, que utilizan unha caldeira de gas, gasóleo ou outro combustible, radica en que no caso da xeotermia prodúcese un intercambio de calor dende o terreo ó edificio ou viceversa. Mentres, os outros sistemas baséanse nun proceso de combustión, no que tamén se produce unha emisión de gases de efecto invernadoiro.

“Galicia dispón dun subsolo moi propicio para realizar instalacións de xeotermia”, Manuel López, presidente de Acluxega

A enerxía xeotermia de baixa entalpía, é dicir, con temperaturas de apenas uns graos, atópase dispoñible en calquera lugar do planeta, pero como acontece con outros recursos mineiros, o seu aproveitamento depende das condicións xeolóxicas da área onde se pretende a súa utilización.

Galicia conta cun subsolo onde predominan os granitos, rochas cristalinas cunha alta condutividade térmica e que son facilmente perforables, todo isto fai que boa parte do territorio galego resulte óptimo para a implantación destes sistemas. “Galicia dispón dun subsolo moi propicio para realizar instalacións de xeotermia”, indica Manuel López Portela, presidente de Acluxega.

Neste senso, dende o Laboratorio Energylab, que tamén forma parte do clúster, logo de realizar unha avaliación deste tipo de instalacións, constataron a súa eficiencia enerxética e a rendibilidade en zonas coma Galicia.

Instalacións en Galicia

Nos últimos anos, o número de instalacións de xeotermia en Galicia foi aumentando de forma paulatina. Aínda que o maior crecemento se produciu no ano 2007, a crise na construción rexistrada nos anos posteriores fixo que se frease a súa expansión, tal e como indican dende Acluxega. Porén, nos últimos anos estase a rexistrar unha recuperación con valores próximos ós que se acadaron no 2007.

No 2018 contabilizáronse en Galicia uns 1.338 sistemas de climatización xeotérmica con bomba de calor. Esta cifra supón unha utilización desta tecnoloxía de 0,39 unidades por cada 1.000 habitantes. Estes datos están aínda moi lonxe dos que acadan outros países de Europa, pero supera ó resto de comunidades e rexións de España, onde o mellor dos ratios ronda as 0,17 unidades por 1.000 habitantes, segundo os datos que manexan dende Acluxega.

A Coruña e Pontevedra concentran case o 84% das instalacións realizadas en Galicia

Por provincias, A Coruña e Pontevedra son das zonas con maior implantación desta enerxía en Galicia, xa que concentran case o 84% das instalacións. Mentres, Ourense e Lugo a penas contan con algúns casos. Unha menor densidade poboacional, un maior descoñecemento desta tecnoloxía e unhas condicións xeolóxicas non tan excepcionais como as das provincias atlánticas, onde o predominio do granito resulta un punto a favor para a súa instalación, son algúns dos motivos para esta implantación tan desigual.

Calor dende a terra

Ademais de para a súa instalación en calefacción e refrixeración de edificios, dende Acluxega sinalan que a xeotermia é unha alternativa viable para outros usos, sobre todo para aplicacións agroalimentarias. Así, esta enerxía pode empregarse en invernadoiros co obxectivo de conseguir varias colleitas anuais de cultivos como tomates, chícharos, flores ou pementos, como acontece xa noutros países como Alemaña, Suecia, Austria, Francia, Holanda ou Italia, que levan máis de 50 anos aproveitando este recurso.

Reunion-traballo-Acluxega-Xeotermia-

Unha reunión de traballo sobre a enerxía xeotérmica.

Este tipo de enerxía tamén pode empregarse para o quentamento de solos, o secado de alimentos e madeiras, na acuicultura ou en sectores como a balneoterapia, entre outros. “O aproveitamento desta enerxía local, dispoñible nun medio rural disperso, que funciona as 24 horas do día, podería axudar a reducir o despoboamento das zonas rurais ó ofrecer vantaxes para industrias agroalimentarias, gandeiras…”, reivindican dende Acluxega.

Coren xa fixo unha instalación de xeotermia nunha das súas granxas de porcino

Polo do momento son poucos os exemplos en Galicia do emprego desta enerxía en sectores como o agrícola, onde comezaron aínda este ano a desenvolver algunhas iniciativas. Tamén na gandería comeza a haber xa exemplos de granxas que contan con estes sistemas. Así, Coren conta xa con algunha granxa de porcos con estas enerxías e teñen xa proxectada outra onde combinarán a xeotermia con outras enerxías renovables.

O custo da instalación, máis elevado que outras enerxías renovables, é un dos puntos que está a frear o seu avance. Porén, dende Acluxega concretan que “esta enerxía pode conseguir un rendemento moi elevado, de máis do 400%, o que permite unha recuperación da inversión, ademais de ter un coste de mantemento moi baixo”, indican.

Acluxega, 10 anos aglutinando ó sector

No aproveitamento xeotérmico participan varias tecnoloxías que se centran tanto na extracción da calor como no seu aproveitamento. En primeiro lugar, implica a perforación da sondaxe térmica, da cal se extrae a calor, e logo, está o sistema de emisión, que se encarga da distribución da calor ou ben mediante solo radiante ou radiadores de baixa temperatura.

Así é que Acluxega agrupa tamén empresas e entidades de ámbito galego e nacional de tódolos sectores relacionados coa cadea de valor da xeotermia. Na actualidade son 45 os asociados, entre os que figuran dende empresas instaladoras, perforadoras, enxeñerías, distribuidoras de instalacións ou materiais. Pero tamén se inclúen centros de investigación como o Centro Energylab, Universidades como a de Vigo ou Oviedo ou colexios profesionais, entre outras entidades.

Acluxega comezou a funcionar no 2010 e conta con 45 empresas e entidades asociadas do ámbito galego e nacional

Nestes case 10 anos de traxectoria de Acluxega, o clúster, que é ademais ó único destas características en España, ten traballado en distintas liñas para favorecer a utilización desta enerxía. A formación, a publicación de manuais, así como a posta en marcha de iniciativas e convenios para a implantación desta enerxía foron as principais actividades de Acluxega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información