¿Que métodos son máis eficaces para previr os ataques dos lobos?

Artigo de opinión de Beealia, un grupo de gandeiros de ovino e caprino da provincia de Lugo, que tamén ofrece servizos de asesoramento e xestión de ganderías. Consideran que os peches fixos electrificados son os máis efectivos para previr os ataques dos cánidos, seguidos dos peches fixos con mastíns.

¿Que métodos son máis eficaces para previr os ataques dos lobos?

A combinación de peche fixo electrificado con mastíns reduce prácticamente a cero os ataques dos lobos. Foto: Beealia

Un tema sempre de candente actualidade, pero que moi poucos saben como afrontar con seguridade, é a protección do gando fronte aos animais salvaxes. Por norma xeral, os gandeiros foron amañando, cada un como puido, tentando manexar o seu gando da mellor maneira. Ao final a maioría decidiu pechar o gando polas noites nas cuadras. Aínda así, cada pouco vemos nos medios de comunicación ataques ao gando en calquera punto de Galicia.

Por outra banda, parte dos técnicos que estamos a traballar no sector gandeiro temos a tendencia de saír a predicar pola “extensificación” da produción. Por “extensificar” entendemos aumentar a superficie forraxeira e, se pode ser, en pastoreo. Isto choca de fronte coas respostas dos gandeiros: “non o podo facer, vaime comer o lobo os xatos” ou “non vou deixar as ovellas fóra pola noite, pápaas o lobo en dous días!”.

Por sectores, cadaquen amaña ao seu xeito. Mentres no vacún de leite, aínda no mais intensivo, téntase que as xatas e as vacas secas estean fóra da corte para mellorar o seu desenvolvemento e sanidade, aforrando nos seus custes de alimentación, no vacún de carne estanse impoñendo os sistemas extensivos fronte ós semiextensivos que, aínda que maioritarios a día de hoxe, tenden a minguar.

Por contra, no ovino e cabrún, aínda que as vantaxes para deixar o gando fora día e noite son evidentes, o temor a ataques e a falta de coñecemento en métodos de prevención eficaces e económicos impide que a maioría do gando pastoree as 24 horas do día. Tamén neste sector non ten nada que ver os rabaños de 200 ou 300 cabezas que as ovellas corta-céspede en rabaños de 3 a 10 cabezas.

Na actualidade o lobo está presente no 97% do territorio galego

En Galicia, cando falamos do lobo temos que ter en conta que estivo sempre alí, aínda que non en todas as zonas de Galicia. No seu momento máis baixo, aló polo anos 80 do século pasado, ocupaba boa parte do interior. Na actualidade podemos afirmar que o podemos atopar en calquera punto da comunidade (97% do territorio). Así o lobo forma parte inevitablemente do pasado, presente e futuro de Galicia.

Deste modo, calquera gandeiro debe asumir que, na súa explotación, a convivencia co lobo é un condicionante natural máis, así como o é a seca no verán, as nevaradas do inverno ou a acidez dos nosos solos. Así, como calquera outro condicionante máis, require de medidas, técnicas de manexo e investimentos necesarios para afrontalo con garantías.

Cando falamos dos cuantiosos danos que provoca o lobo a veces unicamente se mira para os datos oficiais de mortes “certificadas” pola Consellería de Medio Ambiente. Moitas mortes non son denunciadas e outras, os gandeiros non se dan conta ata que revisan o rabaño durante algún tratamento ou no saneamento (¿como sabes se che falta unha ovella entre as 500 do rabaño?). Aínda máis, o lobo é unha espada de Damocles que pende enriba do seu rabaño permanentemente. Cada vez que deixa os animais, cada día, pensa se cando volva os vai atopar igual ou con baixas espalladas polo prado. Isto non é medible polas estatísticas da Xunta, esta sensación debe ser comprendida e compartida polas partes deste conflito.

Grao de vulnerabilidade do gando fronte ao lobo

Cordeiro/Cabrito

Ovella/Cabra

Poldro

Cabalo

Xato

Vaca

+++++

+++++

++++

++

+++

+

Elaboración propia

Na actualidade, froito do traballo de ensaio e erro de moitos gandeiros, temos unha idea dos sistemas de prevención de ataques que funcionan e dos que non. Se ben, en Beealia, estamos a traballar nun proxecto de innovación dentro do grupo O-Xan para poder testar a eficacia destes sistemas de prevención, xa que o que temos ata o de agora son experiencias puntuais dalgúns gandeiros aos que lles funcionan, pero sen confirmación efectiva de como funcionan, porqué son eficaces e cales son os seus puntos fortes e febles.

Entre os métodos de prevención, sempre se centran en tres tipos básicos: as técnicas de manexo, os mastíns e os peches. O manexo do gando é algo complicado de modificar xa que as instalacións e a planificación da explotación depende do sistema de manexo empregado. Moitas veces escoitamos á xente da cidade, nas redes sociais, criticando o manexo no parto: “os gandeiros o fan mal, como deixan as vacas parir fóra?” Pois ben, os partos fóra son un gran avance no benestar animal e na sanidade do xato, cordeiro ou cabrito. Os partos fóra permiten á nai buscar un sitio algo resgardado, afastado do rabaño para parir. Certo é que unha vaca parindo, afastada do rabaño, en medio dunha matogueira é un obxectivo ideal para o lobo, pero se pechamos o rabaño nunha pradeira permitiremos que a vaca se afaste un pouco do rabaño e que ao mesmo tempo o rabaño estea vixiando posibles incursións do lobo.

Protección das ovellas con mastíns e malla móvil. Foto: Beealia

Protección das ovellas con mastíns e malla móvil. Foto: Beealia

Os mastíns son o mellor e máis eficaz método de prevención

Por outra banda, os mastíns son o mellor e máis eficaz método de prevención e complementan e melloran calquera outro método empregado. Na situación anterior, se a vaca pare nun prado pechado, non moi grande e coa presenza de mastíns a seguridade é moi alta (aínda que nunca absoluta). Un exemplo semellante o vivimos nunha gandería da zona de montaña. Un rabaño de 60 vacas rubias, manexadas en extensivo en parcelas pechadas cun par de arames de espiño tiñan unhas baixas de 10 xatos cada ano. No primeiro ano de traballo, logo de reducir o tamaño das parcelas para mellorar o pastoreo e a introdución de cadelos de mastín, deixaron de ter ataques.

Recomendacións para os peches

Por último, quedan os peches. Normalmente son mallas ovelleiras ou de 2 a 5 arames de picos sen electrificar. Estes sistemas por si solos non son un método de prevención xa que permiten o paso do lobo. Para poder realizar un peche con suficiente seguridade recomendamos empregar arames lisos electrificados (mínimo de 2 mm de grosor) colocados enriba da malla ovelleira de 1 m de alto, así como arames electrificados situados por fora da malla a uns 30 cm do chan.

Outro sistema son os peches móbiles electrificados, que manteñen o rabaño sempre xunto, combinados con mastíns. Aínda que non temos datos da súa efectividade en zonas de montaña, con mandas de lobos estables, pensamos que si é unha opción válida para moitas zonas de pastos de Galicia.

Efectividade dos métodos de prevención

Peches fixos

Peches fixos con mastíns

Peches fixos electrificados

Peches móbiles

Peches móbiles con mastíns

Batidas de caza

++?

+++++

++?

Elaboración propia

En resumo, cando un gandeiro/a afronta a xestión do seu rabaño o primeiro obxectivo que debe perseguir é establecer un plan de acción na súa gandería para a adecuación do manexo, instalacións e a inclusión dos métodos que precise en función do seu gando, do seu manexo e dos outros limitantes da explotación (tempo de traballo, distancia á casa,…).

Este plan debe ser establecido cun técnico con experiencia na prevención de ataques, así como haberá que ter en conta o manexo da gandería, os limitantes do gandeiro (propiedade das fincas, tempo de traballo, …).

Peche fixo electrificado, o sistema máis eficaz.

Peche fixo electrificado, o sistema máis eficaz. Foto: Beealia

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información