¿Que demanda a mocidade que se incorpora ao agro en Galicia?

¿Que demanda a mocidade que se incorpora ao agro en Galicia?

Xornada de Agaca sobre incorporación da mocidade.

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) presentou recentemente o “Informe para o fomento da incorporación de mozos e mozas ao sector primario en Galicia”, un traballo elaborado pola Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora, creada para dar voz á mocidade rural galega.

Velaquí algunhas das demandas desta comisión e que xa lle trasladaron á Consellería de Medio Rural:

-Consideran que o criterio determinante para a concesión dunha axuda de plan de mellora, como é que a explotación tivera unha incorporación nos últimos 5 anos, “provoca que moitas granxas modernas e profesionais non estean nesa situación, co que se dificulta a súa viabilidade a medio prazo”.

-Os membros da Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora consideran importante xeneralizar o emprego de expertos que titoricen aos mozos e mozas que se incorporen, tal e como xa se está a facer nalgunha comunidade autónoma de España.

-Fiscalidade: Consideran inxustificado que a Agencia Tributaria obrigue a tributar en impostos ata o 30% da axuda de incorporación así como que se imputen como ingreso no ano no que foron concedidas, non no que realmente se ingresaron. “Debería regularse o rateo destas axudas durante un período mínimo de 5 anos, e regular tamén reducións nos rendementos xerados por este tipo de axudas”, demandan.

No caso da cesión de granxas entre pais e fillos, deberíase lograr un tratamento fiscal xusto e equitativo co mozo ou moza que se incorpore e acadar un acordo para que non exista unha fiscalidade abusiva por parte da Agencia Tributaria. “É inxustificable e dificulta a viabilidade do futuro profesional agrario que a AEAT cobre arredor do 15% das axudas por dereitos de pago básico da PAC ao consideralo unha operación de compravenda, ao igual que no caso de cónxuxes en réxime de gananciais, cando un deles se dá de alta como titular da granxa da que, en teoría, xa tiña o 50% da propiedade”, defenden.

-Formación: Reclaman que o curso de incorporación á empresa agraria, de 250 horas e requisito imprescindible para acceder á axuda de instalación, sexa versátil e adaptado aos sectores de destino. “Non é axeitado que todos os mozos e mozas que se incorporen teñan que facer o curso das vacas cando non se van dedicar profesionalmente a esta actividade. Os futuros apicultores, fruticultores, horticultores, viticultores… queren acceder a cursos de 250 horas centrados específicamente na súa actividade futura”, subliñan.

Igualmente, os mozos e mozas de Agaca demandan da Administración que apoie decididamente a formación profesional regrada dirixida ao sector agroalimentario. Así, piden que se abran novas posibilidades, como a formación a distancia e a formación en réxime nocturno, para que o alumnado con cargas familiares ou laborais poda acceder a ela con facilidade.

-Solicitan tamén que sexan atendidas todas as solicitudes, debidamente xustificadas, de plans de mellora.

-Defenden que as axudas de incorporación deben estar totalmente ligadas á concesión de axudas aos plans de mellora que presentan os mozos e mozas que se incorporen, para evitar que os granxeiros novos se enfronten a granxas obsoletas.

-Por último, e entre outras demandas, reclaman que as administracións deben resolver de xeito inmediato os problemas de acceso a internet no rural. “A xuventude ten dereito a unha banda larga que permita os mesmos servizos dixitais que estando nunha contorna urbana”, reclaman.

Descarga aquí o “Informe para o fomento da incorporación de mozos e mozas ao sector primario en Galicia”, elaborado pola Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información