¿Que cambios se prevén na PAC para os próximos dous anos?

Publicidade
¿Que cambios se prevén na PAC para os próximos dous anos?

Hai un compromiso para contar os pastos arbustivos e baixo arborado para as axudas da PAC

Este xoves o Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea e o Parlamento Europeo chegaron a un acordo político sobre a revisión intermedia da Política Agraria Común (PAC) para o período 2018-2020, en espera da próxima reforma prevista para despois do 2020.

Os principais puntos do acordo son:

-Mellórase a definición de pastos permanentes, para incluír aos pastos arbustivos e baixo arboredo. Ata agora a non adaptación da normativa europea á realidade española levou a importantes penalizacións aos gandeiros do Sur da Península, pero tamén de Galicia, onde se suprimiron as axudas da PAC para as superficies de pastos arbustivos e baixo arboredo de menos de 0,3 hectáreas.

-Auméntanse a axudas directas para os novos agricultores, co obxectivo de apoiar  o relvo xeracional no sector agrícola.  As subvencións adicionais aos mozos poderán ser ata un máximo do 50 por cento superiores á axuda básica, fronte ao 25 por cento actual, e desaparecerán os límites mínimo e máximo de hectáreas por explotación.

-Amplíanse as disposicións relativas ao “paquete lácteo” máis aló do 2020.

-Flexibilízanse as esixencias ambientais introducidas na última reforma da PAC para acceder aos pagos directos, co fin de facilitar a súa aplicación por parte dos agricultores, facendo especial fincapé na mellora das condicións para promover os cultivos proteicos fixadores de nitróxeno. 

-Acórdase impulsar as axudas destinadas a financiar créditos e garantías bancarias para os agricultores, o que se considera permitirá lograr un efecto multiplicador dos fondos públicos. Eses instrumentos cubrirán as axudas para a primeira instalación dos agricultores mozos, entre outras medidas.

-Potenciaranse os plans de seguros para compensar a agricultores e gandeiros por perdas de ingresos. Os cambios propostos na ferramenta de estabilización de ingresos (IST polas súas siglas en inglés) permitirán activar as axudas a un sector cando as perdas de ingresos representen un mínimo do 20%, en lugar do 30% actual. Ademais, a compensación incrementarase do 65% actual a un 70% para aqueles produtores que perderon máis do 20% da súa produción ou ingresos anuais.

-Darase máis flexibilidade aos Estados membros para reducir a burocracia, especialmente cando se trata da aplicación da definición de agricultor activo.

-Amplíase a todas as organizacións de produtores recoñecidas no sector agrícola e gandeiro a autorización para planificar a produción e negociar contratos de entrega coa industria en nome dos seus socios, sen contravir as normas de competencia da UE. Considérase que isto debería axudar a fortalecer o posicionamento dos agricultores na cadea alimentaria. Ata agora, as negociacións colectivas só estaban autorizadas para os produtores de leite, aceite de oliva, carne de vacún, cereais e cultivos herbáceos. Agora amplíanse a todos os sectores.

No sector do viño, o acordo avanza en relación coa xestión das autorizacións de plantación. En concreto, deféndese unha repartición máis equitativa entre os viticultores solicitantes de autorizacións de novas plantacións;  un trato prioritario aos mozos de empresas instaladas nas rexións produtivas, e a eliminación do dereito para acceder a esas autorizacións para os viticultores que dispoñan de viñedos ilegais.

Por outra banda, a Comisión de Agricultura da Unión Europea presentou unha declaración anexa ao acordo na que se compromete a presentar antes de xuño do 2018 unha proposta para a mellora das relacións entre os distintos elos da cadea alimentaria. Este era un asunto crucial para a Eurocámara, que defende a posta en marcha dun marco lexislativo para regular as prácticas abusivas exercidas en detrimento sobre todo dos agricultores e gandeiros.

O acordo ten que confirmarse en unha comisión especial de Agricultura que se celebrará no Parlamento Europeo o vindeiro luns, 16 de outubro.

Descarga aquí a nota de prensa do acordo alcanzado:

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información