Que cambios haberá nas axudas da PAC a partir do próximo ano?

O Boletín Oficial do Estado publicou este sábado os cambios nas axudas da PAC que se aplicarán desde o 1 de xaneiro do 2018. O presidente do FEGA, Miguel Ángel Riesgo, adiantou nas XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro os cambios que se aveciñan nos próximos anos.

Que cambios haberá nas axudas da PAC a partir do próximo ano?

As axudas á agricultura e gandaría son o primeiro capítulo de gasto da Unión Europea -absorben o 40% do orzamento comunitario-, son o principal instrumento de cohesión comunitaria e permiten que os cidadáns da UE teñan acceso á alimentación a prezos baixos. Sirva como exemplo, que no período 2014-2020 a vixente PAC investirá uns 45.000 millóns no sector agrícola e nas zonas rurais de España.

Neste sentido, os estados membros acordaron este ano unha revisión e actualización da actual PAC e que se aplicará desde o 1 de xaneiro de 2018. Estes cambios foron traspostos a lexislación española mediante un acordo do Consello de Ministros do pasado venres e que o Boletín Oficial do Estado publicou este sábado.

A) Cambios nas axudas da PAC desde o 1 de xaneiro de 2018:

Limítase exparexer o xurro con cisternas con prato ou en abano e recoméndase que se enterre mediante inxeccción.

Entre as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagos directos ou determinadas primas anuais de desenvolvemento rural, establécese que:

-A aplicación de xurro nas superficies agrícolas non poderá realizarse mediante sistemas de prato ou abano nin canóns -os máis utilizados neste momento-. Perséguese así que se opte por sistemas de enterrado mediante inxectores acoplados á cisterna de xurro, o que non só mellora o aproveitamento do nitróxeno como fertilizante, senón que evita perdas mediante lavado ou mediante evaporación, que supoñen unha posible fonte de contaminación para o medioambiente.

“As Comunidades Autónomas poderán establecer excepcións á prohibición de esparexer xurro con prato ou abano”

-Sen embargo, permítese ás comunidades autónomas establecer excepcións, “atendendo ás características específicas das superficies afectadas, incluídas as condicións orográficas e climáticas, ou outros motivos, debendo as mesmas quedar debidamente xustificadas”.

-Os estercos sólidos deberán enterrarse despois da súa aplicación no menor prazo de tempo posible. Porén, poderanse exceptuar desta obrigación, se a comunidade autónoma así o establece, os tipos de cultivo mediante sementeira directa ou mínimo laboreo, os pastos e cultivos permanentes, e cando a achega do esterco sólido se realice en coberteira co cultivo xa instalado.

Superficies de Interese Ecolóxico:

-En todos os barbeitos que sexan considerados superficies de interese ecolóxico, queda prohibido o emprego de calquera tipo de produto fitosanitario e/ou herbicidas.

-Para que as terras en barbeito sexan consideradas superficies de interese ecolóxico, non deberán dedicarse á produción agraria durante, polo menos, un período de seis meses consecutivos -antes eran 9 meses-, a contabilizar dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro do ano de solicitude. Cada Comunidade Autónoma establecerá o período de barbeito dentro dese prazo, aínda que o lóxico é que se estableza do 1 de xaneiro ao 30 de xuño.

-En calquera caso, estarán permitidas as intervencións dirixidas a establecer unha cuberta vexetal verde con fins relacionados coa biodiversidade, incluída a sementeira de mesturas de sementes de flores silvestres.

Máis axudas para os mozos que se incorporan á actividade agrícola e gandeira

-Poténciase o apoio aos mozos, que poderán recibir dereitos sen terra, sen a obrigación de pagar peaxe do 20%, e poderán recibir explotacións gandeiras desde o 1 de xaneiro de 2018 e solicitar igualmente as axudas axustadas acopladas á explotación. E sobre todo, os mozos que se incorporen poderán recibir a axuda correspondente ao 50% do pago básico, fronte ao 25% actual.

Refórzanse os controis, en especial para os agricultores que só fagan mantemento:

Continuarase perseguindo ás persoas que cobran axudas da PAC sen realizar actividade agrícola ou gandeira.

O 31 de maio será a data límite para modificar datos das solicitudes:

Unifícase a data de cumprimento de varios requisitos, relacionados coa solicitude única, ao 31 de maio: dispoñibilidade das parcelas, comunicación de cesións e renuncia ao réxime de pequenos agricultores. O período de presentación da solicitude única, do mesmo xeito que en anos anteriores, mantense do 1 de febreiro ao 30 de abril.

Outras novidades

Establécese a posibilidade de que a ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a petición dunha ou varias Comunidades Autónomas, amplíe o prazo de presentación da solicitude única só nestas Comunidades Autónomas que o solicitaron.

B) Cambios na PAC despois do ano 2020

En canto aos cambios que se efectuarán na PAC a partir do ano ano 2020, o presidente do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), Miguel Ángel Riesgo Pablo, explicou os cambios que se aveciñan este venres nas XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, celebradas en Lugo.

Algo máis de admisibilidade para os pastos arbustivos e baixo arborado

Como cambios a curto prazo -para o ano 2018 ou 2019- están os acordados entre o Parlamento Europeo, a Comisión e o Consello para simplificar e actualizar a actual PAC.

O o que se coñece como “regulamento omnibus” e o seu suporá os seguintes cambios:

-Modifícase a definición de pastos permanentes para contemplar os pastos arbustivos e baixo arborado do sur de Europa. “Non se quitará o Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP), que seguirá retirando para as axudas a superficie con moita pendente, con rocha…etc., pero si vai permitir incrementar un pouco a admisibilidade destes pastos de cara a cobrar as axudas”, asegurou o presidente do Fega.

-Increméntase o factor de ponderación dos Cultivos Fixadores de Nitróxeno (CFN), que computan como SIE, e que pasan de 0,7 a 1. É dicir, unha hectárea de trevo, a efectos de cumprir o 5% de SIE para as explotacións con máis de 30 ha de terras de cultivo, pasa de computar como 0,7 ha a 1 ha.

-Máis apoio aos mozos: tanto nos programas de desenvolvemento rural, como nas autorizacións de novas plantacións de viñedo, ou en medidas de financiamento.

A nova PAC a partir do 2020 terá un 10% menos de orzamento

En canto a que pasará despois do 2020, ano en que finaliza a actual PAC, aínda que é probable que se prorrogue dous ou tres anos máis, ata que se aprobe a nova PAC 2021 -2027, o presidente do Fega recoñeceu que “o importante é o diñeiro co que se vai contar, e iso vano acordar os xefes de goberno dos estados membros a mediados de 2018 no debate do Marco Financeiro plurianual da Unión Europea”.

Neste sentido, o borrador sobre o futuro da PAC post 2020 que publicará a finais deste mes a Comisión Europea será un documento de intencións, pois a clave é o marco financeiro que acorden os Estados Membros.

A este respecto, Miguel Ángel Riesgo, recoñeceu que o Brexit “suporá a perda de entre 2.000 e 3.000 millóns que achegaba o Reino Unido, sobre o 10% do orzamento anual da PAC”. “Se non se acorda que os Estados membros contribúan con máis diñeiro ou quitar fondos doutras partidas do orzamento comunitario, vai haber un descenso do 10% nos fondos da PAC despois do ano 2020”, advertiu.

En canto á posición da Comisión Europea, o presidente do Fega avanzou que:

-Deféndese establecer un tope de 150.000 euros nas axudas directas da nova PAC, con independencia da súa superficie. Fálase dunha redistribución das axudas cara ás primeiras hectáreas.

-Maior importancia das axudas ambientais e ligadas á prevención dos efectos do cambio climático. Proponse unir nunha única axuda as agroambientais, as do pago verde e as de condicionalidade.

“A clave é Alemaña, que quere unha PAC con máis medidas ambientais”

-Financiamento. Ata agora a PAC foi financiada integramente pola Unión Europa. Sen embargo, estados liderados por Holanda defenden que sexa cofinanciada por cada Estado membro, o que prexudicaría aos agricultores e gandeiros dos países con menos recursos. Neste sentido, o presidente do Fega avanzou que “os países do sur de Europa, xunto cos do Leste, son claros defensores da actual PAC e de que se financie con cargo ao orzamento comunitario”.

Non obstante, recoñeceu que a clave está na posición que adopte Francia e, sobre todo, Alemaña: “Francia, a pesar de que é doante neto da PAC, non ten unha posición pechada, pero cremos que seguirá defendendo o actual sistema; mentres que Alemaña, parece que quere manter a PAC, pero cun peso da importancia das medidas agroambientais cada vez máis importante”.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información