Que cambiará na PAC no 2018?

O director general de Producciones y Mercados Agrarios, Fernando Miranda, analiza as perspectivas da Política Agraria Común nunhas xornadas organizadas pola Asociación Agraria de Galicia e Agrobank

Que cambiará na PAC no 2018?

Fernando Miranda, na súa intervención nas xornadas de Melide.

A Comisión Europea prevé aprobar este ano unha modificación dos regulamentos da Política Agraria Común (PAC). Eses cambios non alteran as cuestións sustanciais das axudas da PAC programadas para o periodo 2014-2020, pero si introducirán novidades a partir do 2018.

O director general de Producciones y Mercados Agrarios do Ministerio, Fernando Miranda, analizou os posibles cambios nunhas xornadas organizadas en Melide pola Asociación Agraria de Galicia (sucesora de Asaja Galicia) e por Agrobank. Resumimos a continuación as principais novidades:

1) Pagos directos

a) Modificación da definición de pastos permanentes
A normativa estipula que os pastos permanentes deben ser “predominantentemente herbáceos”. Esa definición deixa fóra en España a moitos pastos da dehesa mediterránea e tamén a parte dos pastos galegos en monte. A Comisión propón agora incluír a vexetación leñosa aproveitable nos pastos permanentes, de xeito que pastos predominantemente leñosos poidan ter acceso ás axudas da PAC.

Problemas como os que se viviron os últimos anos co coeficiente de admisilibilidade dos pastos poderían atopar unha vía de solución se este cambio se consuma. “Habería máis posibilidade de convencer ós auditores europeos de que moitos pastos leñosos que son usados polo gando son pastos permanentes”, subliña Fernando Miranda.

b) Límite máximo das axudas
A Comisión Europea xa permitía que cada Estado Membro establecese límites máximos das axudas da PAC. En España, decidírase que os beneficiarios con ata 150.000 euros cobren íntegra a axuda. A partir desa cantidade, detráese un 5%. Eses límites debían establecerse nun principio para todo o periodo 2014-2020. A Comisión propón agora que cada Estado membro poida revisar anualmente ese parámetro.

c) Figura do agricultor activo

Bruxelas vai flexibilizar as condicións que se exixen para cobrar as axudas da PAC. Cada Estado membro poderá decidir se utiliza a figura do agricultor activo como condición para o cobro das axudas. “Nós seguiremos igual, sen cambios” -asegura Fernando Miranda.- “De feito, entre o 2013 e o 2016 houbo en España 150.000 persoas que deixaron de cobrar a PAC, en beneficio en boa medida das persoas que si son agricultores activos”.

Cómpre tamén lembrar que nunha recente xornada sobre a PAC post-2020 organizada polo Ministerio de Agricultura, houbo unanimidade entre as comunidades autónomas para demandar un reforzo da figura do agricultor activo a partir do 2020, de xeito que as persoas xubiladas non poidan cobrar as axudas da PAC.

Fernando Miranda.

Fernando Miranda.

d) Axudas acopladas
Proponse que se poida revisar anualmente a cantidade que se destina ás axudas acopladas, como as que cobran os produtores de leite e vacún de carne. “En España, se se deciden revisar esas cantidades, habería que facelo por acordo da Conferencia Sectorial”, sinala Miranda.

A Comisión viña permitindo tamén que cada Estado membro poida desacoplar as axudas de xeito puntual, se ben en España optouse por non usar ese mecanismo.

2) Desenvolvemento Rural

A Comisión Europea quere poñer en marcha un instrumento de xestión de riscos. A iniciativa consistiría na creación de fondos mutuos de carácter sectorial. Os fondos nutriríanse das aportacións dos produtores e permitirían cubrir as perdas das explotacións que presentasen maiores problemas. Todos os produtores terían que facer aportacións ó fondo cada campaña, con independencia de que se beneficiasen del ou non.

A Comisión propón crear un sistema de fondos mútuos que cubra as perdas das explotacións en situación de crise

Desde a perspectiva de Fernando Miranda, é unha iniciativa “difícil de poñer en marcha”, xa que esixe a creación dunha bolsa común que se tería que repoñer de xeito periódico.

Proposta de seguros de rendas

O debate sobre este instrumento xa chegou ó Parlamento Europeo, onde se suxeriu unha alternativa, como é a creación dun sistema de seguros de rendas. Trataríase dun sistema de seguros, similar ás actuais pólizas agrarias, que cubriría as perdas dunha explotación cando os seus ingresos caísen un 20% por baixo da media dos 5 anos anteriores.

O Parlamento suxire un seguro agrario de rendas que se active cando os ingresos se reduzan nun 20% en relación á media dos 5 anos anteriores

“Estamos ante unha proposta do Parlamento Europeo. Non sabemos se terá éxito ou non. Sería un salto cualitativo importante no apoio ás rendas de agricultores e gandeiros” -valora Miranda-. “Cambiaría o xeito no que se apoia á agricultura na UE, polo que hai que estar atentos”.

Calendario
As negociacións sobre o cambio dos regulamentos da PAC pecharanse probablemente tras o verán, segundo as estimacións do director general do Ministerio, co que poderían publicarse antes de fin de ano e entrar en vigor no 2018.

Situación post-2020

O actual periodo da PAC está previsto que continúe ata o 2020. A proposta da Comisión Europea para a PAC 2021-2027 espérase para mediados do 2018. Sobre esa proposta, habería menos dun ano para negociar a futura PAC, pois convocaranse eleccións ó Parlamento Europeo no 2019, unha vez que se consume o Brexit.

A gran batalla da PAC sitúase en manter as actuais cifras que se lle destinan no presuposto comunitario

Existen dúbidas sobre se será posible pechar o acordo antes da disolución do Parlamento Europeo. En caso de que non fose así, a actual PAC poderíase prorrogar ata o 2021 ou incluso ata o 2022. “Non hai nada falado sobre esta cuestión, pero flota no ambiente esa posibilidade”, sinala Miranda.

De cara ó próximo periodo da PAC, a gran batalla estará en tratar de manter as actuais cifras do presuposto comunitario. Na actualidade, o 35% dos fondos europeos destínanse á PAC.

O impacto que representará o Brexit é outra das cuestións por resolver. Coa saída de Gran Bretaña, haberá en principio 3.600 millóns de euros menos para repartir na PAC cada ano. España perdería o 12% desa cantidade, 392 millóns, segundo as estimacións de Fernando Miranda. O impacto plasmaríase a partir do 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información