Puntos claves para non ter problemas cos plans de mellora ou axudas de incorporación aprobadas

Puntos claves para non ter problemas cos plans de mellora ou axudas de incorporación aprobadas

Charla organizada en Lugo

A orde pola que se establecen as bases reguladoras para axudas a investimentos en explotacións agrícolas, incorporación de persoas mozas e desenvolvemento de pequenas explotacións para o ano 2019, foi obxecto dunha reunión con agricultores e gandeiros da Área de Servizos Agrarios de Lugo, realizada o día 6 de xuño no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, na que participaron técnicos das Oficinas Agrarias de Castroverde, Sarria e Lugo.

Nela expuxéronse os requisitos xerais que establece a orde en canto a medidas subvencionadas, requisitos de solicitude, forma e prazo de presentación, comezo da subvencionabilidade, incompatibilidades, recursos, financiamento, cambios de investimentos, causas de reintegro, facendo fincapé na documentación mínima que debe acompañar cada solicitude e sen a cal procede a non admisión da solicitude.

A orde presenta poucos cambios con respecto ao ano 2018, pero nesta ocasión fóronse repasando as distintas medidas tanto en tipos de inversión, intensidade de subvención, como en requisitos e compromisos adquiridos.

Así, púxose énfase na forma de cumprir cos requisitos documentais: escrituras públicas, altas e cambios en rexistros, prazos para cumprir cos trámites, compromisos formativos, compromisos de volume en censos, produción, Utas, compromisos dos titulares como agricultores profesionais, de prioridade ( ecolóxico, redución de emisións gases..), de inversión etc.

De feito, hai explotación que teñen expedientes de axudas aprobados na convocatoria do ano pasado e incluso algúns do ano 2017, pendentes aínda de certificar.

A maiores, incidiuse na necesidade de que as obras executadas, cos seus posibles modificados de proxecto, conten cunha licenza de obra que lles dea cobertura legal no momento da certificación final, con cargo a fondos públicos procedentes nun 75% do Feader, e restante 25% da Administración Estatal e da Xunta de Galicia.

Aspectos claves

En todo caso e como resumo, o mais importante é que calquera cambio imprevisto na execución dos proxectos ou no plan de empresa aprobado -que inclúe variadas situacións sobre a man de obra comprometida-, sexa posto en coñecemento da Oficina Agraria Comarcal, para a súa valoración, seguida da comunicación oficial á administración, no momento oportuno no caso de que así sexa o que establece o procedemento.

Isto evitaría, que chegado o momento das xustificacións das inversións se atopen que faltan compromisos importantes nas explotacións por cumprir e sen marxe de manobra para solventalos.

A falta de persoal técnico nalgunha oficina, as solicitudes e trámites a través da administración electrónica, a dilatación no tempo das inversións desde a súa aprobación, a concorrencia de varias liñas, incluso na mesma explotación, o non coñecemento polo miúdo de todos os compromisos adquiridos e a súa incidencia no expediente, fan que se vexa conveniente este tipo de reunións como a celebrada en Lugo.

Este venres, dia 14, terá lugar unha charla similar na Casa de Cultura de Sarria, as 11 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información