A próxima semana convocaranse as axudas de incorporación e de plans de mellora por un importe de 42 millóns

A próxima semana convocaranse as axudas de incorporación e de plans de mellora por un importe de 42 millóns

O Consello da Xunta coñeceu este xoves os pormenores da orde de axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas –coñecidas como plans de mellora–, para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e publicaranse a próxima semana no Diario Oficial de Galicia cun orzamento de 42 millóns de euros.

En concreto, reservaranse 14 millóns de euros para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, 25 millóns de euros para o apoio aos investimentos en explotacións agrícolas (os chamados plans de mellora) e 3 millóns de euros para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Debido á programación plurianual do PDR a cantidade é inferior ás axudas do ano pasado, que ascenderon a 65 millóns de euros (40 millóns para plans de mellora, 20 para incorporación de mozos e 5 para a creación e desenvolvemento de pequenas explotacións).

Nesta cuarta convocatoria dentro do actual PDR non haberá cambios respecto ao ano anterior. Unha vez publicada a orde no DOG, iniciarase o período de presentación de solicitudes que estará aberto durante un mes para que os interesados poidan empezar a preparar a documentación necesaria.

Respecto os criterios de valoración para as achegas a incorporación de persoas mozas, a axuda concederase pola execución do plan empresarial e consistirá nunha contía básica establecida en 20.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

No caso dos plans de mellora, o importe da axuda será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ser agricultor/a mozo/a, por realizar un investimento de carácter colectivo, por desenvolver actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ás pequenas empresas, a axuda ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 1 8 meses desde a aprobación desta.

Balance

A través das tres últimas convocatorias desta orde, as correspondentes ao actual PDR – 2016/2017/2018–, xa se levan tramitado 1.466 expedientes de incorporación por valor de máis de 52,2 millóns de euros. No que se refire aos plans de mellora, aprobáronse 2.077 actuacións por valor de 229,7 millóns de euros e que contaron cunha axuda de 110,7 millóns. Por último, 476 pequenas explotacións recibiron axudas por valor de máis de sete millóns de euros neste período. En total, preto de 170 millóns de euros en achegas para axudar o agro galego en tres anos.

5 millóns para fomentar explotación conxunta de instalacións e equipamentos polas cooperativas agrarias

A Xunta destinará este ano un total de cinco millóns de euros a apoiar o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará en breve a correspondente convocatoria de axudas, ás que poden optar as cooperativas agrogandeiras galegas.

Así, as cooperativas interesadas terán logo un mes de prazo para presentar as súas solicitudes. O obxectivo destas achegas, que xestiona a Consellería do Medio Rural, é promover a racionalización do uso dos factores de produción mediante proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas.

O importe da axuda será do 40% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60% en función da aplicación de diferentes criterios, relacionados con operacións en agricultura ecolóxica, fusión de cooperativas, investimentos en zonas con limitacións naturais ou vinculadas á innovación.

Nesta liña, establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 euros. Estas axudas están cofinanciadas nun 7,5% pola Administración xeral do Estado, nun 17,5% pola Xunta de Galicia e nun 75% polo fondo europeo Feader.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información