Proxecto pioneiro para crear un banco de terras abandonadas en 5 concellos galegos e 3 asturianos

O Grupo Operativo Resurgir Alto Navia creará un banco de terras en 5 concellos da montaña lucense, co apoio da Deputación de Lugo.. O proxecto pretende catalogar 1.204 quilómetros de territorio nos Concellos da Fonsagrada, Cervantes, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e Becerreá. A iniciativa tamén cubrirá Grandas de Salime, Ibias e Pola de Allande, no Principado de Asturias

Publicidade
Proxecto pioneiro para crear un banco de terras abandonadas en 5 concellos galegos e 3 asturianos

Presentación da iniciativa este venres na sé da Deputación de Lugo

O responsable de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo, presentou este venres o proxecto do “Grupo Operativo Resurgir Alto Navia”, que procurará a recuperación de 1.204 quilómetros cadrados de terreos abandonados nos concellos da Fonsagrada, Cervantes, Negueira de Muñiz e Becerreá, na provincia de Lugo. A iniciativa tamén contempla a cobertura do territorio en Grandas de Salime, Ibias e Pola de Allande, no Principado de Asturias.

O proxecto ten como finalidade a creación dun banco de terras nestes municipios, para poñelas a disposición de produtores interesados en transformalas en solos de produción agrícola ou forestal.

Fernández Queipo subliñou que “apoiamos esta iniciativa porque consideramos que é o noso deber dar visibilidade aos proxectos de desenvolvemento rural, proxectos innovadores coma este, que procuran poñer en valor o medio rural na nosa provincia. O banco de terras permitirá darlles un novo uso a solos e parcelas que son aptas para a agricultura, pero que están abandonadas e desaproveitadas para a produción agrícola ou forestal. E todo iso, mediante unha aplicación práctica e sostible”.

O proxecto do Grupo Operativo Resurgir Alto Navia, impulsado pola Asociación Europea para a innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícola, está na primeira fase de execución. Nesta, cómpre identificar os solos abandonados, ou dos que non se dispón de datos catrastrais ou, de existiren, os datos rexistrados non se corresponden coa realidade, ben porque non se coñecen os seus propietarios ou non figuran no rexistro da propiedade.

Neste último caso, o grupo operativo tería como obxectivo o contacto coas persoas en propiedade deses terreos logo da súa identificación. Un labor paralelo será o de facer un traballo de investigación cartográfico e de catalogación dos solos para a realización do banco de terras.

Grupo Operativo Resurgir Alto Navia

O Grupo Operativo Resurgir Alto Navia, financiado polo Plan Nacional de Desenvolvemento Rural, conta cunha subvención de 90.474 euros para construír un sector agroalimentario e forestal competitivo. O proxecto, coordinado pola Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, está integrado por asociacións de produtores, cooperativas, empresas e entidades públicas: A Sociedade Cooperativa A Carqueixa; Galetec Gabinete Técnico Interterritorial SL; Asociación ADN, Desarrollo Rural Integral de Negueira de Muñiz; Asociación Cultural Amigos de Fonteta Os Reises del Valledor; Sociedad Cooperativa Caxigal; e Selforga SL.

Así mesmo, tamén figuran entre os membros colaboradores con esta iniciativa, a Asociación de Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses Montes de Cervantes, Navia e Becerreá-Deputación de Lugo, Concello da Fonsagrada ou Concello de Negueira de Muñiz, todas elas, entidades unidas para facer fronte conxuntamente ao abandono e a despoboación dos solos, mediante a organización das terras e a identificación dos propietarios.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información