Programa de ExpoLugo Rural 2017, un escaparate do agro lucense co apoio da Deputación

Publicidade
Programa de ExpoLugo Rural 2017, un escaparate do agro lucense co apoio da Deputación

Presentación de ExpoLugo Rural 2017

O Deputado de Relacións Institucionais da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o Concelleiro de Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández, o Xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López Fernández; acompañados de representantes de ACRUGA, OVICA, entre outros, presentaron este mércores a programación do ExpoLugo Rural 2017, unha feira multisectorial de referencia para o sector e que se celebra esta fin de semana, 7 e 8 de outubro, coincidindo co San Froilán, no Pazo de Feiras e Congreso.

O Goberno Provincial colabora con 20.000 euros, convertendo á Deputación na principal patrocinadora desta cita, de referencia para o sector gandeiro e agroalimentario; así como cunha exposición do CENTRAD. ExpoLugo Rural 2017 estará aberta dende ás 11 da mañá ata ás 21:00 horas e a entrada é gratuíta.

O Deputado valorou a importancia desta cita, que conta de media, con 16.000 visitantes, e na que participarán un total de 400 cabezas de gando –das que o 90% son de Lugo- que teñen un valor estimado de medio millón de euros. Tamén haberá un total de 50 expositores de alimentación, artesanía, alimentación e gandaría.

Mostra gandeira e agroalimentaria

ExpoLugo, A Rural terá lugar do 7 e 8 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Nela poderase desfrutar da mostra gandeira, que se converterá na máis completa exposición gandeira de Galicia xa que nela participarán as principais razas autóctonas galegas, así coma outras de ámbito nacional, coa presenza das súas asociacións xestoras e de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola, que farán as delicias de pequenos e maiores, nun acercamento e revalorización do eido rural á cidade.

No programa tamén haberá unha mostra agroalimentaria de Razas Autóctonas, e que contará cunha exposición de produtores de razas autóctonas con venda de produtos directamente do produtor ao consumidor.

Impulso da artesanía

O Goberno da Deputación tamén colabora a través do CENTRAD, que levará un stand. Alí despregarase unha pequena exposición representativa das pezas que acolle o centro de artesanía e deseño provincial. A mostra incluirá 45 pezas de cerámica tradicional de Gundivós, Bonxe, Niño de Aguia e Buño; outras 15 de cestería; 12 de cantería; 3 traxes tradicionais rústicos e 1 cabaceiro.

Oportunidade de negocio

Na Feira participarán stands de empresas relacionadas co sector rural e gandeiro, no que destacarán as últimas innovacións e servizos nos sectores gandeiro e agrario que, na provincia de Lugo, supoñen unha parte esencial tanto a nivel económico como social, axudando a mellorar a súa competitividade, converténdose así nunha boa oportunidade de negocio tanto para empresas e entidades como para os propios gandeiros.

Máis actividades

Ademais da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, esta Feira verase completada con outras actividades sempre relacionadas co sector primario. Deste xeito, terán lugar, entre outras actividades, a presentación de produtos e novidades no sector en servizos como ferramentas, aplicacións e maquinaria. Tamén haberá charlas técnicas, celebración de asembleas e xuntanzas de socios, desfile do gando de razas autóctonas pola rúas de Lugo, IV Concurso- Exposición Provincial da Galiña de Mos, I Concurso de Raza Porco Celta, Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega, Concurso-Exposicións de Gando de  Raza Rubia Galega e degustacións de produtos de raza autóctona.

Acruga participa con 120 animais de raza Rubia Galega na exposición e con 100 exemplares no concurso

Un ano máis, a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, participará activamente na feira Expolugo A Rural, onde rubia estará representada por uns 120 animais na exposición de razas autóctonas, ademais de presentar cen destes exemplares ao Concurso de Gando III Memorial Luciano Sánchez, que se celebrará tamén no Pazo de Feiras e Congresos.

Na exposición tomarán parte exemplares procedentes de explotacións de gandeiros de Friol, Samos e O Corgo, ademais dos dous touros que Acruga ten na nave de testaxe e unha vintena de xatas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.

A exposición estará aberta ao público desde o sábado 7 ata o domingo 8, mentres que o concurso terá lugar ao longo de toda a mañá do sábado. Trátase do III Memorial Luciano Sánchez, no que tomarán parte unhas 100 cabezas de gando, pertencentes a gandeiros de Friol, Samos e O Corgo.

No concurso valoraranse os animais en 5 categorías diferentes, con tres premios para cada unha das categorías; así se premiará á mellor vaca, mellor touro, mellor xato, mellor xata e mellor cría. O primeiro premio será de 150 euros, o segundo de 100 e o terceiro de 50 euros.

Ademais, este concurso establece un premio de 200 euros para o mellor lote de gando.

Os animais serán valorados por dous xuíces principais, procedentes da Escola de Xuíces Gandeiros de Acruga. De feito, coincidindo con esta feira, porase o punto e final ao curso de xuíces gandeiros de raza Rubia galega, que alcanza a súa décima edición, na que participaron un total de 17 alumnos. Este curso, que consta dunha parte teórica e outra práctica, en campo, finalizará o día 7, cando os alumnos traballarán con varios animais da exposición para cualificar e valorar.

Programa de Acruga para o día 7 de outubro:
– 11:30 h: Desfile de gando polas rúas do centro de Lugo.
– 13:00 h: Inauguración oficial de Expolugo.
– 13:30 h: Entrega de premios aos gañadores do concurso de gando e diplomas aos participantes no curso de xuíces de raza Rubia galega .
14:30 h: Xantar con carne de Tenreira Galega Suprema-Carne de Rubia Galega no Palacio de Feiras e Congresos.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información