Produtores de Ferrolterra e Ortegal crean unha asociación galega de afectados pola fauna salvaxe

O colectivo demanda medidas de control do xabarín, que considera unha “praga”, e do lobo. Advirte de que os animais non só afectan ó agro, senón á seguridade vial, e valora que poden representar unha ameaza para as persoas

Produtores de Ferrolterra e Ortegal crean unha asociación galega de afectados pola fauna salvaxe

Danos do xabarín. / Arquivo.

Andrés Saavedra, un gandeiro de leite de Ortigueira, deixou de botar millo hai tres anos porque o xabarín desfacíallo todo. Desde aquela, ten que mercar o millo con que alimenta o seu gando e falando con máis produtores e empresas do sector, constatou que “todos estaban igual”. “Falando entre nós e despois de moito tempo de lamentacións, decidimos facer algo e montar unha asociación a nivel autonómico de afectados pola fauna salvaxe”, conta.

O colectivo, que leva por nome Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe en Galicia, celebrou onte a súa reunión de presentación na cooperativa O Val, en Narón. Polo de agora, a asociación agrupa maioritariamente a gandeiros e agricultores da comarca de Ferrolterra, Ortegal e Eume, pero o seu obxectivo é aglutinar a produtores de toda Galicia, para o que prevé iniciar unha serie de reunións comarcais. “Esta é unha asociación que quere agrupar a gandeiros, a agricultores e a toda persoa que se sinta afectada pola fauna salvaxe, que xa é un problema de seguridade vial e que pode chegar a ser un problema de seguridade pública”, destaca.

Desde a Asociación consideran que a poboación do xabarín, a falta de censos oficiais, chegou xa a unha situación de “praga”. “A situación está ‘desmadradada’ e hai que tomar medidas de control. Está acabando cos cultivos, causa accidentes tódolos días e pode ser un problema sanitario, co tema da peste porcina africana”, advirte Andrés Saavedra. “E calquera día, pasa o que pasou en Zamora, que pode chegar a atacar a algunha persoa. Unha veciña nosa que se cruzou cunha porca con crías nunha estrada xa tivo que escapar correndo porque o seu can enfrentouse coa porca e víronse en serio perigo”, conta Andrés.

Das axudas que se veñen de convocar para indemnnizar danos nos cultivos, por un máximo de 1.650 euros por afectado, Saavedra considéraas unha “esmola electoralista” e demanda que haxa “responsabilidades” pola fauna salvaxe. “Ninguén rinde contas cos afectados”, cuestiona Saavedra, que non descarta que a Asociación emprenda nun futuro accións xudiciais.

Reunións
O colectivo tivo polo de agora xa reunións con Tecores da comarca de Ferrolterra, coa Federación Galega de Caza e coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo. A Asociación, que se declara independente, está presidida por José Antonio Muiño, un agricultor de Narón; ten como secretario a Andrés Saavedra, de Ortigueira; e como tesoureiro a Eliseo Cebreiro, un gandeiro de San Sadurniño. Completan as vogalías dous gandeiros de carne e leite de Mugardos e Narón, se ben a intención é ampliar nun futuro a directiva con representantes doutras zonas de Galicia.

A Asociación, por último, fixo onte un chamamento a tódolos produtores afectados pola fauna salvaxe para que denuncien sempre calquera mínimo dano do xabarín no 012, a fin de que a Administración tome conciencia da “dimensión real” do problema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información