Prioridades de Coag para o sector agrario e gandeiro no ano 2017

Prioridades de Coag para o sector agrario e gandeiro no ano 2017

Gandería na Terra Chá

A Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (Coag), coa que mantén un acordo de colaboración o Sindicato Labrego Galego, acaba de facer público un balance do ano 2016 e un resumo das súas prioridades para o próximo ano 2017. Entre estas últimas destaca:

-A renovación da actual Lei 19/95 de Modernización de Explotacións a través do Estatuto da Agricultura Social e Profesional. “Conseguiuse un dos principais obxectivos da Lei 19/95, como é o incremento da dimensión económica das explotacións agrarias, tanto a través do incremento de superficie como da produtividade, pero, desgraciadamente, fracasouse á hora de mellorar a viabilidade económica das mesmas e por tanto a renda dos agricultores e gandeiros”, subliñan dende Coag.

-”O crecente envellecemento do sector agrario evidencia a urxencia e necesidade dunha ambiciosa política de substitución xeracional no conxunto do Estado”, advirten. Nese sentido, desde COAG estímase necesario priorizar a medida de apoio á instalación de agricultores novos.

Creación do Observatorio de custos e mercados de insumos para aumentar a vixilancia dos oligopolios que controlan os insumos do sector: enerxía, fertilizantes, pensos, sementes, etc. “e evitar así a especulación e os custos inxustificadamente elevados para os agricultores e gandeiros”.

-Desde COAG proponse melloras da Lei de Cadea Alimentaria, tales como o aumento e optimización dos recursos da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), a extensión dos contratos obrigatorios ao conxunto das operacións na cadea, a introdución da “venda a perdas” como práctica comercial abusiva sancionable, a ampliación da figura do mediador e a prohibición das campañas de promoción baseadas no agasallo de alimentos básicos (produtos primarios ou produtos envasados como leite ou aceite de oliva) para non inducir a erro sobre o prezo e valor real dos devanditos produtos.

-”Pola súa banda, -engaden- o seguro agrario debe ser unha estratexia fundamental de mantemento de rendas ante a contorna económica actual tan volátil e polo esperable aumento dos riscos para a agricultura ocasionado polos efectos do cambio climático”. Nese sentido, reclámase un incremento da partida orzamentaria estatal destinada ao seguro agrario polo menos ata os niveis de 2007-2011, para reducir o custo das pólizas e contribuír á universalización do seguro.

-Proceso de negociacións da nova PAC 2020. “O Ministerio de Agricultura debe traballar en Bruxelas por unha nova orientación da Política Agraria Común máis social e profesional, que acabe con “verdeos” de escaparate e priorice os apoios aos verdadeiros profesionais agrarios, que traballan directamente na súa explotación e xeran desenvolvemento económico e benestar social no medio rural”, propoñen dende Coag.

-Rexeitamento ao Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento entre a UE e EEUU (TTIP). Para a organización agraria “o TTIP é unha ameaza para o modelo europeo de agricultura e alimentación, baseado na calidade, a sustentabilidade e a diversidade”.

-Impulso á transformación dixital e o big data no campo. “As explotacións agrarias deben prepararse para unha irrupción tecnolóxica nunca vista e sobre iso preocúpannos tres aspectos críticos: a substitución xeracional, a privacidade e uso dos datos das explotacións e a formación do capital humano”, conclúen dende Caog.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información