Prevención da siniestralidade laboral no manexo do gando

Prevención da siniestralidade laboral no manexo do gando

Xornada sobre prevención de riscos laborais na gandaría impartida por Boaga.

A maioría dos gandeiros está habituado a seguir unhas normas de prevención de sentido común no manexo do gando, se ben de cando en cando ocorren sinistros laborais por despistes ou imprudencias. A Federación de Razas Autóctonas de Galicia, Boaga, elaborou unhas pautas básicas de manexo a ter en conta no traballo cos animais. Recollemos a continuación algunhas das súas recomendacións, que presentou recentemente na Semana Verde a técnica de prevención de riscos laborais de Boaga, Marina Rosende.

– Nas operacións de alimentación ou limpeza nas naves do gando, hai que evitar colocarse entre os animais e a parede ou entre os animais e o pesebre, de cara a reducir o risco de posibles aplastamentos. Tamén hai que ter tino de posibles pisotóns ou de golpes dos animais coa testa.

– Cando o gando está no exterior, cómpre achegarse ós animais de xeito diagonal e de cara. Non polas costas nin de xeito frontal directo para evitar que o gando se vexa sorprendido ou ameazado. Os animais que están de xeito permanente no exterior poden estar un pouco menos habituados ó contacto coa xente e ser máis testáns; non por iso son máis agresivos, pero hai que manexalos con precaución. O gandeiro debe coñecer o carácter dos distintos animais e debe evitar confiarse con eles, mesmo cos máis tranquilos, xa que poden presentar conductas atípicas en caso de enfermidade.

– Á hora de conducir ó gando, o produtor ten que ir detrás do rabaño, non diante, para evitar posibles embestidas. No cruce de estradas, terá que haber dúas persoas con chalecos reflectantes, unha a cada lado.

– As operacións delicadas, tales como inxección de vacunas ou inseminación, haberán de facerse nunha manga de manexo.

– O gando ovino e caprino presenta problemas específicos, como as posibles acometidas dos carneiros. Débese entrar sempre con vara ou can nas zonas onde estean pastando. Tamén hai que ter coidado especial en operacións de rapado.

– Ó aire libre, en caso de tormentas hai que considerar o risco dos raios e non permanecer en campo aberto nin debaixo de árbores.

Outras recomendacións de prevención nas explotacións
– En canto ás instalacións, hai que valorar o risco de posibles caídas, tanto ó mesmo nivel, por chans mollados ou escorregadizos, como a distinto nivel, por escaleiras insuficientemente protexidas, mal uso de escadas de man, presencia de buratos, etc. Débese comprobar asimesmo a seguridade estrutural das instalacións e da maquinaria a utilizar. O uso de maquinaria é unha causa común de siniestralidade laboral no agro, polo que tamén cómpre ter en conta normas básicas de prevención neste apartado.

– Nas operacións coas foxas de xurros, hai que seguir unhas estrictas normas de prevención de riscos para evitar sinistros. O mesmo na limpeza de silos, nos que haberá que levar unha máscara que filtre o po.

– Outros riscos a ter en conta radican no manexo de produtos fitosanitarios ou nas posibles enfermidades que pode contaxiar o gando. Neste artigo, repasamos as 15 enfermidades máis comúns no agro galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información