Preséntanse 540 solicitudes de axudas de incorporación e 1.610 para plans de mellora

Preséntanse 540 solicitudes de axudas de incorporación e 1.610 para plans de mellora

Visita da conselleira a Cabuxa Natur.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, adiantou este luns que 540 mozos solicitaron este ano as axudas de incorporación ao agro galego. Tras pecharse o prazo de solicitudes hai 15 días, as primeiras cifras veñen demostrar, segundo a conselleira, “que se mantén o interese dos novos polo rural”. Na convocatoria do pasado ano presentáronse 784 solicitudes de incorporación, das que finalmente cumprían os requisitos 618.

No que se refire aos plans de mellora, este ano rexistráronse 1.610 solicitudes, boa parte delas presentadas xa o pasado ano, sen que foran aprobadas. De feito, o pasado ano presentáronse a esta liña unha cifra similar de solicitudes pero finalmente foron aprobadas menos do 40%.

Pequenas explotacións

Na orde de axudas de incorporación de mozos e de plans de mellora para a que este ano hai presupostados 65 millóns de euros (un aumento do 7,08% respecto á anterior convocatoria), tamén se inclúe unha liña específica para pequenas explotacións para as que este ano recibíronse 187 solicitudes, o que supón un aumento do 167% respecto ao ano pasado.

Unha vez recompiladas todas as solicitudes, a Consellería do Medio Rural comezará o proceso de análise de cada un dos expedientes para comprobar que cumpren os requisitos e valoralos para ter a resolución lista de cara a final de ano.

Visita a Cabuxa Natur

Ángeles Vázquez informou destes datos de solicitudes durante unha visita á explotación cabrúa Cabuxa Natur, sita no concello de Guntín e que no seu día recibiu axudas da Consellería tanto para a súa posta en marcha a través das subvencións de incorporación como para a súa mellora.

Cabuxa Natur naceu co obxectivo de producir carne de cabrito de alta calidade a través de pastoreo ecolóxico e baixo o amparo do indicativo de raza autóctona Cabra Galega. Hoxe, seis anos despois tense convertido nunha referencia no sector en Galicia, cun rabaño dunhas 260 cabras adultas e 130 cabritos.

Unha visita que pon en valor o traballo de Ovica e da marca Pastores de Galicia 

Despois da reunion coa directora Xeral o pasado 5 de Maio, a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) organizou esta xornada coa Conselleira de Medio Rural para coňecer as actividades que a asociación está a desenvolver no marco da programación da produción da carne de ovino e cabrún englobada dentro da marca de garantía “Pastores de Galicia”, que aglutina a todo o sector de ovino e cabrún en Galicia, cun manexo sostible extensivo e semiextensivo dos pastos e forraxes.

Neste sentido, a granxa de Gemma San Pedro Jiménez, titular de Cabuxa Natur S.C, está integrada en Ovica e de Pastores de Galicia.

A visita da Conselleira estivo conducida polo actual presidente de Ovica, Diego Fernández González, a anterior presidenta Maria do Carmen Fernández Carreira e a esposa do presidente da cooperativa de Ovica, Vanessa Diaz Mata (Vélaro S. Coop. Galega) e titular da explotacion de ovino Casa da Armada, en Friol.

Sector ovino en Galicia

En Galicia existen 19.739 explotacións con gando ovino e cabrún, cun censo superior aos 207.000 animais. A media é de 10,51 cabezas por granxa, polo que falamos dun sector caracterizado por pequenas explotacións, moitas delas de carácter familiar e nas que, as veces, conviven varias especies gandeiras. Unicamente 274 explotacións teñen máis de 100 ovellas e cabras, un 1,4% do total.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información