Presentan o II Festival Agrogay da Ulloa

Baixo o lema "Son Agrogay", a Granxa Maruxa de Monterroso (Lugo) converterase este sábado na capital mundial do movemento agrogay, cun completo programa de actividades para todos os públicos

Presentan o II Festival Agrogay da Ulloa

Presentación en Santiago do festival "Son Agrogay"

O Festival Agrogay da Ulloa celebra este sábado, día 29 de agosto, na Granxa Maruxa de Cumbraos (Monterroso, Lugo), a diversidade afectiva, sexual e vital do campo galego. Baixo o lema “Son Agrogay” e cun completo programa de actividades para todos os públicos, con música, artesanía, obradoiros, maxia e humor, o festival quere visibilizar un rural diverso, afectivo e sexualmente, e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecoloxismo.

“No rural convivimos, cooperamos e imos de viños todos xuntos”, asegurou esta mañá Braulio Vilariño, un dos organizadores, na presentación do evento en Santiago de Compostela. “O rural ofrece moitas posibilidades para desenvolver proxectos culturais e vitais”, engadiu, “e non debemos olvidar que a terra salva a poboación en épocas de crise”.

Sobre as posibilidades de reinventarse que ofrece o rural falou tamén Marta Álvarez Quintero, propietaria de Granxa Maruxa e parte da organización do Festival: “queremos reivindicar tamén a importancia do noso sector lácteo e recordar que debemos buscar entre todos saídas creativas para a situación de crise que vivimos na actualidade”.

Programa de actividades

Finalmente, Adrián Gallero fixo un repaso polo programa de actividades do Festival, que arrincará o sábado ás 11h coa Feira de Artesanía, onde haberá unha zona de cruising (intercambio libre) de sementes; ás 12h haberá debate, nunha asamblea guiada por Ángel Amaro, para a construción colectiva dunha axenda LGTBIQ para o rural; e ás 14h chegará o momento do xantar colectivo. Abrirá as actividades da tarde, ás 16h, Fran Rei, de Os sete magníficos máis un, cunha revisión agrogay do conto máxico A historia de Brancaflor. Despois, chegará o momento de ler o manifesto e entregar os premios á Visibilidade Agrogay. E ás 18h, os concertos: con De Vacas e Davide Salvado. Despois, o Festival integrarase na vila de Monterroso, cunha ruta polos bares Agrogay Friendly animada pola Asociación Cultural Entropía Folk. E, a partir das doce, Sesión Golfa con Moreno moreno Dj máis G.U.L.I. na Área Natural A Peneda. “A partir das catro”, rematou Adrián Gallero, “deixaremos descansar a terra e poderemos gozar coa lúa chea que nos acompañará”.

O Festival Agrogay da Ulloa é un evento sen ánimo de lucro organizado polo Colectivo Agrogay da Ulloa. O aforo das actividades na Granxa Maruxa é limitado, debido ás propias características do espazo, e teñen un prezo de 5 euros. As entradas pode reservarse a través do correo agrogaysdaulloa@gmail.com. Todos os ingresos serán destinados a cubrir os gastos do propio evento

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información