Preguntas e respostas sobre as axudas do pago verde en Galicia

O cambio no período de verificación de cultivos en Galicia na PAC 2017 suscita dúbidas en canto á superficie de barbeito e a de interese ecolóxico ou dende cando empeza a xustificación. Coa axuda de técnicos do Fogga aclaramos estas dúbidas

Preguntas e respostas sobre as axudas do pago verde en Galicia

Paisaxe agraria en Touro (A Coruña)

O día 30 deste mes remata o prazo para a presentación das solicitudes das axudas da PAC 2017, que este ano veñen marcadas en Galicia polo cambio no período de verificación dos cultivos para as axudas do pago verde ou greening, que pasa a ser do 15 de xaneiro ao 15 de abril (antes era de abril a xuño).

Isto permitirá que as explotacións gandeiras con máis de 30 hectáreas de superficie declaradas podan, en caso de que cumpran nos novos requisitos de diversificación de cultivos, dedicar ata o 100% da súa superficie a millo forraxeiro.

Sen embargo, ao publicar a Consellería a convocatoria de axudas da PAC para 2017 o día 1 de febreiro, cando a inmensa maioría das ganderías xa tiñan sementados os cultivos de inverno, dificulta a adaptación ao novo período de control e que tiren todo o proveito deste cambio. Ademais, fai que xurdan dúbidas entre os gandeiros sobre aspectos como a superficie de barbeito, ou de interese ecolóxico ou dende cando empeza a xustificación.

A grandes rasgos, as explotacións con máis de 30 hectáreas de superficie terán que cumprir coa diversificación cultivos no período principal, do 15 de xaneiro ao 15 de abril, tendo na superficie declarada como mínimo tres cultivos (pradeiras, un mínimo do 7,1% de leguminosas -consideradas como Superficie de Interese Ecolóxico-e, se callar, restos da colleita anterior de millo forraxeiro). De cumprir con este requisito do SIE a gandería podería chegar a plantar esta primavera o 100% da superficie de cultivo con millo forraxeiro.

Se non cumpriu co SIE no período principal, é dicir, se non plantou leguminosas no inverno, a gandería terá que dedicar na primavera un mínimo do 5% a barbeito, co que como máximo poderá plantar o 95% da superficie a millo forraxeiro.

A obriga de 3 cultivos é só para as explotacións con máis de 30 has de  terras de cultivo mentres que as que teñen entre 10 e 30 has terían que ter 2 cultivos e os de menos de 10 has cobrarían sempre.

Coa axuda dos técnicos do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) intentaremos aclarar estas dúbidas:

Para a solicitude da PAC 2017 ¿Teranse en conta os cultivos de inverno que se plantaron en outono de 2016 ou os que se van plantar a partir de setembro deste ano?
No control determinaranse en xeral os cultivos presentes nas parcelas durante o período principal de cultivo que vai do 15 de xaneiro ao 15 de abril de 2017.

¿Cando e como se declara a Superficie de Interese Ecolóxico?
A Superficie de Interese Ecolóxico (SIE) terá que ser dun mínimo do 5% da terra de cultivo da explotación no caso de que se declare a barbeito. Neste caso deberán respectarse as condicións de permanencia dun mínimo de 9 meses e non se faga ningún tipo de aproveitamento (non pode haber pastoreo nin sega) máis que unhas labores mínimas de mantemento.

No caso de que o SIE se cubra con cultivos fixadores de nitróxeno terían que ser dun mínimo do 7,1% da superficie de cultivo e estar no terreo durante o período principal (Do 15 de xaneiro ao 15 de abril).

Estes cultivos fixadores de nitróxeno poden ser leguminosas forraxeiras (alfalfa, trevo, veza forraxeira, chícharo, esparceta e zulla) así como para grao para consumo humano ou animal (xudía, garavanzo, lentella, chícharo, fabas e haboncillos, altramuz, algarroba, titarros, almorta, veza, yeros, alholva, alverja e alverjón).

É dicir, ou ben se cumpre co SIE plantando leguminosas para ensilar en inverno, no período principal, que é cando se declaran, ou senón habería que deixar o 5% de superficie a barbeito no verán.

¿Os restos de millo da colleita de 2016 de forma excepcional considéranse este ano como un segundo cultivo do período principal?
Non. No caso de inactividade entre dous cultivos (é dicir, entre un cultivo no verán de 2016 e outro cultivo no verán de 2017), no período principal haberá herba espontánea con restos da colleita de 2016 ou, nalgúns casos, terra xa preparada para a próxima sementeira dun cultivo en 2017. De acordo con indicacións recibidas do FEGA, neste tipo de situacións non se declara o produto 20 (barbeito non SIE), pois esta inactividade entre cultivos non se pode considerar barbeito, senón que corresponde declarar o produto da colleita posterior ao período principal (a do verán de 2017): millo ou o que corresponda. É dicir, declarase soamente millo no periodo principal, sempre que entre millo e millo non se semente nada.

¿As pradeiras permanentes, poderían dedicarse a millo no verán? De ser así  ¿obrigaríase cumprir coa diversificación de cultivos (3) no período principal e sobre o 100% da superficie cultivable, por exemplo cunha combinación de 70% de raigrás, 7,1% de leguminosas e o resto da superficie a un cereal para ensilar?
Si, sería posible. Nesta situación é preciso asegurar que o recinto se actualice a uso de Terra Arable (TA), tendo en conta o cultivo do verán. Dado que a aplicación SGA-Captura non permite recoller un cultivo principal e outro secundario que correspondan a usos distintos e que é preciso verificar ese cambio de uso no 2017 mediante unha alegación ao SIXPAC, farase a declaración do seguinte xeito:

– Declararase como cultivo principal o pasto como se fora xa pasto de menos de 5 anos, por exemplo declarando produto 63 (e non 64). Desta maneira a aplicación indicará a necesidade de presentar a alegación a TA.

– Declararase como cultivo secundario o cultivo herbáceo presente durante o verán. Deste xeito, a alegación a TA resolverase verificando a presenza deste cultivo no verán.

Independentemente do cultivo que se semente no verán, é obrigatorio cumprir coa diversificación de cultivos no período principal (do 15/01 ao 15/04).

Se dedico máis do 75% da superficie cultivable en inverno a pradeira temporal, ¿estou exento do SIE e podo dedicar o 100% da superficie a millo forraxeiro no período secundario?
Si, non será necesario contar con superficies de interese ecolóxico cando máis do 75% das terras de cultivo se utilicen para producir herba ou outras forraxes herbáceas, ou se deixe en barbeito, ou se empregue para o cultivo de leguminosas, ou se adique a unha combinación destes usos, sempre que a terra de cultivo restante non cuberta por estes usos non exceda as 30 hectáreas.

Un exemplo práctico:

Unha explotación con 50 ha, con 10 ha de pastos permanentes e 40 de terras de cultivo, e que non cumpre ningunha das excepcións previstas na normativa.

Ten máis 30 ha de terras de cultivo, polo que :

A efectos da diversificación de cultivos ten que ter polo menos 3 cultivos entre o 15 de xaneiro e o 15 de abril, e o principal non pode supoñer máis do 75% e a suma dos dous principais máis do 95%.

A efectos das SIE ten que ter polo menos 2 ha (5% de 40 ha) que no caso de ser cultivos fixadores de nitróxeno terían que ser 2,86 ha (7,1%).

Se ten máis do 75% de pradeira temporal exímese de cumprir co SIE e coa diversificación, ao seguir contando como cultivo herbáceo e superar o 75% da terra cultivable da explotación, cumprindo coa condicionalidade.

En 2017 as tres opcións do plan de sementeira para esta primavera serían:

A) Se no novo período de cultivo principal tivo tres cultivos (pradeira temporal e/ou permanente, restos do cultivo secundario anterior (millo forraxeiro) e un 7,1% de leguminosas (trevo, chícharos, favallón, veza forraxeira, alfalfa..), cumprindo por tanto coa diversificación de cultivos, o plan de cultivos para este verán podería ser:

10 ha de pastos permanentes
40 ha de millo forraxeiro, xirasol…etc

Ou:

50 ha de millo forraxeiro (xirasol..etc) , se decide prescindir das pradeiras permanentes e concentrar a produción de herba para ensilar no período principal (inverno), mercando herba seca ou palla. Isto obrigaría a facer alegacións por cambio de uso de pasto permanente (PS) a terra arable (TA).

Neste caso, ao ter o 100% como superficie cultivable, obrigaría a cumprir cos tres cultivos no inverno -período principal-, por exemplo, con raigrás, cun 7,1% mínimo de superficie cultivable a leguminosas e outra porcentaxe con outro cultivo como centeo, avea…etc para ensilar.

B) Se tivo no inverno máis do 75% de pradeira temporal en inverno, a explotación estará exenta do SIE, tanto de leguminosas como de barbeito, polo que poderá plantar o 100% da superficie a millo forraxeiro.

C) Se no período principal -en inverno- non cumpriu coa diversificación de cultivos, sobre todo co 7,1% de superficie de leguminosas:

-10 has de pastos permanentes
-38 ha de millo forraxeiro.
-2 ha a barbeito.

Ou

-48 hectáreas a millo forraxeiro (se decide prescindir da pradeira permanente para herba seca).
-2 ha a barbeito.
Neste caso, ao ter o 100% como superficie cultivable, tamén obrigaría a cumprir cos tres cultivos no período principal.

Consideracións relativas ao novo período principal de cultivo

1. No caso de cultivo de raigrás entre cultivos (sementado tras recoller o millo do verán de 2016 e recollido para sementar millo no 2017), declararase como produto principal de 2017, que é o presente durante o período principal. Neste tipo de situacións declararase ademais como cultivo secundario en 2017 o produto presente no verán de 2017 (por exemplo, millo). Evidentemente entre cultivos de millo (ou calquera outro) dos veráns de 2016 e 2017 pódese sementar o cultivo que queira o agricultor e será este o que se declare como cultivo principal.

No caso de que este cultivo principal sexa algún dos indicados na táboa seguinte será necesario declarar ademais como cultivo secundario o produto presente no verán tal e como xa se explicou para o caso concreto do raigrás.
68 Festuca
69 Raygrass
70 Agrostis
71 Arrhenatherum
72 Dáctilo
73 Fleo
74 Poa
247 Cultivos mixtos de especies pratenses

Tratarase de igual xeito o caso en que non houbo cultivo no verán de 2016 senón prado temporal (produto 63) que se se mantén no período principal de 2017 e logo seméntase un cultivo que estará presente no verán de 2017.

Nestas situacións declarase como cultivo principal o produto 63 e declarase tamén como cultivo secundario o do verán de 2017 (millo ou o que corresponda).

2. No caso de inactividade entre dous cultivos; é dicir, entre un cultivo no verán de 2016 e outro cultivo no verán de 2017), no período principal haberá herba espontánea con restos da colleita de 2016 ou, nalgúns casos, terra xa preparada para a próxima sementeira dun cultivo en 2017. De acordo con indicacións recibidas do FEGA, neste tipo de situacións non se declara o produto 20 (barbeito non SIE), pois esta inactividade entre cultivos non se pode considerar barbeito, senón que corresponde declarar o produto da colleita posterior ao período principal (a do verán de 2017): millo ou o que corresponda.

3. Nos casos de prado temporal sementado dentro dunha rotación tradicional (o prado está presente un ou máis anos completos), declararase produto 63. Cinco anos seguidos con esta declaración daría lugar a un uso PS.

4. No caso de declaración de CFN para SIE como secundario no 2016, volverá declararse ese mesmo produto CFN como principal no 2017. Para asegurar que en anos posteriores esta declaración non sexa incidencia na verificación da rotación de SIE deberá declararse como cultivo cultivo secundario en 2017 un produto presente na parcela no verán de 2017 e que aproveite o nitróxeno fixado polo CFN previo.

5. Se é necesario para solicitar axudas acopladas, poderá declararse como secundario (denominado agora “outro cultivo”) o cultivo do verán de 2017 (por exemplo, o xirasol para solicitar a axuda aos cultivos proteicos).

6. As comprobacións sobre o terreo da diversificación no período principal do 2017 esixirán, previsiblemente, teledetección.

7. No caso que sobre un recinto con uso de Pradeira Permanente (PS) o agricultor pretenda manter o pasto durante o período principal de 2017 e posteriormente sementar un cultivo (millo ou outro cultivo) que estaría presente durante o verán de 2017. Nesta situación é preciso asegurar que o recinto se actualice a uso de Terra Arable (TA), tendo en conta o cultivo do verán. Dado que a aplicación SGA-Captura non permite recoller un cultivo principal e outro secundario que correspondan a usos distintos e que é preciso verificar ese cambio de uso no 2017 mediante unha alegación ao SIXPAC, farase a declaración do seguinte xeito:

– Declararase como cultivo principal o pasto como se fora xa pasto de menos de 5 anos, por exemplo declarando produto 63 (e non 64). Desta maneira a aplicación indicará a necesidade de presentar a alegación a TA.
– Declararase como cultivo secundario o cultivo herbáceo presente durante o verán. Deste xeito, a alegación a TA resolverase verificando a presenza deste cultivo no verán.

8-A efectos do barbeito tradicional (produto 20) a pradeira temporal é un cultivo máis e o propio barbeito tradicional tamén se considera como un cultivo máis, que incluso podería ser obxecto de aproveitamento. Pola contra, se se pretende declarar un barbeito SIE (barbeito sen produción que se declara como produto 24), deberán respectarse as condicións de permanencia dun mínimo de 9 meses e que non se faga ningún tipo de aproveitamento (non pode haber pastoreo nin sega) máis que unhas labores mínimas de mantemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información