Portugal defende un cambio da PAC que beneficiaría a Galicia

O goberno veciño solicita no Consello de Ministros de Agricultura da UE que se teña en conta a rotación de cultivos outono-primavera na mesma parcela como válida para cumprir cos requisitos do ‘greening’

Publicidade
Portugal defende un cambio da PAC que beneficiaría a Galicia

A rotación na mesma parcela de herba e millo é habitual en Galicia.

As axudas da nova Política Agraria Común (PAC) introducen un criterio ambiental que obriga ós produtores a unha diversificación de cultivos, unha situación que en Galicia preocupa ó sector, xa que obriga a un cambio de manexo das superficies. Portugal solicitará hoxe no Consello de Ministros da UE unha modificación das medidas ambientais, o chamado ‘greening’, co fin de ter en conta a rotación outono-primavera dentro da mesma finca como válida para cumprir cos requisitos do ‘greening’. A medida beneficiaría a Galicia, onde é habitual o ciclo herba-millo na mesma parcela ó longo do ano.

A PAC 2015-2020 condiciona unha parte dos pagos, o chamado ‘pago verde’, a que os agricultores cumpran cos criterios de diversificación de cultivos. Como regra xeral, as explotacións con máis de 10 hectáreas deben ter alomenos dous cultivos, en tanto as explotacións con máis de 30 hectáreas deberán ter 3 cultivos. Para computar a diversificación de cultivos, polo de agora non se ten en conta a rotación de cultivos ó longo do ano nunha mesma parcela. Cada superficie pode atribuirse só a un cultivo, unha situación que Portugal pide que se cambie.

O goberno do país veciño solicitará hoxe no Consello de Agricultura da UE que se fagan dúas inspeccións anuais en cada explotación, en lugar dunha, de xeito que se poidan comprobar así as rotacións de cultivos na mesma parcela. Na orde do día do Consello, figura que se tomará nota da petición lusa, pero non se agarda unha decisión ó respecto a curto prazo.

A medida solicitada por Portugal beneficiaría a Galicia, xa que permitiría que as explotacións computasen como dous cultivos a tradicional práctica de ter unha mesma parcela con herba no outono e sementada a millo na primavera.

Outra alternativa para ter en conta esa práctica sería a proposta recentemente por Unións Agrarias, que pedía libertade para incluir un cultivo ou outro na declaración de superficies da PAC. En Galicia, coa normativa actual, hai que declarar o cultivo de primavera-verán (o millo) e non se pode declarar o de outono-inverno.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información