Por que as persoas mozas se incorporan pouco ó agro?

Só o 15% da xente que recibe as axudas da PAC é menor de 44 anos, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. Resumimos as reflexións sobre o problema que fan os economistas agrarios Tomás García Azcárate e Alicia Langreo Navarro

Por que as persoas mozas se incorporan pouco ó agro?

As empresas de servizos forman parte da realidade agraria que non figura nas estatísticas.

Un dos grandes problemas da agricultura española, que afecta tamén ó conxunto da UE, radica no alto nivel de envellecemento da poboación activa agraria. Esa situación, trasladada á análise dos titulares de explotacións que son persoas físicas, ten números contundentes. En España, pouco máis do 3% das explotacións agrarias están xestionadas por menores de 34 anos.

Se elevamos a idade ata os 44 anos, os números tampouco melloran moito. Menos do 15% de explotacións teñen como titular a unha persoa menor de 44 anos. Sobre esta base parten unha serie de reflexións e propostas que fan nun artigo os economistas agrarios Tomás García Azcárate e Alicia Langreo Navarro. Resumimos as súas aportacións a continuación.

Motivos da escasa incorporación
Os motivos da escasa incorporación das persoas mozas ó agro hai que buscalos, ó entender de ambos economistas, nunha dobre vertente. Dun lado, en cuestións xerais que afectan ó conxunto do rural, non exclusivas do medio agrario, e en segundo lugar, en factores do traballo no campo.

En canto ás cuestións xerais en relación ó rural, destacan dúas:

– Problemas de continuidade de gran parte das empresas a causa das difíciles perspectivas económicas. Tamén se detecta unha maior preferencia polo traballo asalariado en vista das grandes esixencias de adicación que require o traballo autónomo, acompañadas de menores prestacións sociais.

O proceso de envellecemento do rural xera un deterioro social no entorno que afecta ás condicións de vida e de traballo

Hai que ter tamén en conta as estratexias vitais de parte dos fillos/as de agricultores e gandeiros, que unha vez culminados os seus estudos, poden optar por establecerse á marxe da actividade familiar. Vincularse ó negocio familiar leva tamén a mesturar relacións persoais e laborais, o que non sempre é fácil de xestionar.

– O proceso de envellecemento do rural xera un deterioro social do entorno que afecta ás condicións de vida e de traballo.

Como problemas específicos do sector agrario, destacan os seguintes:

– A maior parte das explotacións teñen unha dimensión económica excesivamente pequena, o que limita as perspectivas dunha remuneración axeitada.

– O escaso tamaño leva a un exceso de carga de traballo. En moitas explotacións, só hai unha unidade de traballo agrario ou menos, xa que ás veces a actividade agraria é complementaria a outras, que non sempre se desenvolven no mesmo entorno xeográfico.

O escaso tamaño dunha explotación xera maior carga de traballo, dificulta unha remuneración axeitada e reduce a innovación

– A pequena dimensión dificulta tamén seguir un ritmo axeitado de innovación. As posibilidades de que estas explotacións rematen por ser pouco produtivas son altas, ó entender de Tomás García e Alicia Langreo.

– A actividade agraria, salvo en sectores puntuais, segue tendo unha mala imaxe.

Subvencións á instalación de xente nova
A política de subvencións dirixida á incorporación de persoas menores de 40 anos é considerada un fracaso polos economistas. Como media, en España acóllense entre 4.000 e 6.000 persoas ó ano, a maioría en sectores dinámicos como a horta, o viñedo, o olivar ou a gandería intensiva.

De xeito paralelo ás subvencións para novas instalacións, tamén hai unha liña de axudas para o cese anticipado da actividade agraria, de cara a promover o relevo xeneracional. Tomás García e Alicia Langreo destacan neste terreo o exemplo de Asturias, que ligou as axudas á retirada do agro co Banco de Terras, de cara a facilitar a continuidade das terras en produción, ben de persoas da mesma familia ou non.

O 90% das persoas que se incorporan ó agro adóitano facer ás explotacións dos seus pais.

Novos xeitos de traballo no agro

A incorporación tradicional á agricultura convive na actualidade con outras formas de traballo no agro que non sempre aparecen ben recollidas nas estatísticas. Na realidade agraria, hai que ter en conta tamén as seguintes cuestións, segundo Tomás Pérez e Alicia Langreo:

O auxe das Sat, comunidades de bens ou sociedades civís como vías de traballo en común da terra. O censo agrario recolle todas estas explotacións como titularidade de persoas non físicas e non inclúe información sobre a xente que traballa nelas, que con frecuencia son mozos/as.

– Arredor da agricultura creáronse unha serie de sociedades de servizos que se ocupan do cultivo da terra. Abarcan desde seccións de cultivo nas cooperativas, Cumas, empresas de servizos ou agricultores que complementan o traballo na explotación con labores de servizo para outros produtores. Esta realidade non se recolle nas estatísticas e os activos que se incorporan por esta vía non son considerados agricultores nin se poden acoller a axudas de incorporación.

As explotacións de menor dimensión poden atopar unha vía de continuidade a través de elaboracións artesás e da venda directa

Xeración de ingresos complementarios. As explotacións de menor dimensión económica poden atopar unha vía de continuidade a través da apertura a novas actividades complementarias, como pode ser a elaboración de produtos artesanais e a súa venda nun radio máis ou menos curto (queixos, viño, conservas, etc.).

– A crise económica e a mellora das telecomunicacións favoreceu a volta ós pobos de fillos ou netos de emigrantes, algúns maiores de 40 anos e portadores de proxectos empresariais atípicos.

Aparición de neorurais, non tanto como noutros Estados da UE. Son persoas con escasa relación histórica co rural que se instalan nel. Os economistas valoran que non sempre conseguen adaptarse ó entorno -en ocasións non son benvidos-, e que tampouco conseguen sempre sacar adiante as súas explotacións.

Presenza de inmigrantes, principalmente como asalariados. Unha parte remata por constituír o seu propio negocio.

Conclusións

– Cómpre extender as axudas e/ou ofrecer incentivos fiscais ás variadas sociedades e xeitos de incorporación á actividade agraria. Nalgúns casos, estas sociedades están penalizadas fiscalmente.

Cómpre extender as axudas ou ofrecer incentivos fiscais ás variadas formas de sociedades e de xeitos de incorporación ó agro

– As sociedades de servizos deberíanse considerar actividade agraria, o que obrigaría a cambiar a regulamentación europea ó respecto.

– Sería interesante favorecer as instalacións ‘coordinadas’ ou en grupo, en particular en sectores gandeiros como o lácteo, para mellorar a calidade de vida e facer máis atractivo o oficio.

– Faise preciso coordinar a política de instalación de persoas mozas e o fomento dos circuitos curtos de comercialización (vendas directas, etc.), naqueles sectores nos que resulte pertinente.

Sería interesante favorecer as instalacións coordinadas en sectores como o lácteo para mellorar a calidade de vida

A formación profesional nas profesións agrarias debe reforzarse e promoverse como unha saída laboral, non só en zonas rurais senón tamén nas urbáns.

Ponse como exemplo o modelo francés de liceos agrarios, que contribúe a darlle unha segunda oportunidade a alumnos en dificultades no ensino máis tradicional. Xogan tamén un papel na loita contra a exclusión nas periferias urbáns (cités).

– A escasa presenza de mulleres suxire que sería interesante intensificar as políticas de apoio. Máis alá dun aumento das axudas, avógase por un traballo de extensión agraria e de animación que contribúa a que a muller vexa esta actividade como de importancia, non só como unha axuda á familia, para que dea o paso de asumir a xestión e manexo da explotación.

– O modelo do Banco de Terras en Asturias é interesante. Require dun labor de extensión agraria continuado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información