Polémica por unha axuda de Medio Rural ó fillo universitario da conselleira do Mar

Publicidade
Polémica por unha axuda de Medio Rural ó fillo universitario da conselleira do Mar

Rosa Quintana, conselleira do Mar.

Un fillo da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que ten 21 anos e cursa unha carreira universitaria en Santiago, foi beneficiario dunha subvención concedida por Medio Rural en decembro para unha explotación gandeira de Ordes, segundo unha información publicada polo xornal Economía Digital. O beneficiario, Marcos Luis Ortega Quintana, tería renunciado posteriormente a esa axuda, segundo sinala a Consellería do Medio Rural.

O asunto orixinou hoxe unha polémica política, con acusacións do PsdeG de trato de favor por parte da Xunta ó fillo da conselleira do Mar. Desde a Consellería do Medio Rural, publicaron esta tarde unha nota de prensa na que din desmentir o suposto trato de favor ó fillo da conselleira do Mar: “A Consellería do Medio Rural quere desmentir as graves acusacións vertidas no día de hoxe por un partido político -en alusión ó PsdeG- sobre este departamento ao respecto do reparto de axudas da convocatoria para investimentos en explotacións agrícolas, para a creación de empresas para agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións”.

O fillo de Rosa Quintana vira aprobada a súa solicitude para a creación dunha empresa para desenvolver unha pequena explotación, unha liña que conta cunha achega estándar de 15.000 euros por beneficiario. “Esta subvención para o desenvolvemento de pequenas explotacións -detalla a Consellería- concédese ás persoas que sexan xa titulares dunha pequena empresa agraria, inscrita no rexistro de explotacións agrarias de Galicia e que teña por obxectivo poñer en marcha un novo plan empresarial que permita mellorar a esa compañía existente. No caso que nos ocupa, o solicitante cumpría con todos os requisitos e, como o resto de demandantes que os cumprían (un total de 154), concedéuselle unha axuda de 15.000 euros á que finalmente renunciou”.

Medio Rural mantén que “estamos a falar dunha solicitude de axuda á que o propio beneficiario renunciou por cuestións alleas ao cumprimento das condicións da subvención, a pesar de cumprir estritamente con todas e cada unha delas, ter acreditado a súa solicitude para o desenvolvemento dunha actividade na que leva traballando varios anos e malia ter todo o dereito a pedila coma calquera cidadán”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información