Poden coexistir lobo e gando cunha baixa conflictividade?

Gandeiros, biólogos e cazadores abordan a situación do cánido nunha xornada en Rábade (Lugo) que serviu de punto de partida para a creación dun grupo estable de traballo

Poden coexistir lobo e gando cunha baixa conflictividade?

Xornada en Rábade (Lugo) que tratou de abrir un diálogo sobre o lobo.

En Galicia, os gandeiros denuncian cada ano ante a Administración autonómica entre 1.000 e 1.500 animais mortos polo lobo, gran parte ovellas (65 %), pero tamén gando bovino, cabras e cabalos. A recuperación das poboacións do cánido nas últimas décadas, unida a factores como a progresiva extensificación da gandaría, está a levar en moitas comarcas a un aumento do conflicto social polos danos do lobo. Gandeiros, grupos ecoloxistas, investigadores e cazadores xuntáronse nunha xornada en Rábade (Lugo) para dialogar sobre unha preocupación común. Como reducir a conflictividade provocada polo lobo?

Os últimos datos sobre a poboación de lobo en Galicia, de hai algo máis dunha década, falan da existencia na comunidade de arredor de 600 exemplares, repartidos prácticamente por todo o territorio. O plan de xestión do lobo aprobado pola Xunta no 2009, cun vigor dunha década, constituiu o primeiro intento formal para abordar os problemas xerados polo cánido. A base do plan confórmana tres liñas de traballo: promoción de medidas de prevención, compensacións ós gandeiros afectados e control da especie en casos de danos reiterados.

“A conservación do lobo non ten solucións sinxelas. O importante é a capacidade de diálogo” (Luis Llaneza)

A xestión e conservación do lobo é un asunto que os estudiosos da especie coinciden en sinalar como complexo. “O mantemento de grandes carnívoros en áreas humanizadas constitúe un problema de conservación que non ten solucións sinxelas” -valora o biólogo Luis Llaneza, un dos principais investigadores das poboacións galegas de lobo-. “O importante é crer na capacidade de diálogo de todas as partes e non permanecer cos brazos cruzados”, destacaba Llaneza na xornada celebrada en Rábade (Lugo) o pasado sábado, unha iniciativa pioneira en Galicia na que se xuntaron unha trintena de persoas, entre gandeiros, representantes de organizacións de produtores (Ovica, Acruga), grupos ecoloxistas, investigadores e cazadores.

A xornada, organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, partía co obxectivo de achegar posturas entre partes que de xeito habitual teñen valoracións distantes sobre o lobo. O evento visibilizou as diferenzas pero tamén importantes puntos de encontro, o que abre perspectivas para a creación dun grupo estable de traballo sobre o lobo, segundo salientaba ó remate do evento Joan Alibés, gandeiro de ovino e cabrún e un dos impulsores do encontro.

Compensacións de danos
Entroutras cuestións, a xornada analizou as medidas que se están a aplicar en Galicia para fomentar a coexistencia do lobo coa gandaría. A principal vía aberta polo plan de xestión é a compensación de danos, se ben entre os gandeiros hai descontento polo retraso nos pagos, de ata dous anos, e pola falta de presuposto, que leva a que parte das perdas denunciadas queden sen compensar. A maiores, os produtores sosteñen que a maioría de danos non son denunciados, ben por non detectarse a tempo, ben porque nin sequera se atopan os restos dos animais.

Ovella morta polo lobo. / Arquivo.

Ovella morta polo lobo. / Arquivo.

Este ano, as axudas previstas pola Xunta para paliar as perdas ascenden a 106.000 euros, un presuposto que o sector considera insuficiente. En calquera caso, os expertos inciden en que a compensación de danos por si soa non leva a unha redución do problema. “En Asturias, gástase case un millón de euros cada ano en compensacións polos danos do lobo e seguimos tendo unha gran conflictividade social” -advirte o biólogo Luis Llaneza -. “Hai que pagar os danos, pero non é a única solución”.

Prevención
O impulso ás medidas de prevención é outra das vías que os gandeiros consideran imprescindible para reducir o impacto do lobo, se ben, as axudas á prevención desapareceron en Galicia nos últimos tres anos, unha circunstancia criticada polos produtores asistentes á xornada de Rábade.

O sector insiste, non obstante, na importancia da prevención. “Os gandeiros temos que concienciarnos de que hai lobo en toda Galicia e temos que corresponsabilizarnos en adoptar medidas de prevención e de manexo” -sinala Joan Alibés-. “O noso obxectivo a nivel individual, como gandeiros, debe ser o de ter o rabaño menos apetecible da contorna”.

“Os gandeiros temos que corresponsabilizarnos na adopción de medidas de prevención” (Joan Alibés)

Na súa intervención na xornada, Alibés fixo un repaso polos distintas medidas que se poden adoptar e destacou como vía máis eficaz a combinación de mastíns con peches electrificados, ben fixos, ben móbiles. “Queda moito por investigar en cuestións de prevención, sobre todo en medidas que sexan viables económicamente para o produtor”, destacou o gandeiro.

O papel do cabalo
O gran tampón á conflictividade do lobo en Galicia, segundo a valoración dos expertos, está a ser nos últimos anos o cabalo, que forma parte fundamental da dieta do lobo en zonas como a Serra do Suído (Pontevedra) e noutras áreas montañosas do occidente galego. “Un estudo sobre 13 mandas galegas de lobo comprobou que na súa dieta o cabalo representaba entre o 50 e o 90%”, destacou José Vicente López-Bao, investigador da Universidade de Oviedo.

Nas provincias da Coruña e Pontevedra, o cabalo chega a representar ata o 90% da dieta do lobo

O cabalo, que vive en semilibertade no monte e que ten escaso aproveitamento económico no rural, constitúe unha das presas máis apetecibles para o lobo no occidente galego; en tanto nas provincias orientais, con maior presenza de corzo e xabarín, a dieta do lobo está conformada principalmente por presas silvestres.

Control da especie
No rural existe a miúdo a percepción de que o lobo é unha especie protexida, se ben o certo é que en Galicia autorízase a súa caza en caso de danos reiterados ó gando. Entre 1997 e 2003, por exemplo, permitíronse 130 batidas, con exemplares cobrados nun 15% dos casos.

Desde a perspectiva dos cazadores, Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega), considera a caza do lobo como unha pataca quente. “Ata os anos 70, o cazador de lobos era visto como un heroe e hoxe en día hai importantes sectores da sociedade que condean esa caza”, compara.

“O cazador do lobo nos anos 70 era visto como un heroe. Hoxe ten moita xente en contra” (Antonio Mota, Unitega)

Unitega, que avoga por entender a caza desde un punto de vista social, non como deporte nin de xeito comercial, considera ó lobo unha especie “pouco apetecible” cinexeticamente, aínda que tamén advirte da necesidade do seu control. A maiores dos danos sobre o gando, Mota incidiu nas xornadas sobre os impactos do lobo na caza, tanto sobre a poboación de presas cinexéticas, caso do corzo, como sobre cans de caza que son comidos polo lobo no transcurso de batidas a outras especies.

Entres os asistentes á xornada destacouse a importancia dos controis autorizados de lobo fronte a prácticas furtivas e indiscriminadas vía velenos, lazos ou caza directa.

Como conclusión da xornada, quedou unha pregunta aberta sobre a mesa, como convertir a conflictividade xerada polo lobo en coexistencia?. A organización do evento do pasado sábado creará un grupo estable de traballo co obxectivo de facer aportacións a esta cuestión.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información