‘Queremos parcelarias’ prepara unha feira centrada nas potencialidades do rural

Este colectivo de Agolada pretende celebrar unha cita anual na que dar a coñecer oportunidades na agricultura, gandería, silvicultura ou os cultivos alternativos. Planean organizar unha mostra de produtos do agro que se combinará con visitas para coñecer iniciativas desenvolvidas no campo

Publicidade
‘Queremos parcelarias’ prepara unha feira centrada nas potencialidades do rural

Imaxe de grupo do colectivo Queremos Parcelarias, que celebrou un encontro este sábado.

A asociación Queremos parcelarias, de Agolada (Pontevedra), prepara unha feira-mostra anual de produtos alternativos e de calidade do campo galego. Trátase dun evento co que dar a coñecer distintas actividades do agro ó tempo que busca dinamizar o municipio.

O colectivo presentou onte a cita nos Pendellos do municipio, o antigo mercado, que será tamén onde se celebren parte das actividades previstas en torno a este evento centrado no rural.

A feira celebrarase cada ano o sábado seguinte o 15 de maio, día de San Isidro Labrador

A idea é que a feira sexa sempre o sábado seguinte ó día de San Isidro Labrador, que se celebra o 15 de maio, por iso, este ano decidiron presentala proposta tamén o propio sábado escollido para a feira. A primeira edición será no 2020 logo de que este ano, ante a falta de tempo e pola proximidade das eleccións municipais decidiran non organizala.

Contribuír á promoción do rural

A mostra estará centrada en tres seccións: gandería e agricultura, produtos elaborados e silvicultura. Arredor destes eixos realizarán unha mostra de produtos, un mercado de gando así como charlas especializadas por sectores para as que contarán coa participación de diferentes empresas e especialistas.

Realizarán unha mostra de produtos, un mercado de gando así como charlas especializadas por sectores

“Tanto en Galicia como particularmente en Agolada temos condicións para producir produtos de primeira calidade, e sabemos facelo. Non serve de nada producir o mellor senón somos quen de dalo a coñecer”, reivindica o presidente do colectivo, Juan Carlos Sánchez Fuciños.

Xunto coa celebración da feira, o colectivo pretende organizar visitas e encontros con aquelas persoas que levaran a cabo novas iniciativas no municipio. Esta proposta contémplase a medio prazo, condicionada polo desenvolvemento das parcelarias que hai pendentes na zona e que posibiliten realizar distintos proxectos.

Encontro do colectivo nos pendellos.

Encontro do colectivo nos pendellos.

“Queremos facer unha feira viva e que se manteña no tempo. Estas visitas serven de ensinanza de campo e permiten poñer en contacto a xente con inquedanzas polo rural con aqueles que xa emprenderon experiencias”, indica Juan Carlos.

Tres eixos para vertebrar o rural

Na feira congregaranse propostas e experiencias sobre estes tres eixos claves na dinamización do rural e dende a organización traballan para visibilizar as potencialidades destes sectores con distintas actividades.

No caso da gandería, celebrarán un mercado de gando no recinto feiral do municipio que conta con capacidade para máis de 1.000 reses, e que na actualidade apenas ten actividade, cunha reducida afluencia de animais nas xornadas de feira, cada día 12.

Entrega de obsequios na reunión de Queremos Parcelarias.

Entrega de obsequios na reunión de Queremos Parcelarias.

Os organizadores facilitaranlle ós produtores a participación no evento poñendo á súa disposición un servizo de transporte gratuíto para os animais. Tamén contarán con premios ós mellores exemplares por categorías.

Na agricultura, o colectivo quere potenciar os produtos da horta e invernadoiros, xunto cos cereais de inverno e as plantacións de forraxes como o millo para ensilar. “Temos que poñer en produción grandes superficies abandonadas, e servir de unión entre produtores e consumidores, grandes explotacións e cooperativas”, apunta o presidente.

A cita contará cun mercado orientado ós produtos da zona para reivindicar a súa potencialidade, como os queixos que se elaboran en Dona Cobiña ou Lácteos Farelo, as dúas queixerías instaladas no municipio. Ambos son exemplo tamén da importancia de aportar valor engadido ás producións agrarias.

No mercado tamén se incluirán produtos alternativos, que están a sorprender no mercado, e supoñen unha oportunidade na aposta por dinamizar o rural, como pode ser a produción de oliva.

Outro dos eixos sobre os que traballarán na cita será a silvicultura, valorando tanto a explotación de madeira, como de froitos ou o silvipastoreo.

As parcelarias, ferramenta imprescindible

O colectivo, constituído recentemente, xa leva máis dun ano traballando en distintas propostas no rural para as que consideran imprescindible que se finalicen as 8 concentracións paralizadas no municipio.

De feito, xa mantiveron varios encontros de traballo co conselleiro de Medio Rural, José González, ó que lle entregaron documentación sobre as potencialidades do rural do municipio e co que trataron a situación das parcelarias en Agolada.

As parcelarias paralizadas no municipio atópanse próximas a caducar logo de terse feito xa os primeiros trámites

“Queremos parcelarias comprometémonos dende o primeiro día en non ser só unha asociación que loitara por finalizar as concentracións paralizadas, senón que queremos ser un apoio para a dinamización do rural agolense”, explica Juan Carlos.

En concreto, os procesos de concentración parcelaria estancados no municipio agrúpanse en dous bloques que abarcan máis de 4.000 hectáreas. Por un lado, as concentracións de Sexo, Agra, A Baíña e Val e, por outro, Eidián, Ramil, Basadre e Berredo.

Ambos procesos atópanse á espera de ser retomados logo de que xa se fixeran os primeiros traballos e mesmo se levaran a cabo os informes de impacto ambiental cunha inversión de máis de 800.000 euros, como explican dende o colectivo. Ademais, os dous bloques están tamén próximos a caducar nos vindeiros meses de non se reactivar.

Implicación da sociedade

O colectivo aproveitou a presentación do evento para pedir a implicación tanto dos distintos colectivos do municipio como das tres forzas políticas que concorren ás eleccións.

“Dende hai 29 anos, Agolada perdeu case o 60% da poboación polo que se non queremos rematar convertidos nun deserto demográfico, con menos de 10 habitantes por quilómetro cadrado, temos que traballar duro”, apunta o presidente.

“Agolada funcionaba cando había traballo no campo, xa que nunca foi unha vila cunha forte actividade empresarial, polo que temos que volver conseguir que o campo teña vida”, conclúe Juan Carlos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información