Plantacións forestais en terras agrarias: situación actual e propostas

Artigo de opinión de Jacobo Feijoo Lamas, secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias. Critica o desleixo da Consellería ante as plantacións forestais ilegais. Propón a creación de polígonos agrarios para poñer as terras abandonadas a producir

Publicidade
Publicidade
Plantacións forestais en terras agrarias: situación actual e propostas

Plantación forestal ilegal

O abandono da actividade produtiva no sector agrogandeiro de Galicia, así como o despoboamento rural e a falta de relevo xeracional nas explotacións nas últimas dúas décadas, está levando a un serio problema de abandono de terras agrarias, que ante a falta dunha expectativa de posta en cultivo, nuns casos quedan abandonadas á dinámica do mato e do lume, e noutros se están a plantar con especies forestais.

En amplas zonas de Galicia, nomeadamente no interior das provincias de Lugo e Ourense, este problema non só afecta a terras de vocación agraria en xeral, ou cualificadas como “solos rústicos de especial protección agropecuaria”, senón que incluso afecta a zonas de concentración parcelaria, que levan anos totalmente abandonadas sen ningún tipo de aproveitamento racional.

Hai polémicas recentes como o incendio de máis de 2.500 ha o ano pasado en Cualedro, Ourense sobre terreos de concentración totalmente abandonados ao mato. E tamén agora recentemente propietarios do Val de Lemos, onde están abandonadas as terras de regadío máis importantes de Galicia tras A Limia, veñen de protestar polas restricións para plantar distintas especies forestais nas súas fincas de concentración abandonadas. Lembrar que só nas 32.000 hectáreas do Val de Lemos, con regadío e rotacións, sería posible producir forraxe para alimentar 120.000 vacas de leite, un terzo da cabana gandeira de leite de Galicia.

Esta problemática dáse igualmente en zonas de marcada vocación agraria e con necesidade de incorporar terras ás explotacións gandeiras para poderen alimentar dun xeito competitivo as súas cabezas e con baixa pegada de carbono, como nas comarcas do Deza en Pontevedra, Ordes, Bergantiños e as Mariñas coruñesas na Coruña, e na Mariña lucense.

O Eucalyptus nitens está a incrementar a forestación de terras agrarias no interior de Galicia

Na actualidade a chegada ao sector forestal galego da especie de Eucalyptus nitens, máis adaptado ás condicións climatolóxicas da Galicia interior que o Eucalyptus globulus, está a ser un novo factor de presión sobre a forestación de terras agrarias que van cesando na produción agraria, ou que ata o de agora estaban abandonadas sen aproveitamento.

Hai polo tanto causas concorrentes tanto na Galicia interior, como na costeira, que fan que exista unha presión social para forestar terras agrarias, xerando problemas nalgunhas comarcas de posibilidade de acceso á terra para a ampliación da base territorial das explotacións, e noutras comarcas, onde non existe esa demanda de terra agraria, dáse unha situación de feito de cambio de uso do solo como un intento dos propietarios das terras de poñer en valor uns terreos que levan abandonados, incluso décadas, e totalmente improdutivos.

A solución do problema non é fácil. Teñen razón os agricultores e gandeiros que se queixan da forestación de terras agrarias nas comarcas de alta demanda, e poden ter razón quen se queixa igualmente de non poder plantar parcelas en zonas onde non hai demanda de terras por parte da agricultura e a única saída produtiva e o abandono ao mato sine die. O verdadeiro punto de discusión sería o como botar a andar as máis de 600.000 hectáreas abandonadas en Galicia, ao desleixo, ao lume recorrente, onde “queimamos” anualmente desde hai máis de 20 anos, máis de 120 millóns de euros ao ano en extinción de incendios sen resolver o problema e por outra banda importamos anualmente máis de 600 millóns de euros en produtos alimentarios. Sobre a necesidade de ordenar o espazo agrario e forestal, e de facer que se cumpran as leis vixentes en cada momento, non debería de haber discusión algunha.

¿Que di a nosa normativa forestal vixente?

A aprobación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia, supuxo un primeiro intento de ordenar este tipo de plantacións. Así nos seus artigos 60, 61, 62 e 67, regula aspectos varios como os cambios de uso forestal a agrícola, de uso agrícola a forestal, e regula asemade as condicións que deben de cumprir as repoboacións forestais.

Así, segundo se establece nesta Lei, xa non é legal de ningún modo forestar ningún terreo con clasificación, ou mesmo uso agrario, con piñeiros ou eucaliptos, baixo ningún suposto.

Autorízase non obstante a plantar especies frondosas caducifolias, baixo certos supostos xerais (que estremen con terreos forestais, ou que constitúan enclaves de ata 5 ha en superficie arborada), e sempre e cando os terreos agrarios a forestar pasen previamente ao Banco de Terras por un período mínimo de dous anos. Se neses dous anos non houbera ningunha solicitude de arrendamento para o uso agrario do terreo, quedaría aberta a posibilidade de plantalo forestalmente, pero sempre con especies frondosas caducifolias.

“A Lei de Montes prohibe claramente a forestación de terras agrarias”

O incumprimento destas normas sería considerado “falta grave” no Artigo 129, e pasaría a ser sancionable con multas dende 1001 euros, ata 100.000 euros.

Igualmente a Lei 7/2012 de Montes de Galicia autoriza a plantar especies forestais para a produción de froito, sen case restricións (si sería posible forestar un prado con castiñeiro ou cerdeiras enxertados para froito, sen pasar polo Banco de Terras).

¿Por que non ten efectos a Lei de Montes?

As disposicións da Lei 7/2012 de Montes de Galicia non están a surtir o efecto desexado na ordenación do espazo rural, na dinamización da plantación de frondosas, e non está a disuadir aos propietarios da plantación de superficies agrarias con especies forestais non autorizadas.

As causas son as seguintes:

1º Hai unha deixación total da Consellería de Medio Rural no caso de forestacións non autorizadas con piñeiros e eucaliptos en terreos agrarios. Non se actúa de oficio, e se espera a que haxa denuncias expresas, entre veciños, fonte segura de conflitividade social, que sempre é indesexable. E que en moitos casos rematan en lumes.

“Hai un total desleixo da Consellería coas plantacións non autorizadas”

2º Non se está a seguir o protocolo de posta a disposición dos terreos abandonados no Banco de Terras. A xestión do Banco de Terras é un fracaso sen paliativos. Non está dinamizando a posta en produción de terreos agrarios abandonados, e en concreto non está sendo eficaz para poñer en produción (nin sequera en oferta e dispoñibilidade) as miles de hectáreas de concentración parcelaria abandonadas en Galicia.

É ilusorio pretender sen máis que as aproximadamente 200.000 hectáreas agrarias sen uso de Galicia se dean de alta no Banco de Terras.

As consecuencias son:

1º Nas comarcas onde hai demanda de terras agrarias para o aumento da base territorial das explotacións, estase a crear un problema de acceso á terra das explotacións viables, e un conflito polo uso do espazo agroforestal.

2º Nas comarcas onde non hai saída agraria para os terreos agrarios, estanse a poñer en valor terras mediante uso forestal, sen encaixe legal, o que vai obrigar a sancionar aos propietarios, ademais de obrigar a levantar as plantacións ilegais, como esixe a Lei 7/2012 de Montes.

Posibles vías de solución

A curto prazo e de xeito inmediato:

Está claro que ten que haber un cambio de actitude total por parte da Consellería do Medio Rural. Débense de xirar ordes expresas aos Distritos Forestais, para que se deixe de facer a vista gorda nestes casos, e se esixa un estrito cumprimento da Lei aos propietarios forestais, de xeito que a administración actúe de oficio.

Mentres a Lei estea vixente, haina que respectar, e non é admisible que os encargados de facela cumprir, miren para outro lado.

No medio prazo:

Ante o fracaso do modelo actual que tenta artellar o uso do espazo rural, que non logra resolver os conflitos agroforestais nas comarcas onde hai demanda de solo agrario, e non logra dinamizar a posta en valor dos terreos agrarios onde non hai demanda actual de solos agrarios (dando como única saída viable a forestación ilegal, xa que as frondosas caducifolias non son atractivas nestes momentos para os propietarios), hai que tomar decisións e mudar de modelo. Este novo modelo debe de ser pactado, contar cun amplo consenso, e ter vocación de futuro.

Tres novas iniciativas para desenvolver:

1º. Desenvolver un marco legal eficaz para a mobilidade de terras e con rango de Lei. O actual sistema é unha brinde ao sol, unha simple declaración de intencións. Hai que concretar. Non vale con declarar que toda Galicia ten que estar limpa, e que o propietario que non o faga será sancionado. Ese é o marco actual e non funciona.

O que se propón é a creación da figura de Polígono Agrario para xerar riqueza estrutural, desenvolvemento e emprego. Igual que existe o marco legal para o desenvolvemento urbanístico de polígonos de vivendas ou de polígonos industriais, hai que crear o marco legal para o desenvolvemento agrario.

 “A creación de polígonos agrarios axudaría a poñer en valor a terra”

A gran diferenza dos polígonos industriais ou urbanísticos, onde sempre houbo un motor e interese especulativo, esta sería a súa maior diferenza, que se trataría de créalos para xerar riqueza apuntada e actividade. Nestes polígonos non cabería a posibilidade dun propietario de quedarse á marxe: ou produce, ou arrenda ou cede ao Banco de Terras.

Lembremos que na costa levantina desenvolvéronse polígonos especulativos de vivendas con todos os informes da Comisión en contra e aquí temos que para estes “polígonos agrarios” todos os pronunciamentos favorables da Comisión Europea.

Habería unha declaración de “Polígono Agrario” nun perímetro de actuación e a partir de aí as terras que estean incluídas, ou ben producen, ou ben se ceden obrigatoriamente ao Banco de Terras para o seu arrendamento con seguridade xurídica, tanto para o propietario como para o arrendatario.
Este marco legal ten que ter necesariamente rango de Lei. E empezar polas zonas de concentración abandonadas.

Dun total dunhas 800.000 ha agrarias, dende o inicio das concentracións parcelarias en Galicia fixéronse máis de 700 concentracións parcelarias cun total 350.000 hectáreas . No ano 2011 había en Galicia 170 procesos de concentración parcelaria abertos cun custe de 200 millóns de euros para un total de 157.000 hectáreas e 120.000 propietarios en 89 concellos das catro provincias galegas.

2º. Crear unha figura temporal que permitan os cultivos enerxéticos en terras agrarias sen demanda agraria e tras pasar polo Banco de Terras.

A actual Lei 7/2012 de montes, como se ten analizado, non da saída a terras agrarias nas zonas onde non hai demanda de terreos para actividade agraria (caso do interior de Ourense por exemplo).

Unha saída podería ser a creación dun “Rexistro temporal de cultivos enerxéticos en solos agrícolas”. A idea sería autorizar nestas comarcas sen demanda agraria, o aproveitamento forestal, ou de cultivos enerxéticos, en solos agrícolas, sempre cun Plan de Xestión, no que se indique a rotación do cultivo forestal ou enerxético (10 anos, 14 anos, 20 anos….). E unha vez rematado o ciclo, volve ao Banco de Terras e volve estar disponible para uso agrario. Se non se solicita, volvería abrirse a posibilidade de uso temporal forestal ou enerxético, de novo cun Plan de Xestión autorizado.

Quedaría claro que a vocación do terreo é agrícola, que o uso forestal sería temporal, e que debería revisarse ao finalizar o ciclo de rotación de anos que se fixara para as cortas de biomasa.

Calquera cousa é mellor que a plantación ilegal de Eucalypts Nitens mentres a administración mira para outro lado, e se nega a actuar de oficio para facer cumprir a Lei. E calquera cousa é mellor que ter miles de hectáreas sen outra saída que o lume. Ademais, parte destes cultivos poderíanse integrarse nese 15% de superficie que temos que cumprir consonte ao greening da PAC, ou combinarse con filtros verdes.

3º. Non facer nada e seguir como estamos.
Neste caso, postos a subvencionar, é mellor subvencionar billetes de avión para a mocidade. Pero só de ida.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información