Plan da Xunta para poñer en valor 330.000 hectáreas ata o 2020

Plan da Xunta para poñer en valor 330.000 hectáreas ata o 2020

O plan prevé a creación duns 3.000 empregos no agro

A Xunta porá en marcha un plan para fixar poboación no rural dotado con máis de 230 millóns de euros para executar no horizonte de 2020. O Consello do Goberno galego deu este xoves o seu visto e prace ao informe da Consellería do Medio Rural que detalla o dito documento, que agrupa as principais medidas e fondos de financiamento do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

. O seu principal obxectivo é a cohesión territorial e o mantemento da poboación, apoiando os modelos de negocio no rural, tanto a través do aproveitamento dos seus recursos endóxenos (agrogandeiro e forestal) como dos novos ámbitos de negocio.

Busca tamén acadar un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais e a creación e conservación do emprego. O plan xira arredor de seis grandes eixes, que pasan pola cohesión territorial, a innovación e a formación, a agricultura sustentable, a mellora da competitividade, a remuda xeracional e a cooperación.

Cada un deles desenvólvese en diferentes medidas (23 en total) dotadas co seu correspondente orzamento. Con este conxunto de iniciativas está previsto crear uns 3.000 empregos directos no agro galego e actuarase poñendo en valor case 330.000 hectáreas desde o punto de vista agrogandeiro e forestal, no período 2017-2020.

A Xunta prevé incorporar 2.200 mozos ao agro ata o ano 2020

Estes indicadores forman parte do plan, no cal se especifican as previsións derivadas de cada unha das medidas. Así, por exemplo, prevese a finalización de 130 procesos de reestruturación parcelaria abertos agora mesmo e que afectan a 92.000 propietarios, o que supón unha reordenación de máis de 117.000 hectáreas. Tamén se prevé a realización duns 1.500 proxectos financiados ao abeiro do programa Leader, o desenvolvemento de 3.300 cursos ou actuacións formativas, ou a incorporación de 2.200 mozos á actividade agraria, entre outros baremos.

As medidas incluídas no documento van desde a mellora de camiños rurais (está previsto actuar en 650 quilómetros só en dous anos) ata o fomento da renovación xeracional (a través da instalación de mozos e a mellora de explotacións), pasando polo impulso á cooperación mediante o uso de maquinaria e equipamentos en común.

Tamén se prevé dar un pulo especial á aplicación e transferencia de I+D+i no agro, coa creación de máis de 100 grupos innovadores e outros tantos proxectos piloto, e promover unha agricultura sustentable, con fondos para desenvolver medidas de agroambiente e clima, prácticas ecolóxicas ou o mantemento de actividades agrarias en zonas con limitacións naturais.

Fondos do plan: máis de 230 millóns de euros

Destacan os fondos destinados á cohesión territorial (algo máis de 72 millóns de euros), á remuda xeracional (65 millóns) e ao fomento da agricultura sustentable (35,6 millóns). Para mellora da competitividade están orzados case 41 millóns de euros para innovación e formación outros 10,3 millóns, e para impulso da cooperación preto de 7 millóns. Así, o total do investimento previsto no plan supera os 230 millóns de euros.

A posta en marcha deste plan xorde da estratexia da Xunta de loita de forma transversal contra a despoboación do rural. A realidade actual é que a pesar de que o 97,8% dos concellos se definen como rurais (son 263 municipios, que abarcan o 90% do territorio), estas zonas reúnen só o 39,7% da poboación.

Pola contra, no plano positivo, o documento elaborado por Medio Rural sinala unha serie de oportunidades. Entre elas, as novas demandas xeradas pola evolución dos hábitos de consumo, melloras e innovacións dos métodos de produción ou cadeas curtas de distribución (mercados locais). Tamén, o desenvolvemento de modelos de pequenas explotacións, diversificación económica das explotacións agrícolas, demanda social de protección do medio ambiente e da produción sustentable ou o papel multifuncional da agricultura e a gandería no mantemento da biodiversidade. Do que se trata é de aproveitar todas estas oportunidades para fomentar esa fixación da poboación no rural galego.

No documento avaliado este xoves polo Consello constátase que o proceso de despoboación vai acompañado dunha serie de consecuencias. Así, con este plan da Xunta búscase preservar o patrimonio natural, fortalecer as economías rurais, loitar contra efectos negativos como o incremento da vexetación espontánea e o consecuente maior risco de incendios forestais ou a erosión dos solos. Este feito repercute tamén nun envellecemento da poboación e na súa dispersión, que comporta un custo elevado da prestación de servizos e da dotación de infraestruturas. Para facer fronte a todos estes factores apróbase o devandito plan.

Una idea sobre “Plan da Xunta para poñer en valor 330.000 hectáreas ata o 2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información