Piornedo recupera a malla comunitaria do centeo para arranxar as súas pallozas

A asociación ‘Teitos de Piornedo’ celebrou a súa primeira malla conxunta a partir de dúas fincas sementadas este ano na parroquia

Piornedo recupera a malla comunitaria do centeo para arranxar as súas pallozas

Nenos participando no proceso de escolmar a palla, que consiste en seleccionar a axeitada para os teitos.

O principal de núcleo de pallozas, palleiros e hórreos teitados con palla nos Ancares está en Piornedo (Cervantes, Lugo), un pobo que conta con preto dunha vintena de construcións con teitos de centeo. O mantemento de todas esas instalacións tradicionais, a parte de traballoso, é caro e conta con escasos apoios institucionais, o que obrigou ós veciños a organizarse para buscar solucións. Cinco casas do lugar crearon a asociación ‘Teitos de Piornedo’, coa que queren promover a conservación das pallozas. Estes días veñen de celebrar a súa primeira malla conxunta.

O colectivo, integrado por familias que teñen construcións con teitos de palla, sementou en conxunto dúas fincas de centeo co obxectivo de facerse con palla para o arranxo das pallozas. Este ano tomaron o cultivo como unha primeira proba experimental, con diversas variedades cultivadas en menos dunha hectárea, na busca da palla máis axeitada para os teitos. Para o ano prevén cando menos dobrar a superficie e afinar nas variedades a cultivar.

A experiencia confirmouse positiva, malia os problemas derivados das continuas incursións do xabarín, que se non se daban freado nin sequera con pastores eléctricos convencionais. De cara á próxima campaña, valoran a colocación de mallas con pastor, a fin de reducir danos.

Todo o centeo colleitado mallouse este fin de semana cunha máquina antiga adquirida polos propios veciños, unha malladora Campeva que localizaron en Zamora e que sacaron da xubilación. Foi unha xornada completa de malla. Primeiro separouse a palla do grao e logo escolmouse, unha tarefa que consiste en pasar a palla por un ‘peine’ metálico, a fin de eliminar herbas e pallas dobradas, seleccionando o colmo, que é a palla que se utilizará para os teitos.

Galería de imaxes

Procesado do centeo na malladora para separar grao e palla.

“O balance é moi positivo. Este é o primeiro ano que a asociación fai a malla, e aínda que non logramos moita palla, arredor duns 80 colmos -feixes de palla seleccionada-, demos un primeiro paso para implicarnos na conservación das pallozas e hórreos”, explica Isolina Rodríguez, da asociación Teitos de Piornedo. “A cuestión é que desde o 2010, a Xunta desentendeuse do mantemento anual dos teitos. Nós estamos dispostos a poñer da nosa parte, aínda que o que poidamos facer nós claramente non é suficiente”, valora.

Se se ten en conta que o prezo de renovar un metro cadrado de teito ronda os 150 euros, e que hai veciños con máis de 300 metros cadrados de teitos, enténdese o calibre das tarefas a acometer. “A nosa idea é ir renovando pequenas partes dos teitos cada ano, dándolle a volta á palloza ata volver a comezar. É como se fixo sempre e evita ter que sustituír todo un teito de golpe, o que é moi complicado e caro”, expón Isolina.

Situación na comarca
As dificultades de conservación das pallozas explican unha práctica habitual na comarca, o teitado das antigas pallozas con uralita, a fin de evitar a súa perda completa. “É unha solución provisional que evita que se perda a construción, aínda que non é o ideal”, recoñece Isolina Rodríguez.

O Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares está tratando de recuperar pallozas e hórreos abandonados ou teitados con uralita en distintos pobos da serra, un esforzo que xa está a dar os seus primeiros froitos.

En Piornedo só teñen unha palloza tellada con uralita, aínda que hai outras con teitos de centeo que presentan unha conservación deficiente. A asociación ‘Teitos de Piornedo’ engloba polo de agora a cinco casas que se comprometeron no mantemento dos seus teitos. O obxectivo do colectivo é implicar a tódolos veciños, aínda que non é fácil. “Hai xente maior ou que vive fóra ou que non pode afrontar o mantemento das pallozas, así que hai algunhas pallozas en mal estado”, recoñece Isolina.

Trala malla da pasada fin de semana, as familias integrantes da asociación poderán acometer pequenas renovacións nos seus teitos. “Cada metro cadrado require de 3 ou 4 colmos, así que non poderemos facer moito, pero é un comezo”, destaca Isolina.

Grao de centeo para usos propios e para venda
O outro froito da malla, o grao, adicarase en parte a elaborar pan e empanada para unha celebración comunitaria, á que a asociación convidará tamén a persoas próximas que colaboraron na malla. Está previsto ademais que un colaborador elabore unha cervexa artesá con centeo de Piornedo, e o gran restante venderase. “É grao de calidade, cultivado en ecolóxico, aínda que non temos a certificación. Serán algo menos de 200 quilos e estamos abertos a súa venda ás persoas interesadas”, explica Isolina Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información