Pídenlle á Xunta que renove o acordo para a recollida de plásticos agrícolas

Pídenlle á Xunta que renove o acordo para a recollida de plásticos agrícolas

Punto de acopio de plásticos agrícolas

A Comisión de Agricultura, Gandería e Montes do Parlamento de Galicia aprobou este venres por unanimidade de todos os grupos unha iniciativa pola que lle demandan á Xunta de Galicia que estableza un novo acordo cos concellos para a recollida e transporte dos plásticos usados de orixe agrícola.

A iniciativa foi presentada polo Bloque Nacionalista Galego, que aceptou unha emenda do grupo do Partido Popular, o que propiciou que fose aprobada. O plan de recollida de plásticos agrícolas comezou a funcionar no ano 2005 pero leva sen funcionar dende novembro de 2017 debido a que a Consellería de Medio Ambiente non renovou o contrato de servizo que tiña en marcha cos concellos, e que permitía subvencionar parte do transporte ás empresas autorizadas.

Neste sentido, o deputado do BNG e autor da iniciativa, Xosé Luis Rivas Cruz, advertiu de que de non renovarse este acordo “estamos ante un importante problema medioambiental, xa que se estima que en Galicia se producen unhas 7.800 toneladas anuais de plásticos agrícolas -fundamentalmente de silos, de invernadoiros…etc- e no mellor ano de recollida, o 2010, recolléronse para o seu tratamento e reciclaxe 5.200 toneladas”. “O resto acabou ou tirado, ou queimado ou no contenedor verde do lixo no mellor dos casos, un problema que se agravaría de non renovarse o acordo”, advertiu.

Ante esta situación, o parlamentario nacionalista demandou que se mellore a recollida de plásticos agrícolas no medio rural galego e que se estableza unha liña de axudas aos concellos para mellorar os puntos de acopio deste material. “Non é de recibo que por 24.200 euros anuais que destinaba a Xunta ata agora a este convenio non se renove o acordo”, advertiu.

Partido Popular: “A Consellería de Medio Ambiente explorará novas vías de colaboración cos concellos”

Por parte do grupo do Partido Popular, o deputado Carlos Gómez Santiago, cualificou como “positivos” os resultados do plan posto en marcha en 2005 e ao que se sumaron 85 concellos galegos con importante actividade agrogandeira. Os axudas que achegaba a Xunta procedían de fondos europeos FEDER, unha liña de financiamento para este obxectivo que xa se esgotou.

Porén, o parlamentario popular lembrou que “nin a Xunta nin os concellos teñen esta obriga legal de realizar a recollida e tratamento dos plásticos agrícolas, a obriga por lei é para os produtores que os utilizan”. “O plan cumpriu os seus obxectivos de concienciar aos agricultores e gandeiros de que os plásticos non se poden tirar en calquera sitio nin queimar, e agora a Consellería de Medio Ambiente explorará novas vías de colaboración cos concellos para a axeitada xestión destes plásticos” de orixe agrícola.

Baixada dos prezos do plástico reciclado

O plástico de orixe agrícola, tras o seu lavado e tratamento por parte das empresas xestoras autorizadas, era enviado ata hai pouco principalmente a China para a fabricación de novos produtos. Sen embargo, dende xaneiro deste ano o goberno chinés prohibiu as importacións de plástico reciclado para favorecer a recollida e reciclaxe dos seus propios residuos.

Isto levou a unha importante baixada dos prezos do plástico reciclado, argumento que esgrimen as empresas de xestión para demandar máis axudas. Unha vez lavado, secado e triturado, os plásticos reciclados transfórmase en partículas de entre 15 e 25 milímetros, o que se denomina ganza plástica, que se comercializa para fabricar, no caso de España, novos produtos como bolsas de lixo ou tubos de polietileno, en boa medida dirixidos aos sistema de regadío do sur da península.

Aprobada unha iniciativa para seguir mellorando a xenética da raza Rubia Galega

Por outra parte, a Comisión de Agricultura, Gandería e Montes aprobou tamén unha iniciativa pola que instan á Xunta de Galicia a seguir a potenciar os programas de mellora da raza rubia galega.

O deputado popular Daniel Vega Pérez, autor da proposición, lembrou a importancia do labor realizado neste sentido por ACRUGA para a mellora desta raza, que conta neste momento en Galicia cun censo duns 36.000 animais repartidos nunhas 1.800 ganderías.

“É necesario seguir mellorando na xenética da raza Rubia Galega porque iso significa máis rendibilidade para o gandeiro. Unha vaca que teña bos aplomos, boa profundidade torácica, apertura de cruz, boa grupa…etc, vai ser mellor nai e vai ter menos problemas nos partos”, explicou.

Ademais, defendeu a seu emprego como raza cárnica nas explotacións de vacún de leite. “Se os nosos gandeiros apostan por facer cruces cárnicos en vacas Frisonas coa Rubia Galega e non con outras razas foráneas, estarán a deixar o diñeiro aquí e apostando pola xenética galega, cuns rendementos iguais ou superiores aos das foráneas”.

A iniciativa foi apoiada polos grupos do PsdeG-PSOE e polo BNG aínda que con críticas pola súa falta de concreción, en canto a medidas e orzamento. Uns argumentos que tamén foron expostos por En Marea para votar en contra. “É unha mera declaración de intencións e propaganda se non se concreta con medidas e se acompaña dun orzamento”, subliñou a deputada Paula Quinteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información