Piden que Bruxelas inclúa na PAC as axudas a pastos baixo arborado

Piden que Bruxelas inclúa na PAC as axudas a pastos baixo arborado

Vacas pacendo en Muras nunha zona con arborado

A Unión de Pequeños Agriculturores y Ganderos (UPA) pediu á Unión Europea que se inclúa unha nova definición de pasto mediterráneo na Política Agraria Común (PAC) que teña en conta o pasto arborado, o que permitiría a España “ver recoñecida a realidade dos seus campos”.

Bruxelas está inmersa nun proceso de revisión “chamado regulamento Ómnibus- no que se podería, a xuízo de UPA, corrixir este fallo da PAC” que afecta os países mediterráneos.

A aplicación de forma estrita do Coeficiente de Admisibilidade de Pastos en España está a supor unha importante limitación das axudas destinadas á gandería extensiva, especialmente para os pequenos e medianos gandeiros que teñen unha superficie restrinxida.

No caso de Galicia foron moitos os gandeiros, especialmente de zonas de montaña, que este ano viron reducida ata un 30% as axudas da PAC, ao endurecerse os criterios para para acceder ás subvencións para pastos arbustivos e baixo arborado. Así, a Consellería do Medio Rural decidiu excluír destas axudas as parcelas con menos de 0,3 hectáreas alegando que a Comisión Europea obrigou a España a tomar medidas correctoras para evitar pagos indebidos sobre esas superficies.

“En Bruxelas non entenden como pastan os animais nos nosos campos”

Para UPA, o problema está en que Bruxelas non entende “como pastan os animais nos nosos campos”, onde o bosque e as terras pastables “mestúranse e conviven en harmonía”. A organización lembrou tamén o importante labor ambiental que supón este tipo de gandería extensiva, “pois os gandos limpan o monte e evitan incendios forestais”.

UPA realizou este luns unha petición formal á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para que defenda esta problemática ante os Estados Membros da UE. Os gandeiros fixeron tamén un chamamento ao resto de países mediterráneos para dar peso a esta proposta e evitar a discriminación fronte aos países do norte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información