Piden cambios no decreto de xurros para evitar o peche de explotacións

O Consello Agrario Galego ven de avaliar o borrador de decreto de dexeccións gandeiras que presentou a Consellería do Medio Rural. Os sindicatos agrarios piden maior tempo de adaptación e que se rebaixe a esixencia de ampliar as fosas de xurro.

Piden cambios no decreto de xurros para evitar o peche de explotacións

Tractor remexendo o xurro.

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presentou a pasada semana no Consello Agrario Galego, o novo decreto -actualmente en fase de tramitación- que regulará a xestión das dexeccións gandeiras.

Segundo destacou Rosa Quintana, a nova norma “buscará optimizar o emprego dos fertilizantes de orixe orgánica no campo galego” de tal xeito que a cantidade que se utilizará non excederá das necesidades do cultivo existente ou do cultivo futuro e o momento de aplicación será o óptimo para o cultivo existente ou para o cultivo futuro.

Sen embargo, tanto as distancias mínimas que se esixen como, sobre todo, a capacidade da fosa de xurro e o prazo de adaptación á normativa, provocaron o rexeitamento dos sindicatos agrarios que advirten de que “se se aplica tal e como está abocará ao peche de moitas explotacións gandeiras”.

“Establece uns límites de distancias moi estritos para a realidade de Galicia”

Así, Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias, defende que “todo o que sexa regular a aplicación de xurros está ben, porque diminúe a litixiosidade nos xulgados”.

Sen embargo, lamenta que “o decreto que se nos presenta está moi verde, establecendo limites como nas distancias ás vivendas que, tendo en conta como está distribuída a ocupación do territorio en Galicia, serían bastantes estritos”.

Así, o borrador do decreto establece que para a aplicación de xurros por aspersión e sen enterramento, e sólidas sen enterramento, en solos agrario os límites de distancia serán de 50 metros como mínimo para vivendas, fincas de uso residencial e outros aloxamentos gandeiros.

E no caso de acumular esterco en fincas agrícolas a distancia será como mínimo de 100 metros a vivendas, fincas de uso residencial e outras aloxamentos gandeiros

O responsable de UUAA considera que “o borrador de decreto tamén é bastante limitante no relativo á dimensión das fosas de xurro, nos límites de cantidade a aplicar e no prazo de adaptación de 3 anos”.

“Obrigaría a un gasto enorme en ampliación das fosas de xurro”

Pola súa parte, Jorge Vázquez, técnico de ASAJA-Galicia advirte de que “a capacidade das fosas de xurro que establece este borrador serían inviables para unha parte importante das explotacións gandeiras galegas, abocándoas ao peche”.

En concreto, o técnico de ASAJA-Galicia explica que “os límites actuais están en 18 metros cúbicos por UGM para vacún de leite e co novo decreto pasarían a 23,4; mentres que para o vacún de carne, pasaría de 12 metros cúbicos por UGM a 20.8”.

Esta ampliación das fosas persegue, segundo a Consellería de Medio Rural, o obxectivo de que podan almacenar a correspondente a 6 meses de produción, que “en determinados casos, e se existen sistemas complementarios de xestión, a capacidade mínima de almacenamento poderá reducirse á produción de 3 meses (esterco) ou de 4 meses (xurro)”.

En calquera caso, Jorge Vázquez calcula que “a ampliación das fosas de xurro suporía un custo de 592 euros por UGM para as ganderías que leite e de 948 €/UGM para as de carne”

“A ampliación das foxas de xurro suporía un investimento enorme para as explotacións galegas que, unido ao prazo de 3 anos para adaptarse ao cumprimento da normativa, provocaría o peche de explotacións”, advirte.

Confían en que se modifique no trámite parlamentario

Unha vez avaliado no Consello Agrario Galego, o borrador do decreto de dexeccións gandeiras, pasará a ser tramitado no Parlamento de Galicia. Neste sentido, as organizacións agrarias confían en que, pola vía da emenda, se amplíe o período de adaptación e se reconsideran os límites por UGM.

Descarga aquí o borrador do decreto.

Una idea sobre “Piden cambios no decreto de xurros para evitar o peche de explotacións

  1. Raul

    Solo están por acabar ca ganadería, e cos ganaderos cando si axudaran poderianse crear moitos postos de traballo pero toda a vida foi igual ser ganadero e a peor merda cando no resto de Europa están ben mirados, aquí solo están por ACABARNOS.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información