Piden acelerar a supresión de agricultores xubilados da PAC

Unha organización agraria insta ó Ministerio a modificar a definición de agricultor activo xa na PAC 2020, sen agardar ó novo ciclo de axudas, que non se activará previsiblemente antes do 2022

Piden acelerar a supresión de agricultores xubilados da PAC

O Ministerio de Agricultura vén de iniciar consulta pública sobre os cambios que se deben efectuar para a PAC 2020, a que en teoría debería ser a última anualidade do actual ciclo de axudas. Unha primeira proposta para a PAC 2020 aborda unha cuestión pendente, que se estaba deixando para o seguinte ciclo de axudas (2021-2027): a supresión de agricultores xubilados e tamén a reducción de pagos ós chamados ‘agricultores de sofá’, sociedades xurídicas latifundistas do centro e sur peninsular.

A proposta, efectuada pola organización agraria Unión de Uniones, con presenza en comunidades como Castilla y León, reabre o debate que xa nos últimos anos se vén producindo no ámbito político e das organizacións agrarias.

España ten 800.000 beneficiarios da PAC, dos que un 39% son xubilados, que perciben un 26% das axudas. Se se ten en conta que outro 29% das axudas vai parar a un 6,5% dos beneficiarios, sociedades xurídicas na súa maioría latifundistas do centro e sur peninsular, quedan menos da metade das axudas para os pequenos e medianos agricultores reais, segundo se vén criticando desde o agro.

Normativa
A normativa actual considera agricultor activo a toda aquela persoa que entre os seus ingresos agrarios teña un 20% que non procedan das axudas. Unión de Uniones propón un cambio da normativa xa a partir do 2020, pois entende que “o Ministerio ten competencias para adoptar estas modificacións xa agora, sen esperar ó novo ciclo da PAC”.

A organización suxire que para definir ó agricultor activo -o que pode cobrar as axudas-, se consideren os seus ingresos totais, non só os agrarios. Propoñen que só sexa agricultor activo quen teña alomenos un 25% de ingresos procedentes da actividade agraria -sen computar as axudas-.

En calquera caso, a organización sería partidaria de manter a actual excepción de evitar a exclusión de tódolos perceptores que cobren menos de 1.250 euros ó ano de pagos directos, pois entende que se trata dun apoio social ó medio rural.

Contexto
A modificación do agricultor activo é unha cuestión na que hai consenso tanto no Ministerio como entre as consellerías autonómicas do ramo, pero en principio non se espera a súa modificación ata o próximo ciclo de axudas, que non comezará antes do 2022.

A realidade é que España ten máis perceptores da PAC que Francia e Alemania xuntos. Esa circunstancia tradúcese, entre outras cuestións, en que as axudas medias por beneficiario en España ronden os 6.000 euros, en tanto en Francia ou Alemania, onde teñen depurado quen pode ser beneficiario da PAC, superan os 20.000 euros.

A cuestión que queda por resolver en España é como redistribuír os fondos dos beneficiarios xubilados ou ‘de sofá’ cando nun futuro sexan excluídos da PAC ou vexan reducidos os pagos que reciben. En Galicia, Unións Agrarias xa ten expresado o temor a que grandes comunidades como Andalucía promovan un ‘corralito autonómico’ deses fondos, a fin de evitar a súa redistribución a outras autonomías. Tal medida perxudicaría a Galicia, onde os agricultores xubilados representan só un 6,5% dos fondos totais das axudas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información