Pendentes de resolver as axudas de prevención do lobo a un mes do fin de prazo para xustificalas

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes insta a Medio Ambiente a ampliar os prazos de xustificación, a fin de evitar que se perdan subvencións outro ano máis

Publicidade
Pendentes de resolver as axudas de prevención do lobo a un mes do fin de prazo para xustificalas

Peche fixo electrificado para evitar incursións do lobo.

Entre o sector gandeiro e o ecoloxista hai con frecuencia escasos puntos de consenso, pero unha das cuestións nas que ambas partes están de acordo é na importancia das medidas de prevención contra os danos do lobo. Para promover esas medidas de prevención no campo, a Consellería de Medio Ambiente publica algúns anos unha liña de axudas, aínda que os retrasos burocráticos están a dificultar que estas axudas cheguen na realidade ás ganderías.

De acordo coa convocatoria das axudas de prevención do lobo para este ano, as subvencións teñen que estar executadas e xustificadas a 9 de setembro, pero a pouco máis dun mes do fin do prazo, Medio Ambiente aínda non resolveu cales van ser as ganderías beneficiarias. O asunto preocupa entre os gandeiros que solicitaron a axuda, pois no caso dos que pediron apoios para facer peches fixos, quédanse sen tempo para acometelos.

Peor foi a situación no 2017 -o ano pasado non se convocaron as axudas-. Daquela, Medio Ambiente dou 6 días laborables de prazo para executar e xustificar as axudas, co cal moitos beneficiarios tiveron que renunciar á subvención por falta de tempo para tramitar a compra de mastíns ou para executar os compromisos adquiridos.

Petición da Sociedade Galega de Pastos
O presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Joan Alibés, pide que a Consellería amplíe este ano os prazos de xustificación das axudas, a fin de evitar que outro ano máis haxa produtores que teñan que renunciar ós apoios. “Temos tamén o problema de que para facer peches fixos, o verán é a peor época, xa que a terra está seca e o peche non queda ben. Sería máis axeitado facelo no outono”, apunta.

As ganderías solicitantes das axudas tiveron estes días as inspeccións de Medio Ambiente para certificar o ‘non inicio’ das accións para as que se solicitou a axuda, polo que os produtores esperan a resolución da Consellería para os próximos días.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información