A parroquia de Cangas, en Foz, celebra o domingo 19 a súa recuperada feira anual de gando

Esta cita festiva, que xunta gando bovino, ovino, caprino e a amantes dos cabalos de toda Galicia e Asturias, foi recuperada fai seis anos por un grupo de mozos do lugar e reparte 3.000 euros en premios

A parroquia de Cangas, en Foz, celebra o domingo 19 a súa recuperada feira anual de gando

A parroquia de Cangas, no concello de Foz, celebra o vindeiro 19 de agosto a súa feira de gando, unha cita recuperada hai seis anos e xa consolidada no calendario do verán da comarca da Mariña. A feira medra e gaña participantes ano a ano e xunta a gandeiros e afeccionados chegados de toda Galicia e de Asturias.

Organizada polo Concello en colaboración coa asociación Cabaleiros de Cangas, un grupo de mozos da parroquia afeccionados ao mundo ecuestre que decidiron hai seis anos organizar unha cita vinculada ao mundo rural e agrogandeiro nunha parroquia que conta cunha importante comunidade de montes, a de Real, Rañadoiro e Agudo.

Trátase dunha feira recuperada, celebrada a principios e a mediados do século XX e que despois se foi perdendo. Levaba décadas sen celebrarse até que no ano 2013 a xente moza do lugar decidiu volver facela. Un deles é Eladio Basanta, que mantén unha explotación de vacas e cabalos na parroquia.

A Feira de Gando de Cangas ten lugar agora na área recreativa dos Castros, no centro do pobo, a carón do centro social e da entrada á igrexa. Pero tradicionalmente a feira tiña lugar no século pasado no lugar de A Gralleira, onde estaba a casa do mestre e onde mesmo había báscula para pesar os animais.

Distinto tipo de gando
Pola mañán ten lugar a feira tradicional de gando, que reúne a partir das dez da mañá a animais de todo tipo, desde ovino e caprino a vacuno ou cabalar. Máis de 200 animais enchen o recinto. Para fomentar a participación, repártense distintos premios ao maior número de cabezas de cada especie e ao mellor exemplar de cada especie.

Pero a feira compleméntanse con outras actividades que conforman un auténtico día de romaría arredor dela. No recinto feiral instálase unha carpa para degustar polbo e churrasco, a partir das dúas da tarde hai sesión vermú con discoteca móbil e durante a toda a mañán os asistentes poden participar en paseos gratuitos en cabalo polo recinto para nenos e maiores.

foto feira cangas en foz 2

A cita constitúe unha alternativa moi interesante en plena tempada de verán nun concello tan turístico coma Foz para todos aqueles aos que lles gustan os cabalos e o gando. Ademais da feira e de actividades como exposición de maquinaria ou de artesanía, congregan a moito público os concursos de andadura que se fan pola tarde no campo de fútbol de Cangas.

3.000 euros en premios
Os concursos de andadura comezan as catro e media da tarde con catro modalidades diferentes: andadura serrada de cabalos de menos de 1,5 metros de altura, andadura serrrada de cabalos de máis de 1,5 metros de altura e andadura chapeada de menos e de máis de 1,5 metros de altura.

Tamén se celebran carreiras de trote e carreiras de burros e os premios, tanto en metálico para os tres primeiros clasificados en todas as categorías como en forma de trofeo para o cuarto, suman uns 3.000 euros, unha contía económica moi importante que anima a asistencia de xinetes chegados de toda Galicia e mesmo de Asturias, con máis de 100 animais participantes nas distintas probas.

Aposta por visibilizar o medio rural
O Concello de Foz impulsa esta cita en colaboración coas distintas asociacións da parroquia: a asociación ecuestre Cabaleiros de Cangas, a asociación deportiva e cultural Os Castros, a asociación de Veciños San Pedro e a comunidade de montes veciñais en man común Real, Rañadoiro e Agudo.

O concelleiro de medio rural, Pedro Fernández Manín, apoiou desde o primeiro momento a recuperación desta celebración como un xeito de visibilización da actividade agrogandeira que aínda se mantén nas distintas parroquias do municipio. En Cangas quedan aínda media ducia de veciños con gando e a comunidade de montes, que na actualidade conta cunha superficie de 500 hectáreas adicada a explotación forestal mediante un contrato de aluger con Ence, ten en proxecto pechar unha parte do monte para introducir gando.

Feira da Espiñeira
A feira de Cangas non é a única que se celebra no concello de Foz. A cita para os amantes dos cabalos trasládase a mediados do mes de xuño á parroquia de Vilaronte, onde se celebra a tradicional Feira da Espiñeira no domingo anterior ao San Xoán. Este ano tivo lugar o domingo 17 de xuño. Organizada tamén polo Concello de Foz, inclúe actuacións de grupos folclóricos, sesión vermú, concurso de andadura de trotóns e premios ás mellores cabezas de gando.

Esta feira foi tamén recuperada no ano 1998 por parte dos veciños da Espiñeira despois de 20 anos sen celebrarse e desde entón cumpre xa dúas décadas sendo cita obrigada para os amantes dos cabalos de toda a comarca da Mariña e de lugares próximos como a Terra Chá ou o occidente de Asturias.

A crecente afección que fai uns anos se volveu dar polo mundo ecuestre na comarca da Mariña, con novas xeracións de mozos e mozas interesados nos cabalos, xa non como actividade gandeira, senón como simple hobbie, fixo agromar algunhas celebracións como a Feira do Trece en Alfoz, que se unen ás xa existentes en distintos concellos, como As San Lucas e as Quendas en Mondoñedo, as feiras de Lago de San Bartolo en Xove, a Feira de San Marcos en Trabada, a da Augaxosa en Riotorto ou a de Bravos en Ourol.

cartel feira de gando de Cangas 2018

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información