“Para fixar poboación no agro os concellos debemos ofrecer servizos para a infancia e a xente nova”

Entrevista a Secundino Fernández Fernández, traballador da Oficina Agraria Comarcal de Viana do bolo e alcalde deste concello. Defende a necesidade de manter os servizos públicos no rural e o labor de asesoramento dos traballadores das Oficinas Agrarias para que haxa incorporacións ao agro

“Para fixar poboación no agro os concellos debemos ofrecer servizos para a infancia e a xente nova”

Secundino Fernández Fernández, traballador da Oficina Agraria Comarcal de Viana do bolo e alcalde deste concello

Secundino Fernández Fernández, natural de A Pobra do Burón (A Fonsagrada) é dende o 2015 alcalde do municipio ourensán de Viana do Bolo, onde tamén exerce como traballador da Oficina Agraria Comarcal dende hai 15 anos.

Dúas responsabilidades que fan que este enxeñeiro de Montes, ademais de enxeñeiro Técnico Agrícola, teña un punto de vista privilexiado sobre o papel que deben desempeñar as administracións locais para axudar a frear o despoboamento do rural así como unha das súas causas, a perda de activos no sector agrogandeiro.

Ademais de alcalde, es traballador da Oficina Agraria Comarcal de Viana do Bolo. ¿Hai dinamismo no sector agrogandeiro nesta comarca?
Levo 15 anos traballando nesta Oficina Agraria Comarcal, e estamos falando da provincia de Ourense, non das grandes zonas gandeiras de Galicia, onde a gandería é máis intensiva e hai moitisimo maior dinamismo.

Dentro da provincia de Ourense, a comarca de Viana é unha das que máis repercusión ten o sector agrogandeiro. Cando cheguei aquí era unha zona en declive, con explotacións pequenas e sen relevo. Grazas ás ganas de moitos veciños e veciñas e ao traballo da Oficina Agraria houbo un cambio nesa tendencia, aproveitando nestes anos novos nichos de actividade pouco explotados dende o punto de vista profesional, como a apicultura ou o sector da castaña, onde se incorporaron moitos mozos e mozas.

Estou orgulloso do traballo feito aquí e de que moita xente se incorporara e haxa continuidade. O sector agrogandeiro é un motor de desenvolvemento do rural galego, non unha rémora, e seguirá sendo clave para o futuro do agro, sen desdeñar outros sectores como o forestal, o turismo rural…etc. En todo caso, o sector silvícola non fomenta tanto que a poboación quede a vivir no rural como a gandería.

“Nos últimos 8 anos incorporáronse á actividade agrogandeira unhas 50 persoas nesta Oficina Agraria Comarcal”

A día de hoxe en Viana do Bolo hai sobre 100 persoas afiliadas á seguridade social agraria, e se ben é certo que houbo unha redución de activos, como no resto do país, hai relevo xeracional en moitas explotacións viables e unhas 40 persoas cotizando tendo como actividade principal unha explotación apícola, un sector onde este concello é punteiro en Galicia, con moita xente moza que se incorporou.

En canto ás incorporacións, nos últimos oito anos incorporáronse no concello máis de 20 persoas á apicultura; na gandería, fundamentalmente en vacún de carne, incorporáronse arredor doutros 20, e algúns mozos e mozas máis en ovino e unha persoa en vacún de leite.

Estamos a falar de ao redor case 50 persoas que se incorporaron nos últimos oitos anos á actividade agrogandeira nesta Oficina Agraria Comarcal. E a pesar das dificultades, estas persoas que se incorporaron continúan coa actividade.

¿Que poden facer os concellos para frear o abandono do agro e o despoboamento?
Os concellos teñen unhas funcións limitadas no fomento da produción agropecuaria, posto que non temos ningún tipo de competencias nese ámbito. Sen embargo, independentemente diso, o que está claro é que os concellos temos que preocuparnos pola continuidade da poboación nos nosos municipios.

Neste sentido, creo que o mellor que podemos facer os concellos é prestar servizos á veciñanza. É dicir, que por vivir en Viana do Bolo e ter unha explotación agrogandeira ou en calquera outra zona do rural galego, os nosos veciños e veciñas teñen que ter servizos para criar os seus fillos. Así, unha das nosas prioridades é dar servizos para a infancia, tanto de actividades extraescolares, cine, teatro, inchables e mesmo pistas de xeo. É dicir, que unha persoa que queira ter fillos atope aquí os mesmos servizos para criar os nenos que nunha cidade. Se é así, percibirase o concello como un bo sitio para vivir e así poder lanzarse a emprender ou a continuar coa actividade agrogandeira.

“Se o concello ten bos servizos para criar aos fillos, é máis fácil que a xente continúe ou emprenda no sector agrogandeiro”

Esa función de dar servizos é a que temos que prestar os concellos, e non tanto dar axudas, como para comprar cueiros, senón que os nenos teñan no entorno un pediatra, un centro de ensino, actividades extraescolares, de lecer e deporte, servizo de transporte …etc.

De feito, no Concello de Viana do Bolo temos un repunte de nacementos con respecto ao resto da provincia. Así, nos últimos 4 anos temos unha media de nacementos duns 20 ao ano, o que para o entorno no que estamos é moi positivo. A xente ve que Viana é un bo lugar para vivir e iso axuda a paliar o forte avellentamento da poboación que temos.

A falta de base territorial é un dos factores que limitan a incorporación de novas persoas ao agro en xeral. ¿Tamén pasa isto en Viana do Bolo?
Creo que a parte dunha cuestión económica obxectiva, como era a falta de viabilidade de explotacións agrogandeiras pouco profesionais, creo que unha das causas do abandono no agro era que había un desprestixio de traballar no campo, e aínda máis se eras muller., algo que non ocorre nos países avanzados.

Por iso, entre todos debemos volver darlle prestixio ás persoas que traballan no sector agrogandeiro, que son as que nos dan de comer a todos. E dende a administración temos que estar apoiándoos e facerlles sentir que son moi importantes para a sociedade, porque si que o son.

En canto ao aspecto económico, é certo que para ser profesional e ter uns ingresos dignos hai que ter un maior tamaño da explotación, tanto en base territorial como en rabaño. Sen embargo, nun concello como este, a falta de base territorial non é tanto un problema.

En xeral, creo que debería haber unha política clara de apoio por parte da Administración a aquelas persoas que quedan a traballar no agro.

¿Estase a perder o papel dinamizador e de asesor imparcial dos traballadores das Oficinas Agrarias Comarcais?
O problema de fondo é a privatización dos servizos públicos por parte do actual goberno da Xunta. As oficinas agrarias e o seu persoal son fundamentais, para fomentar e favorecer a continuidade da actividade agrogandeira, facer esa labor de extensión agraria, e non só de xestión de papeis.

En canto á administración electrónica creo que debe ser complementaria á presencial. É dicir, poder realizar os trámites por internet ou tamén en persoa, cun asesoramento e información independente que dá o funcionario público.

Cando se obriga a realizar todos os trámites por internet estase a privatizar de forma encuberta o servizo e perdendo esa función de asesoramento e de acompañamento ao agricultor ou gandeiro que facía o funcionario público.

 “É un erro que a Xunta nos faga responsables únicos aos concellos de aplicar a normativa sobre faixas de protección contra os lumes”

¿Que balance realizas da normativa da Xunta sobre as faixas de prevención de lumes forestais, onde os concellos desempeñan un papel clave?
Paréceme moi positivo que se establezan esas faixas de protección arredor dos núcleos de poboación e das redes de comunicación. Pero co que non concordo é que se nos faga responsables aos concellos de realizar ese traballo, porque nin temos capacidade para delimitar nin para vixiar esas franxas, nin de persoal nin de sanción.

A idea está moi ben pero a aplicación non debe pasárselle de forma integral aos concellos, que desde logo debemos colaborar. Por non falar de que o procedemento de sanción é moi complicado.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información