Pagar impostos por ceder dereitos da PAC ao Ministerio e outros “abusos” da Agencia Tributaria no agro

Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias denuncian que a Agencia Tributaria quere cobrar impostos sobre os dereitos de pagamento básico da PAC, por transmisión de titularidade en explotacións ou en permutas de fincas, aínda que non haxa transacción económica.

Pagar impostos por ceder dereitos da PAC ao Ministerio e outros “abusos” da Agencia Tributaria no agro

Milleiros profesionais do agro están a recibir estas semanas requirimentos da Agencia Tributaria no que lles esixe pagar os impostos pola transmisión de explotacións, incluso aínda que fose entre familiares e sen contraprestación económica, tal e como é practica xeneralizada en Galicia.

Ademais, o departamento que depende de Cristóbal Montoro, tamén esixe por primeira vez que os agricultores e gandeiros paguen polas cesións de dereitos do pago único da PAC, aínda que non houbese trasvase de diñeiro, así como ás permutas de fincas realizadas entre particulares.

Para o Sindicato Labrego Galego e para Unións Agrarias esta campaña da Agencia tributaria, a primeira que se realiza, “ten un afán meramente recaudador e carece de toda lóxica porque non hai transación económica”.

Xosé Ramón Cendán (SLG): “Estamos a falar dunha taxa impositiva mínima do 15% ou superior sobre o valor estipulado do pagamento básico”

Precisamente, unha comitiva do Sindicato Labrego Galego formada por María Ferreiro e Xosé Ramón Cendán -membro e asesor da Executiva do SLG, respectivamente- mantiveron hoxe, 26 de outubro, na Coruña, un encontro co director da Área de Agricultura da Delegación do Goberno, José Álvarez Robledo, para tratar a problemática dos impostos que se lles están a aplicar aos cambios de titularidade en explotacións.

Cendán e Ferreiro explicáronlle a Robledo que a Axencia Tributaria está a enviar de forma xeneralizada requerimentos sobre transmisións de explotacións que se fixeron nos anos 2012 e 2013. “Estamos a falar dunha taxa impositiva mínima do 15% ou superior sobre o valor estipulado dese pagamento básico que se lle cobra ao titular orixinal dos dereitos ao considerar o Ministerio de Hacienda que foron unha venda”, subliñan.

“O problema é que moitas desas transaccións de granxas non son vendas, realmente, xa que corresponden a un simple cambio de titularidade de pais e nais a fillos e fillas, ou entre cónxuxes, polo que non hai ningún tipo de beneficio ou ingreso na operación”, advirten dende o Sindicato Labrego.

 “Facenda reclama 1.500 euros en impostos a unha nai por pasarlle a titularidade da explotación ao fillo”

Por exemplo, dende a organización agraria denuncian o caso dunha nai que lle pasou a titularidade da explotación ao fillo e agora Facenda lle reclama 1.500 euros de impostos por esta transmisión. “O celo da Axencia Tributaria chega a casos surrealistas, como cobrarlle este imposto a unha transmisión de titularidade entre cónxuxes que están en réxime de gananciais, o que significa que a explotación e os dereitos da PAC son propiedade de ambos a partes iguais e seguen a selo tralo cambio de titularidade”, advirten .

“Evidentemente, non nos opoñemos a que Facenda esixa tributos de operacións de compravenda de granxas nas que hai un beneficio ou ingresos ao haber tamén unha transacción comercial, pero os casos que denunciamos non corresponden a este tipo de accións e polo tanto non deberían pagar impostos”, conclúen dende o Slg.

A Agencia Tributaria tamén quere cobrar impostos polas permutas de fincas, aínda que non haxa transacción económica

Pero o afán recadador do Ministerio de Hacienda non se para aí. Unións Agrarias denuncia que a Agencia Tributaria tamén está a enviar requirimentos para cobrar impostos polas permutas de fincas -un proceso de concentración parcelaria privado habitual en Galicia- aínda que non haxa transacción económica.

Javier Iglesias, responsable de Gandería de Unións, explica que “hai moita xente que fixo permutas de fincas con veciños e aos que agora a Agencia Tributaria lles quere obrigar a pagar no IRPF polo suposto incremento patrimonial, xa que considera que unha finca ten una valor teórico, fixado pola ponencia de valores da Consellería de Facenda, maior que a outra”.

“Sen embargo -engade- eses valores da Consellería deberían considerarse como meramente orientativos, porque cando cando dúas persoas intercambian parcelas para mellorar a base territorial da súa explotación é porque consideran que teñen o mesmo valor”.

Neste sentido, recoñece que Unións Agrarias está en contacto coa Consellería de Facenda para corrixir esta situación, que atribúe “a un mero afán recaudador das Administracións”.

No caso dos impostos que esixe o Ministerio de Hacienda por transmisión da explotación entre familiares, Javier Iglesias lembra tamén que “non ten carácter oneroso, porque é un mero cambio de titularidade a nivel administrativo, pero non hai venda nin doazón, polo que non ten sentido cobrar impostos por esa transmisión”.

Hacienda pídelle a un veciño de Cee 346 euros por ceder dereitos de pago básico á Reserva Nacional

Pero o caso máis kafkiano desta campaña da Agencia Tributaria é esixir o pago de tributos por ceder dereitos do pago único da PAC á Reserva Nacional; é dicir, ao propio Ministerio de Agricultura. “Consideran que houbo un incremento do patrimonio do gandeiro, cando o Ministerio lle asignou ese dereito da PAC a valor 0 e o produtor llo cede agora á Administración a custe 0. É un sin sentido quererlle cobrar impostos”, subliña Javier Iglesias.

Como exemplo, poñen o caso dunha persoa de Cee que decidiu no ano 2013 transmitir á Reserva Nacional os seus dereitos de pago básico da PAC. Sen embargo, este mes de setembro a Agencia Tributaria envioulle unha proposta de liquidación pola que lle esixe o pago en concepto de IRPF de 346 euros, máis os intereses de demora, ao considerar que tivo unha ganancia patrimonial.

Javier Iglesias (Unións Agrarias): “Recomendaría presentar recurso ante a Agencia Tributaria”

E que poden facer as persoas que reciban estes requirimentos da Agencia Tributaria? Para Javier Iglesias, no caso das transmisións de explotacións entre familiares ou cónxuxes, “sen dúbida presentaría recurso, porque por exemplo no caso de cónxuxes en réxime de gananciais, é evidente que non houbo transmisión de valor económico, independentemente de que a administración estivese a nome dun ou do outro”.

Por último, o responsable de Unións demándalle á Consellería do Medio Rural que “cando envíe os datos sobre a transmisión de dereitos da PAC á Consellería de Facenda ou á Agencia Tributaria, especifique claramente os casos nos que houbo unha venda real, daqueles nos que houbo unha transmisión dentro da propia explotación, que son a maioría en Galicia”.

“O Goberno da Xunta dinos que estamos na lexislatura do rural e dos impostos cero no agro, pero a realidade é moi diferente”, denuncia Javier Iglesias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información