Ovica recibe o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Ovica recibe o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A presidenta de Ovica, María del Carmen Fernández, recolle o galardón do Premio Aresa.

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica, recibiu este venres o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo grupo empresarial Aresa e a Universidade de Santiago (USC). A presidenta de Ovica, María del Carmen Fernández Carreira, foi a encargada de recoller o galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, no transcurso dunha cerimonia presidida polo reitor da USC, Juan Viaño, e o fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras. O profesor de Economía Agraria na Escola Politécnica Superior (USC) Francisco Sineiro ofreceu nesta sesión o relatorio ‘O sector lácteo galego no mercado global’.

Na concesión do galardón, o xurado valorou a actividade sostida de Ovica nun sector difícil como é a cría e explotación do gando ovino e caprino, así como a implicación da Asociación de Criadores en proxectos e accións de I+D+i.

Público asistente á entrega dos galardóns.

Público asistente á entrega dos galardóns.

O reitor da USC, Juan Viaño, remarcou a capacidade integradora de Ovica por reunir a 174 socios gandeiros, aos que lles garante unha excelente prestación de servizos especializados como a solicitude de axudas en común, apoio técnico e profesional, asesoramento e formación. Juan Viaño fixo especial fincapé no compromiso desta asociación coa innovación tecnolóxica, como o proban as súas colaboracións en proxectos de investigación co Campus Terra da USC e co Centro Tecnolóxico da Carne.

Escola de Pastores
Pola súa banda, o voceiro de Ovica, Diego Fernández, agradeceu a concesión deste galardón, un recoñecemento que “fai posible que o noso sector sexa hoxe un pouco máis visible”. Fernández González lembrou aos 13 fundadores que en 1994 impulsaron a asociación como piares fundamentais de todo o camiño percorrido e adiantou algúns dos principais obxectivos polos que apostarán no futuro.

Neste senso, sinalou “a necesidade de mellorar a formación das novas xeracións a través da creación dunha escola de pastores en Galicia”. Tamén avogou por regular a docencia para obter o carné profesional de esquilador de ovellas. A aposta pola marca de produción e distribución Pastores de Galicia é outro dos retos ós que se enfrontan os produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información