Ovica gaña o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Ovica gaña o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Acto no que se deu a coñecer o fallo do xurado.

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica, vén de gañar o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan conxuntamente a Universidade de Santiago e o Grupo Aresa. De entre as 15 candidaturas presentadas ó galardón, o xurado decantouse por este colectivo tendo en conta os criterios establecidos na base do concurso.

Ovica foi creada en 1994 por 13 produtores de gando ovino e caprino para a defensa dos seus intereses no conxunto de Galicia. Na actualidade conta con 174 socios e entre os seus obxectivos figuran a estruturación e o desenvolvemento do sector ovino e caprino a través de entidades asociativas que afiancen a sanidade e o apoio técnico, a posta en común de solicitudes de axudas e a promoción e comercialización dos seus produtos.

Na actualidade, a asociación ten unha implantación maioritaria nas provincias de Lugo e Ourense e o seu volume produtivo é superior ás 27.000 cabezas de gando. A súa estrutura está formada por un equipo de enxeñeiros técnicos agrícolas e agrónomos, un equipo veterinario externo e cuadrillas de trasquiladores. Os seus asociados teñen un promedio de 156 cabezas e unha produción superior nun 25 % á media autonómica.

Valoración do xurado
As cualidades que fixeron decantarse aos membros do xurado por esta candidatura foron, fundamentalmente, o gran labor de Ovica á hora de loitar contra o despoboamento do rural, o feito de que permite o aproveitamento de recursos naturais ao axudar á conservación de espazos naturais e que garante a produción de carne de ovino e de caprino de calidade.

O xurado fixo fincapé nalgunhas das iniciativas máis salientables levadas a cabo por Ovica, tales como a creación dunha agrupación de xestión de explotacións en 2001, de dúas asociacións de defensa sanitaria gandeira e dunha cooperativa en 2003, dunha agrupación de defensa vexetal en 2004 e da marca de garantía colectiva Pastores de Galicia en 2015.

Ovica será dotado con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que terá lugar o 3 de febreiro de 2017.

Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade do outro finalista, a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña co seu proxecto Bico de Xeado.

Xurado e candidaturas no certame
O xurado estivo integrado polo reitor da USC, Juan Viaño Rey; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Campus de Excelencia de Córdoba, Enrique Quesada Morada; o conselleiro delegado de Calfensa, José Ramón Panete Fernández, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

As demais candidaturas presentadas foron: Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega); o proxecto La Ciudad de la Leche; a Finca Villadangos; Biocoop S. Coop. de Carne de Producción Ecológica; o proxecto de deseño dunha planta de biogás para unha explotación gandeira media en Galicia; o Reino de Zoela S. Coop.; a creación e posta en funcionamento dunha industria de extracción e envasado de mel e os seus derivados no lugar de Prada, no concello da Veiga; cultivo de árnica montana subespecie atlántica; a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos; a plataforma E-Monte Solucións Forestais S.R.L.; Eucatool: aplicación na nube para estimar o crecemento e a produción de plantacións de eucalipto en Galicia; a explotación agropecuaria Castromil, e o traballo sobre caracterización aromática e fenólica de aceitunas e aceites de oliva producidos en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información