Os xabaríns xa provocaron 1.180 accidentes de tráfico e destruíron miles de hectáreas de cultivos

Os xabaríns xa provocaron 1.180 accidentes de tráfico e destruíron miles de hectáreas de cultivos

Finca de millo estragada polos xabaríns

O sindicato Unións Agrarias ven de participar esta mañá na reunión do Plan de Acción Global para a Xestión do Xabaril, convocada pola nova Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo. Nesta reunión participaron tamén representantes de estradas da Xunta e do Estado, Seprona, Tráfico, Garda Civil, e Federación de Caza.

Esta iniciativa da Xunta nace da preocupación da organización agraria polos danos das poboacións dos xabarís na agricultura galega, especialmente en cultivos como patacas, millo ou castañas. Todos os presentes coincidiron en que os danos van a máis na agricultura, e nas vías de comunicación, reportándose 1.180 atropelos de xabaril nas estradas galegas no que vai de ano.

E iso a pesares das 20.000 batidas e 16.180 xabaríns abatidos no que vai de campaña. Neste sentido, dende Unións reclaman que “son precisas novas medidas que permitan un cambio de tendencia, que permitan recuperar a tranquilidade nos produtores agrarios, a seguridade vial nos viais galegos, e o equilibrio ecolóxico nos espazos protexidos”.

Ademais, advirten de que é preciso manter baixo control o risco de contaxio de de enfermidades á cabana gandeira galega, tanto bovina como porcina, “preocupando especialmente o abrocho de peste porcina africana de Bélxica, transmitida polo porco bravo”. “Datos todos que abundan na necesidade de controlar e xestionar as poboacións de xabaril”, subliñan.

Propostas de Unións Agrarias: reformar a Lei de Caza a axudas para paliar os danos nos cultivos

Unións Agrarias trasladou as súas iniciativas, que incluirían a reforma da Lei de Caza de Galicia, a fin de permitir unha maior eficacia das esperas, eliminar os vedados de xabaril, e establecer a obriga aos TECOR e sociedades de caza de presentar un plan de prevención de danos anual, onde figurasen as zonas de cultivo de cada TECOR, a época de risco de ataques do xabaril, e as actividades programadas para evitalos con accións preventivas, e medidas paliativas. Asemade, Unións pediu a nova convocatoria de axudas para prevención e pago de danos, que levan sen convocarse dende o ano 2009, coa paréntese da convocatoria extraordinaria do ano 2016.

Nunha recente comparecencia no Parlamento Galego, a Consellería de Medio Ambiente anunciou que está previsto que estas axudas se convoquen de novo en 2019.

Igualmente Unións Agrarias, solicitou a posta en marcha dun Plan Piloto de control de danos, propoñendo  a comarca do Deza para a súa execución, pola especial problemática que concorre nela, pola alta actividade agraria e a igualmente alta incidencia de danos. Para elo iniciará contactos coas cooperativas e os TECOR nas próximas semanas, nas que irá concretando a proposta técnica.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información