“Os propietarios das terras eólicas están nunha situación débil, son precisos cambios”

Damián Copena, do Observatorio Eólico de Galicia, avoga por limitar os procesos de expropiación de terreos, que aumentaron nos últimos anos tras modificarse a normativa autonómica no 2017

“Os propietarios das terras eólicas están nunha situación débil, son precisos cambios”

Damián Copena, do Observatorio Eólico de Galicia.

O Observatorio Eólico de Galicia, unha entidade impulsada pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, naceu hai uns meses co obxectivo principal de asesorar ós propietarios de terras eólicas. Falamos cun dos seus integrantes, Damián Copena, para analizar o ‘mini-boom’ de novos proxectos de parques eólicos que están xurdindo en Galicia. Na comunidade, hai 3.300 megawatios eólicos instalados e 600 de próxima instalación, nalgún caso con complexos xa en construción.

Con que obxectivos nace o Observatorio Eólico de Galicia?
– O Observatorio concíbese como unha ferramenta que sirva para apoiar ós propietarios do rural. Queremos transparentar todo o relacionado coa enerxía eólica, asesorar ós propietarios dos terreos e divulgar experiencias positivas, tanto no ámbito das comunidades de montes veciñais, que son as entidades coas que temos máis contacto no terreo, coma no ámbito dos Concellos.

Outra cuestión importante é que o Observatorio nace con espíritu propositivo. Son precisos cambios normativos, que trataremos de impulsar, para mellorar as rendas dos propietarios.

Que problemas detectades no actual marco normativo en Galicia?
– Todo o que ten que ver cos procesos de negociación dos parques eólicos entre propietarios e empresas está condicionado polo marco normativo existente. Os cambios que se produciron nos últimos anos foron negativos para os axentes rurais. Desde finais do 2017, eliminouse a obrigatoriedade de xustificar os procesos de expropiación das terras, co cal están producíndose moitos procesos de expropiación para parques eólicos.

“En países como Alemaña ou Dinamarca, a maioría dos parques teñen a propiedade repartida entre múltiples axentes locais, incluíndo ós propietarios das terras”

Polo que vemos nos últimos meses, as ofertas das empresas eólicas non están sendo boas. Que haxa un proceso de expropiación iniciado ó mesmo tempo que se negocia é unha espada de Damocles para as comunidades de montes, pois condiciona as rendas finais que van obter.

A realidade é que os propietarios das terras quedan nunha situación débil. Son precisos cambios en múltiples ámbitos, pero a cuestión da expropiación é importante. Non se deberían permitir expropiacións de calquera xeito.

Que outros cambios vedes precisos para fortalecer a posición dos propietarios?
– É necesario tamén avanzar na democratización da enerxía eólica. Débese apostar por unha figura específica que favoreza o desenvolvemento de parques eólicos cooperativos, nos que haxa participación de axentes locais como comunidades de montes ou cooperativas agrarias.

Se observamos o que sucede en países de Europa como Alemaña ou Dinamarca, as grandes empresas enerxéticas teñen pouca participación no total do negocio eólico, pois a maioría dos parques teñen a propiedade repartida entre múltiples axentes locais. Os propietarios están no accionariado dos parques, co cal as súas rendas multiplícanse.

No caso dos arrendamentos que se acordan en Galicia, que rendas están obtendo os propietarios dos terreos nos que se asentan os parques eólicos?
– En canto ós ingresos dos propietarios en Galicia, temos estudado que porcentaxe representan sobre a facturación bruta dos parques e atopámonos con que móvese entre o 1% e o 1,5% da facturación. Son cifras baixas. Os impactos económicos para os propietarios poderían aumentar sen que iso dificultase a instalación dos parques eólicos.

Son precisas ferramentas que garantan maiores niveis de rendas e maior capacidade de participación e decisión dos propietarios. É fundamental transparentar os procesos. En moitos casos, os propietarios descoñecen que hai un proceso administrativo avanzado que rematará coa instalación de parques eólicos nas súas terras.

Que perspectivas hai cos novos parques eólicos en proxecto para os propietarios?
– Os parques eólicos representan unha oportunidade para xerar rendas e desenvolver iniciativas, aínda que o contexto normativo é complicado. Na actualidade, estamos asesorando ós propietarios en máis dunha vintena de futuros parques eólicos, tanto comunidades de montes coma propietarios privados. Para eles, os parques representan unha oportunidade de xerar emprego e dinamizar o entorno local.

Os montes veciñais en particular favorecen unha visión ligada ó ben común. Pódense identificar moitos casos nos que as rendas dos parques eólicos posibilitan nas comunidades a xeración de emprego e de iniciativas sociais e medioambientais.

Como valorades o actual nivel de conflitividade social e medioambiental que provoca en ocasións a instalación de novos parques?
– En cuestións ambientais, na actualidade non está permitido ubicar parques eólicos en zonas de Rede Natura, que foi unha situación que si se deu no pasado, con casos de conflicto paradigmáticos, como o da serra do Xistral. Agora só se permite repotenciar parques en Rede Natura, pero non crear novos complexos.

Nos últimos anos, houbo procesos sociais de oposición ós parques en zonas como o Galiñeiro ou o Morrazo, pero en xeral, o malestar dos veciños afectados polos parques céntrase na falta de capacidade de negociación real e na escasa participación que teñen en todo o relacionado co proceso administrativo do parque eólico.

Como comentabamos, o contexto normativo é complicado, pero aínda así, tamén hai que resaltar que atopamos casos interesantes onde os propietarios logran melloras importantes nas negociacións e introducen cláusulas que incrementan os impactos positivos a nivel local.

Contacto do Observatorio Eólico de Galicia
observatorio.eolico@uvigo.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información