Os produtores de cereal da Limia critican o modelo de pago verde creado pola Xunta

Consideran que a Orde da Xunta é moi restritiva ao non contemplar o trigo de inverno e do primavera como cultivos diferentes, algo que si fixo a Junta de Castilla y León.

Os produtores de cereal da Limia critican o modelo de pago verde creado pola Xunta

A Limia produce o 80% do cereal de Galicia.

Os produtores de cereal da Limia demandan cambios na Orde da Consellería de Medio Rural pola que se regulan os requisitos para acceder ao chamado pago verde ou greening, dentro da nova PAC 2015-2050.

Unha das exixencias é a diversificación de cultivos: 2 para as explotacións de máis de 10 hectáreas e 3 para as de máis de 30 hectáreas. E en Galicia a Xunta decidiu non contemplar como diferentes cultivos os cereais de primavera e os de inverno pertencentes ao mesmo xénero botánico.

Unha normativa máis restritiva que a de Castela e León

Esta exixencia afecta de cheo aos produtores de cereal da Limia que se poderían quedar sen axudas do pago verde, ao non cumprir co requisito da diversificación de cultivos. Isto nunha comarca que é o celeiro de Galicia, con 13.980 hectáreas de trigo, que produciron 48.180.000 kilos, o que supón o 80% da base de provisión do trigo tremesino de Galicia, que se utiliza para a elaboración do Pan de Cea”.

Ademais, dende a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL), lembran que “esta comarca é pioneira por excelencia no cereal de primavera, empregando variedades específicas adaptadas á zona por condicións edáficas e climatolóxicas, e que ademais cumpren coa premisa de estar cando menos dous meses na parcela no período comprendido entre maio e setembro”.

Pídenlle á Xunta que corrixa a Orde con carácter de urxencia

Critican tamén que “a Orde da Consellería de Medio Rural sexa máis restritiva que a de Castela e León, comunidade cerealista por excelencia na que o goberno autonómico si contempla o trigo de inverno e o de primavera como diferentes cultivos, malia que pertenzan ao mesmo xénero botánico”.

Ante esta situación, ADEGAL ven de solicitar ao FOGGA e á Consellería do Medio Rural e do Mar que “con carácter de urxencia, se contemple como cultivos diferentes os cereais de primavera e de inverno pertencentes ó mesmo xénero botánico, motivado polo interese que radica na comarca e a súa importancia no cumprimento da diversificación do “greening”, e que así se faga constar na orde correspondente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información