Aerogeneradores en el monte vecinal.

“Os novos parques eólicos expolian ós propietarios”

José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, un colectivo de propietarios afectados por parques eólicos, critica as novas instalacións que se acometen en Galicia. “As empresas ofrecen contratos de aluguer que representan menos do 1% anual dos ingresos do parque”, cuestiona

A enerxía eólica atravesou máis dunha década de parón en Galicia, pois do 2007 ó 2018 a penas se crearon novos parques eólicos, pero no 2019 a patronal eólica pronostica que se instalarán na comunidade arredor de 600 megawatios eólicos. Estas novas instalacións, que representan un novo ‘mini-boom eólico’, estanse a poñer en marcha “arrasando cos dereitos dos propietarios”, segundo critica José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, un colectivo de propietarios impulsado por Unións Agrarias que aglutina a afectados polos complexos.

O obxectivo de sempre de Ventonoso foi o de lograr mellores prezos para os propietarios nos contratos de aluguer coas empresas eólicas. Que perspectivas hai cos novos parques que están en marcha?
– Os propietarios contamos agora menos que nunca. As compañías eólicas están practicando un expolio do rural que foi facilitado pola Xunta. Nos últimos anos, a Xunta recurtou os dereitos de comunidades de montes veciñais e de propietarios, de tal xeito que as empresas teñen moi fácil acceder a procesos de expropiación con baixos prezos do solo.

“EDP, a eléctrica portuguesa, foi a única que asinou contratos para pagarlle ós propietarios unha porcentaxe dos ingresos dos seus parques”

Os contratos de aluguer que están ofrecendo as grandes eólicas, como Naturgy (a antiga Fenosa) ou Enel Green Power (Endesa), son o equivalente do que tería que pagar a eléctrica pola expropiación das terras. Se relacionamos eses novos contratos de aluguer cos ingresos que obterán as eléctricas pola venda de enerxía, atopámonos con que se lle ofrece ós propietarios menos do 1% dos ingresos do parque, cando na última década se viña pagando o 1,2% – 1,3%.

A única empresa que no seu día asinou contratos que incluían o pago ós propietarios dunha porcentaxe de ata o 2,75% dos ingresos foi EDP, a eléctrica lusa. Non houbo máis.

Que empresas se están beneficiando principalmente destes novos parques?
– Sobre todo son catro grandes empresas, tres multinacionais (Naturgy, Enel Green Power e Capital Energy) e unha empresa galega, Norvento. Sobre Norvento, temos que dicir que estamos moi decepcionados, xa que tivemos reunións con eles e tiñan un compromiso de facer contratos de 6.000 euros por megawatio, pero á hora da verdade están ofrecendo contratos moi baixos e optando por expropiar. Fixeron expropiacións para algún parque eólico que lles saíron ben de prezo e agora están apostando en tódolos parques polas expropiacións ós propietarios, que se ven indefensos. O propietario ou colle ‘guatemala’ ou vai para ‘guatepeor’.

“Estamos decepcionados con Norvento, unha empresa galega que se comprometera a pagar prezos xustos e que na práctica está expropiando a baixos prezos”

É triste que en países como Dinamarca ou Alemaña se apostara por fomentar a participación dos axentes locais nos parques, por exemplo vía cooperativas de propietarios de terras, e que aquí se optase por beneficiar a grandes monopolios, ós que a Xunta lles pon a alfombra.

Falas dunha reducción de dereitos dos propietarios nos últimos anos. Explícanos en que cuestións se empeorou.
– Unha cuestión clara é que no caso de parques eólicos que se vaian instalar nun monte veciñal, a Xunta eliminou o trámite de prevalencia. Antes, como o monte veciñal é de utilidade pública, había que facer un trámite de prevalencia para ver que utilidade pública primaba, se a do parque eólico ou a da comunidade de montes. Na práctica, a Xunta sempre se burlou dos montes veciñais e concedíalle a prevalencia en tódolos casos ó parque eólico, pero agora eliminouse ese trámite, co cal se pode reducir ata nun ano o proceso administrativo do parque, e déixase ás comunidades de montes sen dereitos.

A tramitación ambiental dos parques é outra cuestión que en Galicia sempre foi moi laxa, desde a época Fraga, e é posible que no futuro os promotores eólicos teñan problemas por ese lado. Dáme a impresión de que a Xunta está bloqueando a ampliación da Rede Natura para facilitar novos parques eólicos neses terras, pero haberá que ver se a Comisión Europea permite esa xogada.

En Ventonoso tedes tamén criticado ó Xurado Galego de Expropiación porque entendedes que está beneficiando ás empresas, en perxuízo dos propietarios. Cal é a situación a nivel de expropiacións?
– Pois estanse pagando os terreos eólicos a prezo de solo rústico, sen ningunha plusvalía. É un expolio consentido pola Xunta, pois é a Xunta quen expropia por medio do Xurado Galego de Expropiación.

“A lexislación agora permite que unha empresa eólica expropie menores superficies e lle esixa ós propietarios manter o resto sen arborado”

Outra cuestión a ter en conta é que o Goberno galego vén de modificar a lexislación de prevención de lumes para obrigar a que o propietario manteña sen arborado 200 metros arredor de cada aeroxenerador. Con esa disposición, agora a empresa nin sequera terá que expropiar grandes superficies. Poderá expropiar unha pequena parte a baixos prezos e esixirlle ó propietario que manteña sen arborado a parte restante.

Verdadeiramente, logo de tantos anos de traballo na defensa dos propietarios, teño claro que as empresas eólicas e a Xunta están operando no rural galego coa mesma impunidade que teñen as compañías enerxéticas en Latinoamérica. O rural galego é un Oaxaca máis.

As novas instalacións eólicas, que se rematarán este 2019, son froito das primas de enerxías renovables que lle concedeu o Goberno en subasta ás compañías promotoras. A patronal eólica fala de que na próxima década, 2020-2030, Galicia duplicará a súa potencia eólica. Como ves ese proceso?
– En primeiro lugar, iso está por ver. É de supoñer que haberá novas subastas de primas, pero polo momento non hai nada firme sobre esa cuestión. Se non hai subastas de primas e non se garante unha rendibilidade mínima para os investimentos, quizais esteamos ante unha burbulla.

En segundo lugar, as novas que están saíndo sobre a expansión da enerxía eólica en Galicia son promovidas pola patronal eólica. É un sistema de publicidade, de venderlle á opinión pública que os parques van ser bos para a sociedade, pero no rural temos claro que está habendo un expolio das nosas terras e isto algún día terá que pararse.