“Os medios xeneralistas crean unha imaxe equivocada de que no agro non hai futuro”

Entrevista a Manuel Cruz Rodríguez, presentador e director do programa A Labranza, que neste 2016 cumpre 25 anos de emisión na Televisión de Galicia.

“Os medios xeneralistas crean unha imaxe equivocada de que no agro non hai futuro”

Manuel Cruz, director e presentador de A Labranza

Cada domingo ás 13:50 horas miles de fogares galegos, especialmente no medio rural, están pendentes da emisión de A Labranza, o programa de información agraria da Televisión de Galicia que neste 2016 cumpre 25 anos de emisión.

Como afirma Manuel Cruz, presentador e director deste emblemático programa, “a xente no rural ve a Labranza como un programa que é parte deles: ao igual que á granxa vai o nutrólogo ou o veterinario, que vaiamos os da Labranza a gravar tamén é unha parte máis do sector”.

Como empezou o teu contacto co xornalismo agrario?
Ao saír da facultade de Xornalismo, en 1996, fixen prácticas na Televisión de Galicia e coincidiu que empecei neste programa, e enganchoume de tal maneira a información agraria que xa nunca me movín del. No 2004 empecei a presentar de forma continuada A Labranza e dende o ano 2011 son tamén o director do programa.

Non é fácil para un programa de televisión acadar os 25 anos e menos para un de información agraria. ¿Cal é a clave deste éxito?
Creo que a clave foi a que instaurou Anxo Vázquez, o fundador destes programas agrarios na TVG. El trasladou a filosofía do servizo de Extensión Agraria á televisión: ofrecer información técnica e de utilidade para os agricultores e gandeiros. E nós continuamos con esa filosofía: facer información dende o labrego e para o labrego, o que non quita que sexa información de interese para calquera telespectador, porque as raíces de Galicia seguen estando no campo.

 “O éxito do programa foi trasladar á televisión a filosofía do Servizo de Extensión Agraria”

¿Cales son os resultados de audiencia ao programa da Labranza?
Os resultados de audiencia son bastante positivos. O programa A Labranza ten un share medio do 17%, bastante por riba da media da TVG e dos estándares da televisión hoxe en día. O que se notou bastante foi a fragmentación da audiencia debido á existencia de numerosas canles de televisión.

¿Que imaxes consideras que dan os medios de comunicación do sector agrario e que imaxe cres que teñen os gandeiros de si mesmos?
Considero que a realidade do campo actual é bastante descoñecida para unha boa parte da poboación galega. Moita xente quedouse coa imaxe do campo que eles coñeceron e non son conscientes da evolución que se rexistrou estes anos.

Por outra parte, é un sector que só sae nos medios xeneralistas cando hai malas noticias ou conflitos e isto contribúe a crear a imaxe na sociedade de que é un sector que non ten futuro. E isto, este pesimismo e mala imaxe do sector, chégase a instalar nunha boa parte dos profesionais do campo, que chegan tamén a transmitir esa imaxe equivocada.

“Os medios xeneralistas trasladan a imaxe equivocada dun sector que non ten futuro, e iso chega a instalarse nos profesionais do agro”

¿E cal é a túa visión persoal deste sector?
Eu son do Barco de Valdeorras, onde non queda unha soa vaca de leite e onde non houbo tradición gandeira. E, casualidades da vida, a miña especializade no programa A Labranza é o vacún de leite. Isto permitiume descubrir un mundo que fronte a esa imaxe tópica do labrego que se quedou no campo porque non soubo ir a outro sitio, o que descubrín son uns gandeiros que son uns auténticos homes do Renacemento, porque teñen que saber de todo: de economía, de nutrición, veterinaria, agricultura, mecánica, xestión de empresas…etc.

Fronte á imaxe que hai do campo galego de inmobilismo e individualismo, o de vacún de leite é un sector moi dinámico. Hai que salientar que viviu unha reconversión brutal nas últimas décadas e que, sen embargo, sóubose adaptar pasando de ter unha das estruturas produtivas máis atrasadas de toda Europa, a estar á altura de calquera país punteiro.

Neste momento hai unha grande incerteza no sector coa crise de prezos do leite. ¿Cara onde cres que vai o futuro do sector lácteo galego?
Penso que este é o momento de incerteza máis grande que coñecín dende que estou vencellado ao sector. Vivín outras crises, pero a produción de leite e o número de vacas en Galicia sempre foi aumentando, malia que caese o número de explotacións.

“O futuro do sector pasa porque os gandeiros se convertan en donos do seu leite”

Non teño claro cara onde vai ir o futuro do sector. O que si teño claro é que a vocación gandeira de Galicia ven de vello, forma parte do ADN dos galegos, e ven dada pola orografía e a climatoloxía do país.

Sei que veñen tempos duros pero vai haber futuro no sector, e ese futuro ten que pasar pola organización e porque os gandeiros se convertan en donos do seu leite e podan ter cada vez máis control sobre as distintas fases de produción, transformación e de comercialización.

Dende o ano 1996 seguro que terás moitas anécdotas no teu traballo….
Unha das facetas que máis me fascinou foi a oportunidade que tivemos de capturar en imaxes técnicas e prácticas agrarias que agora xa están esquecidas. Poder falar coa xente maior e ver como toda a súa vida xiraba entorno ás tarefas agrícolas e a vida do agro, foi un dos aspectos que máis me fascinou do meu traballo.

¿Que é o que máis te motiva do teu traballo na Labranza?
O que máis me motiva é pensar que a nosa información pode ser de utilidade para os agricultores e gandeiros e para o mantemento dun sector no que está a alma de Galicia.

O sector agrario e o rural está moi recente aínda na sociedade galega. Como nos dicía hai pouco un destes vellos labregos: “O idioma galego se existe é porque o falaban os labregos”, eles foron os que mantiveron a nosa identidade. Por iso, a maior satisfacción que podo ter é contribuír a que se manteña esta identidade e siga sendo unha fonte de riqueza para o país.

Una idea sobre ““Os medios xeneralistas crean unha imaxe equivocada de que no agro non hai futuro”

  1. Juan Castro

    Labranza e o agro son imprescindibles para a dignificación e a profesionalización do agro galego. E un dos poucos programas da telvisión pública galega que cumpre ca misión que todos os contibuintes desexamos. A amplia audiencia, a calidade e profesionalidade con que son tratados os temas, achega a cultura do agro a toda a sociedade. Parabéns

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información