“Os gandeiros non nos sentimos apoiados ante o lobo”

Os produtores critican os retrasos das indemnizacións e un escaso apoio nas axudas á prevención. A caza legal da especie mantense baixo mínimos, con só unha decena de exemplares abatidos en Galicia desde o 2011

“Os gandeiros non nos sentimos apoiados ante o lobo”

Pintada contra o lobo nunha zona rural de Castela, onde tamén hai conflictividade polos danos á gandería.

O lobo é visto no agro como un mal innecesario, pero a realidade é testán. Houbo, hai e seguirá habendo lobo en Galicia. A poboación do cánido, de feito, recuperouse nas últimas décadas. O número de lobos medra en toda Europa e Galicia non é unha excepción. Hai uns 800 na comunidade, que provocan de media arredor de catro baixas diarias no gando das explotacións galegas.

Os ataques do lobo crean no rural un malestar que atopa unha diana clara na Administración. Cando o pasado fin de semana, unha funcionaria de Medio Ambiente acudiu ás xornadas sobre o lobo organizadas en Friol polo grupo O Xan, no que participan gandeiros, cazadores, investigadores e ecoloxistas, chovéronlle as recriminacións.

“Durante o periodo 2010-2015, estivemos na práctica sen axudas á prevención de danos” (Joan Alibés)

Había na sala gandeiros afectados por ataques, que falaron de burocracia, de anos de retraso no cobro de indemnizacións e da necesidade de maior sensibilidade cara os seus problemas. Non faltou tampouco quen suxeriu levar os lobos á muralla de Lugo ou a San Caetano. Os gandeiros senten que o lobo está protexido polas Administracións e por parte da sociedade urbán e que eles, en cambio, carecen de apoios fronte ó lobo.

Erros a correxir
Que se precisa para mellorar a coexistencia do lobo co agro? Joan Alibés, gandeiro de ovino e cabrún en Meira, enxeñeiro agrónomo e integrante do grupo O Xan, resume a situación: “Se o lobo se considera un patrimonio, debe ‘pagalo’ o conxunto da sociedade”, valora.

“O principal erro -sinala Alibés- foi que no periodo 2010-2015 estivemos na práctica sen axudas para a prevención dos ataques do lobo. A segunda cuestión é que houbo atrasos de varios anos no pago das indemnizacións, aínda que é certo que agora se están poñendo ao día nos pagos”.

Ese panorama -valora Joan- conduce ós gandeiros cara unha terceira vía, a caza do lobo como xeito de prevención de danos, que “debería ser a última opción e non a única”. O problema é que a caza legal do lobo en Galicia, autorizable cando hai danos constatados, atópase baixo mínimos.

“Tivemos casos de exemplares marcados con collares de radiotransmisión que foron cazados de xeito ilegal” (Luis Llaneza, biólogo)

Desde o 2011 ata o 2016, ambos inclusive, permitíronse 25 accións de caza (13 batidas, 12 esperas), co resultado de 8 lobos mortos, ós que hai que engadir outros 2 abatidos na Reserva de Caza dos Ancares. Son cifras ridículas, sobre todo se se comparan coa mortandade ilegal da especie.

Caza ilegal
“Tivemos casos de exemplares marcados con collares de radiotransmisión que foron abatidos de xeito ilegal. Hai unha mortandade ilegal importante”, admite Luis Llaneza, un dos biólogos responsable do censo do lobo realizado en Galicia.

O uso de métodos indiscriminados como lazos, veleno ou a caza furtiva preocupan no Xan. “Hai determinados puntos de Galicia onde os gandeiros perderon mastíns polo veleno que hai no monte”, lamenta Joan Alibés.

Facer un cálculo dos exemplares que morren cada ano de xeito ilegal resulta aventurado, pero tendo en conta que hai 90 mandas de lobo que crían cada ano en Galicia, e descontando a mortandade natural que ten a especie, non é disparatado pensar que alomenos caen un cento de lobos cada ano de xeito furtivo, se non máis.

Oposición social á caza legal do lobo
O problema do furtivismo incontrolado, que opera na impunidade, contrasta coa oposición ecoloxista que xeran as batidas autorizadas pola Administración en casos de danos reiterados ó gando. “Esa oposición ás batidas non xerará un aumento do furtivismo?”, pregúntanse no Xan.

A impunidade do furtivismo contrasta coa oposición ecoloxista que xeran as escasas batidas autorizadas

Desde O Xan lembran que calquera gandeiro afectado por ataques ou calquera grupo de gandeiros pode solicitar ante a Xunta a execución de batidas contra o lobo por danos: “O recomendable é facelo cun consenso da sociedade de caza local e cun acordo dun grupo de gandeiros, pero pódese solicitar incluso a título persoal”.

Visión dos cazadores
Outra cuestión a ter en conta é o escaso interese que semella espertar o lobo entre os Tecores. “Para os cazadores, o lobo non é unha especie atractiva” -sinala Antonio Mota, da Unión de Tecores de Galicia (Unitega)-. “As sociedades de caza somos colaboradoras obrigadas no control do lobo, pero cando falas cos Tecores, non hai ningún onde os socios estean interesados na caza do lobo”.

“Hai unhas décadas, o cazador de lobos era visto como un héroe. Hoxe en día, a sociedade ‘urbanita’ condena que se maten lobos” (Antonio Mota, Unitega)

A oposición social que xera a caza do lobo é un dos factores que non gusta entre os cazadores. “Hai unhas décadas, os cazadores de lobos eran héroes e paseaban o lobo pola aldea. Hoxe en día, matar lobos non está ben visto pola sociedade ‘urbanita’. Outro factor é que o lobo é unha especie difícil de localizar e de matar e ademais, constitúe un perigo para os cans”, sinala Antonio Mota, de Unitega, un colectivo que agrupa a 91 Tecores de Galicia e que avoga por entender a caza desde unha perspectiva social, non deportiva nin comercial.

A morte de cans por ataques de lobo durante a caza doutras especies, como corzo ou xabarín, dáse cunha incidencia que desde Unitega cren frecuente. “Queremos ver o alcance do problema e crear un rexistro dos cans de caza afectados. Imos valorar se hai posibilidade de que o seguro que temos poida cubrir as perdas de cans por ataque de lobo”, anuncian.

Balance das axudas de prevención do 2016

No 2016, a Consellería de Medio Ambiente volveu convocar as axudas para prevención de danos, tanto por ataques de lobo como de oso ou xabarín, cunha cuantía total de 400.000 euros. Estas axudas non se convocaban desde o 2012, se ben no periodo 2010-2012 cunha cuantía insignificante de 28.000 euros por ano. O retorno da liña de axudas á prevención é considerado positivo desde o sector, aínda que pídense melloras para a convocatoria 2017.

A liña de axudas para danos de lobo saldouse no 2016 con 343 beneficiarios que xustificaron a subvención, con 577 euros de apoio medio por persoa. Un dos problemas estivo en que houbo máis de 200 persoas que tiveron que renunciar á axuda por ser dunha cuantía insuficiente. “Se un gandeiro quere mercar un pastor eléctrico con placas solares, que custa entre 300 e 400 euros, e lle conceden 20 ou 30 euros de subvención, está claro que non lle solucionan nada”, valora Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego.

Desde O Xan piden unha mellora dos criterios de asignación e das medidas ás que se destinan os cartos. Os métodos aconsellados son peches fixos de alomenos 1,5 metros e con fíos de pastor eléctrico por abaixo e por arriba, mallas móbiles electrificadas e mastíns, tamén aconsellados como complementos ós peches.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información