Os danos do xabarín abren o debate sobre como mellorar o seu control

Cazadores e organizacións agrarias están de acordo na necesidade de axilizar a adopción de medidas cando se rexistran episodios de perdas en cultivos agrícolas. Piden evitar os casos de atrasos que se deron esta primavera

Os danos do xabarín abren o debate sobre como mellorar o seu control

Finca de millo arrasada esta primavera polos xabaríns

Os danos que causou no agro o xabarín na primavera, en especial nos campos sementados a millo, reabren o debate sobre como mellorar o seu control Este ano xa non hai indemnizacións para paliar as perdas nin pólizas de seguro viables, polo que nas zonas con danos o malestar vai medrando. Como reducir os danos?

Organizacións agrarias e cazadores coinciden nuns puntos comúns de análise. Cando hai danos confirmados, cómpre axilizar as medidas de control. “Non pode pasar o que sucedeu hai un par de semanas na Estrada (Pontevedra), cando houbo que suspender unha batida autorizada pola Consellería de Medio Ambiente porque un axente se personou na mesma e negouse a permitila. Tívose que aprazar ata o seguinte fin de semana”, relata Jacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias.

Desde Unións avogan por axilizar as batidas nas zonas con danos e por poñer en marcha vías complementarias, como botar alimentación disuasoria no monte en épocas concretas, caso da sementeira do millo. Tamén piden que se autoricen esperas con focos e visores nocturnos para mellorar a seguridade e efectividade desas accións.

“Hai cuestións para as que pode ser necesario modificar a Lei de Caza de Galicia, pero outras, como a axilización das batidas, son cuestión de sentido común”, valora Jacobo Feijoo.

Unitega

Entre os cazadores, Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega) comprende o problema e comparte o sentir das reflexións que se fan no agro. “No rural galego imos todos no mesmo barco. As sociedades de caza temos como socios a gandeiros e agricultores que son os primeiros interesados en colaborar na solución dos problemas de danos”, subliña.

“Sempre defendemos que a caza é unha actividade social, implicada no territorio, e os cazadores somos os primeiros en entender que no rural hai xente que trata de sobrevivir e temos que poñer toda da nosa parte para acometer medidas de control do xabarín cando nolas pidan”, segura.

Unitega: “É básico axilizar as medidas de control”

En canto ás medidas que pide Unións Agrarias, Mota coincide en que unha das cuestións básicas pasa por axilizar as medidas de control. “Cando se celebran reunións provinciais entre cazadores, organizacións agrarias e Administración para valorar os protocolos de actuación, sempre estamos todos de acordo, pero logo na práctica vemos problemas como o da Estrada ou casos similares de atrasos en batidas solicitadas” -sinala Mota.- “Se os protocolos non funcionan, cómpre revisalos e buscar alternativas”, subliña.

A posta en marcha dunha comisión a nivel autonómico, con cando menos dúas reunións anuais, unha de planificación e outra de balance, podería constituír unha base sobre a que afrontar o problema dos danos, suxírese desde Unitega.

Zonas conflictivas nos vedados de caza

O secretario da Unión de Tecores pon sobre a mesa cuestións que cómpre abordar a nivel autonómico, como os problemas que xeran as zonas vedadas á caza.

“Os Tecores temos que ter vedado un 10% do territorio e eses vedados teñen un tempo de permanencia de 2 anos, durante os que adoitan concentrarse na zona unha maior poboación de pezas de caza maior, como o xabarín. Pódense autorizar batidas nos vedados por danos, pero temos que preguntarnos se son unha boa idea. Están xenerando problemas, por exemplo en concellos como Riós, e quizais sexa bo mantelos para a caza menor pero non para a caza maior”, apostilla.

A Consellería comprometeuse a autorizar todas as batidas contra o xabarín solicitadas por danos.

Desde Medio Ambiente, a conselleira, Beatriz Mato, tense comprometido publicamente a autorizar todas as batidas contra o xabarín solicitadas por danos. A Consellería ten sinalado como zonas máis conflitivas o interior da Coruña e Ferrolterra, o sur de Lugo e o interior de Ourense.

O sector valora positivamente as reunións que se rexistran cada primavera a nivel provincial entre Medio Ambiente, cazadores e organizacións agrarias, pero advirten da necesidade de axilizar os protocolos de control. Desde os cazadores, non obstante, tamén recoñecen que a Administración ten que supervisar os danos provocados polo xabarín, de cara a comprobar as reclamacións e evitar posibles picarescas de batidas pedidas co único fin de cazar fóra de tempada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información