Os Concellos dan pasos para limitar o impacto do ‘catastrazo’ no agro

A preocupación que se está a xerar no rural pola renovación catastral leva a que parte dos municipios de áreas gandeiras comecen a aplicar bonificacións para as granxas

Os Concellos dan pasos para limitar o impacto do ‘catastrazo’ no agro

Os Concellos teñen marxe para reducir o impacto da renovación catastral no agro.

A renovación do Catastro que xa está en marcha no 70% dos Concellos galegos, está a xerar preocupación no rural. A revisión, coñecida xa popularmente como ‘catastrazo’ actualizará os datos dos inmobles e, a maiores, obrigará a pagar a contribución por cortes, pendellos e outras instalacións agrarias, que ata agora estaban exentas. Ante esta situación, parte dos Concellos das comarcas rurais xa están a anunciar bonificacións para as granxas.

Os anuncios de bonificacións no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para explotacións agrarias sucédense nos últimos meses. Lalín e Silleda, no Deza; Muxía, Vimianzo e Laracha, na Costa da Morte; ou Curtis, Melide e Santiago no interior coruñés, son algúns dos municipios que xa confirmaron importantes reduccións de impostos para gandeiros e agricultores.

Curtis
En Curtis, por exemplo, o Concello levou recentemente a pleno a aprobación das primeiras 79 bonificacións do IBI. Houbo 34 propietarios que se acolleron á bonificación máxima, do 95%, o que deixou casos como o dun recibo de 874 euros que pasou a outro de 43,70 euros. Os restantes 45 expedientes beneficiáronse de reduccións do 50%, xa que os inmobles suxeitos á bonificación desenvolven outros usos a parte dos agrarios.

Curtis aprobou recentemente as primeiras 79 bonificacións no IBI. O recibo dun propietario pasou de 874 euros a 43,70

O goberno local de Curtis mantén aberto o proceso de bonificacións e sinala que aínda quedan pendentes solicitudes que se están a tramitar. O Concello xa aprobara no 2014 a bonificación do 95% do IBI para as explotacións gandeiras, agrarias e forestais e no 2015 axustou a normativa municipal para bonificar cun 50% ós inmobles mixtos, é dicir, os que comparten outro tipo de construccións, como vivendas, que se benefician de bonificacións do 50%.

O Concello de Curtis estima que deixará de recadar máis de 8.000 euros por esta medida, se ben precisa que pode afrontar ese esforzo por ter as contas saneadas. Aqueles Concellos que están sometidos a plans de axustes teñen prohibido por Facenda o establecemento de bonificacións no IBI.

Contexto
O debate sobre a renovación catastral está a darse na práctica totalidade dos concellos do rural, ben por mocións que presentan os grupos da oposición no pleno municipal, ben por iniciativas dos propios grupos de goberno.

Unións Agrarias, que está a desenvolver charlas informativas sobre o problema, lembra que os gobernos locais poden establecer bonificacións de ata o 95% para as explotacións gandeiras. Outra medida que poden adoptar é a reducción da taxa a aplicar, que debe estar entre o 0,3% e o 0,9% do valor catastral da edificación, polo que cando sexa maior do 0,3, hai marxe para baixala.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información