“Os centros de investigación temos que substituir a competencia pola colaboración”

Entrevista a Elena Cartea, recentemente nomeada polo CSIC como nova directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG). Reforzar o equipo de investigadores e consolidar ao centro como un referente en investigación agraria e forestal, retos do seu mandato.

“Os centros de investigación temos que substituir a competencia pola colaboración”

Elena Cartea. Autor: CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nomeou este mes a Elena Cartea González, investigadora científica do CSIC, directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG).

Elena Cartea González (Vigo, 1967), que é a responsable do Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas, era dende abril de 2011 vicedirectora da MBG e releva no cargo a Pedro Revilla Temiño, do Grupo de Xenética e Mellora de Millo.

Que retos se marca para este novo período?
En primeiro lugar, gustaríame que a Misión Biolóxica de Galicia se consolidase como un centro de referencia tanto a nivel nacional como internacional en investigación en ciencias agrarias e forestais.

Iso pasa por reforzar o noso equipo científico, sobre todo mediante a consolidación do persoal postdoutoral a través de máis convocatorias de contratos e de prazas de científico titular que permitan a este persoal continuar os seus traballos de investigación nos diferentes grupos do centro. Ademais, gustaríame seguir proxectando a imaxe da Misión Biolóxica tanto a nivel local como nacional, unha liña na que xa traballaron as anteriores direccións.

Os recortes pasaron factura á Misión Biolóxica?
Nos últimos anos houbo recortes en xeral, e a investigación foi un dos sectores máis afectados. En concreto, en investigación en ciencias agrarias o recorte foi bastante drástico.

En todo caso, creo que o peor xa pasou e agora son moderadamente optimista no que é a recuperación do investimento público e privado en I+D.

Nestes momentos traballamos na Misión Biolóxica 75 persoas, das que 14 somos científicos en equipo. Nos anos anteriores á crise o equipo ascendía uns 90 traballadores, que foi diminuíndo polas xubilacións, os estudantes que unha vez finalizada a súa tese non puideron continuar, pero principalmente polos investigadores cuxo contrato non se renovou.

Para remontar esta situación, cales son os principais proxectos de investigación aos que se van presentar para lograr financiamento?
Os proxectos máis ambiciosos son as convocatorias da Unión Europea, que nos obrigan a presentar proxectos conxuntos en consorcio con grupos de investigación doutros países da UE. O problema é que cada vez son máis competitivas dado o gran número de grupos que se presentan a estas axudas e as partidas permanecen estables, co que a taxa de éxito é bastante baixa.

A filosofía dos proxectos de investigación da Unión Europea débese trasladar a España e a Galicia

Outra vía de financiamento importante son os proxectos Interconecta, que presentamos en colaboración con empresas do sector.

Actualmente estamos inmersos na convocatoria de proxectos nacionais que acaba de presentar o Ministerio de Economía e Competitividade. O prazo de presentación finaliza a finais de xullo e estamos a traballar para presentar proxectos competitivos con liñas de investigación relevantes e novidosas.

Non é raro ver grupos de investigación en Galicia traballando no mesmo en distintas institucións e competindo entre eles polos proxectos. Deberíase avanzar cara a unha maior coordinación na investigación agraria en Galicia?
A filosofía dos proxectos de investigación da Unión Europea débese trasladar a España e a Galicia. Temos que substituír a palabra competencia pola palabra colaboración e aproveitar sinerxías entre os distintos grupos de investigación para poder aspirar a obxectivos máis amplos. A colaboración é esencial e iso tamén é aplicable ao traballo de investigación conxunto coa empresa privada.

Por último, gustaríame recordar que a Misión Biolóxica de Galicia traballamos 6 grupos de investigación (Bioloxía de Agrosistemas; Bioquímica da vide; Xenética, mellora e bioquímica de brásicas; Xenética e ecoloxía forestal; Xenética e mellora de millo e Viticultura) en diferentes liñas de investigación, e quero subliñar que todos eles desenvolven liñas de investigación básica e aplicada de gran relevancia para a comunidade científica na mellora de plantas, a viticultura e o sector forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información