Os cativos dunha escola da Coruña pagan unha viaxe de forraxe para ganderías afectadas polo lume

Os cativos dunha escola da Coruña pagan unha viaxe de forraxe para ganderías afectadas polo lume

Os nenos e nenas da escola infantil O Golfiño esta tarde en Xanceda co presidente de Prolega, coa súa mestra e con gandeiros de Xanceda que doaron forraxes

Os nenos e nenas da Escola Infantil Golfiño, da Coruña, pagaron o transporte dun cargamento de forraxe con destino a varias ganderías afectadas polos lumes forestais.

A escola infantil púxose en contacto coa asociación gandeira Prolega para amosar a súa disposición a colaborar coas ganderías que se quedaron sen forraxe para o gando debido aos lumes forestais. Tras recadar os fondos, os cativos sufragaron os gastos de transporte dun cargamento de silo de herba, doado por varias explotacións da parroquia de Xanceda, no concello coruñés de Mesía, e que tivo como destino o municipio de Ponte Caldelas, en Pontevedra, onde a vaga de lumes de finais de outubro deixou sen alimento para o gando a varias ganderías. Os nenos e as nenas da escola infantil Golfiño viaxaron este venres ata Xanceda para presentar o envío que foi posible grazas ás súas aportacións.

O envío deste cargamento solidario foi coordenado pola asociación de gandeiros Prolega. Xunto a este, tamén enviou este venres outro camión de silo dende Xanceda e dous máis de herba seca, un con destino a Carballeda de Avia e o outro para Ponteareas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información