Retrato da aldea actual: os novos veciños, os de sempre e a despoboación

A investigadora Rocío Toxo analiza como é a acollida e a adaptación dos novos veciños que se instalan nunha zona rural do interior de Galicia como o Concello de O Pino. Parte do éxito do proceso está en captar e interiorizar a “complexidade” do rural galego

Retrato da aldea actual: os novos veciños, os de sempre e a despoboación

A investigadora Rocío Toxo.

Nun momento no que boa parte do rural galego acusa unha forte despoboación, hai tamén casos de concellos rurais que nos últimos anos experimentaron o proceso inverso e sumaron novos veciños. A investigadora Rocío Toxo, que participou recentemente no encontro Rural Imaxinado, en Vilar de Santos (Ourense), aborda o caso concreto do concello de O Pino (A Coruña). Toxo procura non só as causas que motivaron a elección deste entorno rural para vivir, senón tamén como foi o proceso de acollida e adaptación dos novos habitantes.

“Aínda que no seu conxunto o Concello de O Pino perde poboación e moita xente nova emigra, tamén hai quen decide instalarse aquí”, explica a investigadora. A proximidade a Santiago de Compostela e o baixo prezo da vivenda son dous dos motivos que impulsan que a xente se instale nesta zona. O municipio coruñés ten na actualidade unha poboación de 4.698 habitantes.

A transformación da vida na aldea

Un dos factores que está a condicionar a identidade das aldeas nos últimos anos é a transformación no xeito de relacionarse os seus veciños. Uns cambios que son palpables xa dende os anos 90 e que se agudizan se se compara coas relacións que se daban nas aldeas nos anos 70 e anteriores. É un aspecto no que pon especial atención a investigadora, posto que afirma que é clave para entender a situación actual dos núcleos rurais.

“Antes os nosos cans daban unha volta pola aldea e xuntábanse cos dos veciños e a xente faciamos o mesmo, agora cada quen está na súa casa”

Os propios veciños explican ese fenómeno de cambio coas súas experiencias ó longo destes anos. “Nesta aldea non queda ninguén, agora saes fóra e pode que non te atopes con ninguén e antes iso non pasaba, a xente estaba fóra das casas”, recorda a investigadora a testemuña dunha persoa que chegou á aldea procedente de Cataluña hai xa anos. As súas palabras reflicten o cambio que se deu nas aldeas, onde á despoboación súmanse ós cambios derivados de que a agricultura e a gandería xa non sexan un dos principais sectores de ocupación da poboación galega.

Toxo recolle na súa investigación, aínda en curso, como o comportamento dos veciños das aldeas ten mudado dende os anos 70. De novo, bota man da testemuña desta persoa para explicalo: “Antes os nosos cans ían tódalas mañás ver os cans dos veciños e igual faciamos a xente. Agora cada quen está encerrado dentro da súa casa, con cans que non saen da propiedade, que ademais está pechada, agora todo o mundo constrúe balados e peches”, rememora a investigadora.

“Hai unha visión idealizada da aldea dos anos 70 asentada nas relacións que antes se daban entre os veciños”

Á hora de analizar os cambios que experimentaron as aldeas, e en concreto o caso de O Pino, Toxo apunta a outro factor clave nesta análise: a idealización que moitos dos veciños fan da vida da aldea en anos pasados. “Hai unha visión idealizada da aldea dos anos 70 asentada nas relacións que antes se daban entre os veciños”, concreta.

A investigadora tamén incide en que o desexo de recuperar a aldea de tempos pasados se centra só nas relacións, xa que a confortabilidade da vida nos núcleos rurais mellorou en gran medida e non apreciou que realmente haxa un anhelo por aqueles tempos nese senso.

Quen vive na aldea?

Á hora de coñecer como é a aldea actual e como foi en tempos pasados, Rocío Toxo botou man de entrevistas a habitantes do municipio con perfís moi variados. Estes encontros tamén lle permitiron definir o perfil da xente que vive na actualidade neste municipio en base ás razóns que apuntaron para vivir na aldea.

De sempre na aldea
Boa parte da poboación son xente que ten as súas orixes neste mesmo municipio ou que dalgún xeito está vinculada a el xa pola súa familia, como aqueles que casaron con alguén que vivía no lugar e se trasladaron alí. Neste grupo tamén están aqueles que naceron na aldea e retornaron ó municipio logo de ter emigrado tanto fóra de Galicia como a algunha cidade galega. Asimesmo, hai veciños que quedaron a vivir na aldea condicionados polo coidado dalgún familiar dependente ou aqueles que nunca se cuestionaron marchar e apostaron por vivir neste espazo rural.

Hai tamén quen chegou a vivir a esta zona por razóns de tipo económico vinculadas á propiedade da terra en Galicia, é o caso dos fillos de caseiros que se trasladaron coa súa familia e que levan toda a vida vivindo alí.

Procedentes da cidade
Xunto ós veciños vinculados ó rural durante toda a súa vida, no municipio viven tamén persoas chegadas de núcleos urbanos e que non tiñan ningún vínculo afectivo con esta zona. Son xente que chegou procedente de grandes urbes como Madrid ou Barcelona e que levan vivindo nestas aldeas máis tempo do que o fixeron nas súas cidades natais. A chegada de veciños novos é algo que continúa na actualidade, agora procedentes tamén de países asiáticos, latinoamericanos e Europa.

“Algúns chegaron á aldea buscando ser ‘neocampesiños’ pero descoñecían que ser campesiños era tan caro cando non se conta con apeiros e terra”

Nestes casos, as razóns que impulsan o asentamento no rural débense, en gran medida, ó prezo da vivenda pero tamén por preferir este ambiente para a crianza dos fillos. Hai mesmo quen escolleu vivir no rural porque buscaba converterse en ‘neocampesiños’, aínda que, “estas persoas que o intentaron hai anos nunca o puideron facer porque descoñecían que ser campesiños era tan caro cando se carece de tódolos apeiros e terras, así que finalmente sempre tiveron outra actividade como principal sustento”, explica Toxo.

Proceso de acollida e adaptación

Para trazar o retrato da aldea actual, Toxo indaga sobre os procesos de acollida e adaptación dos novos veciños do rural como factores determinantes que amosan pistas das relacións actuais e a vida na aldea.

Na percepción xeral dos veciños que sempre viviron no rural, “cren que a xente da aldea se abriu moito máis á xente que vén de fóra”, explica Toxo. Porén, teñen a sensación de que nalgúns casos os novos veciños non fan abondo na procura dunha integración real, sobre todo no caso daqueles que deciden instalarse nesa zona por motivos económicos relacionados co prezo da vivenda.

“Non participar en actividades parroquiais como a misa ou non contribuír coas festas patronais condiciona a integración dos veciños chegados á aldea”

A investigadora concreta que estas relacións adoitan ser distantes e apunta a que a falta de participación en actividades propias da parroquia contribúe a este distanciamento. “Que non vaian á misa en determinados días, aínda que hoxe en día xa non é tan importante, ou que non paguen as cotas da festa parroquial, ou pechen as fincas antes de construír a súa vivenda son factores que condicionan a súa integración”, resume a investigadora.

Namentres, os veciños que se asentaron na aldea procedentes da cidade afirman sentirse integrados “pero notan pequenas diferencias no trato con respecto ós veciños que sempre viviron na aldea, son sutís e teñen que ver con moitos motivos”, afirma Toxo.

Un deses factores son os lazos que unen a estes veciños co rural. “Saber de quen ves sendo é determinante para a integración”, asegura a investigadora. “O momento no que alguén da aldea os presenta é sinalado como clave para que a percepción dos veciños mude e comecen a abrirse”, reafirma. Tamén a escolarización dos cativos resulta unha porta para esa integración e para establecer lazos e relación con outros veciños, aínda que se esgota en canto os rapaces rematan a etapa escolar.

A integración tamén está limitada pola dificultade de comprender a complexidade do rural

A integración tamén está condicionada pola disposición de aprender o idioma “aínda que o falen e sexan capaces de traducilo, eles creen que non chegan a captar a complexidade do rural”, explica Toxo para referirse a eses matices sutís que actúan como factores limitantes desa integración.

E se a acollida e a integración resulta cando menos complexa, Rocío Toxo tamén matizou que a propia investigación e a análise están tamén, en certo modo, condicionadas e limitadas por esa idiosincrasia do mundo rural, aínda con reticencias a compartir abertamente todos os factores que a determinan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información